Henrique VI, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Henrique VI
Emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico
Enrique VI no Códice Manesse. (c. 1300)

Reinado1191 - 1197
Outros títulos
Nacemento1 de novembro de 1165
Nimega
Falecemento28 de setembro de 1197
Mesina
PredecesorFrederico I
SucesorOtón IV
ConsorteConstanza de Sicilia
DescendenciaFrederico II
Casa realCasa de Hohenstaufen
ProxenitoresFrederico Barbarroxa
Beatriz, condesa de Borgoña

Escudo de Henrique VI, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico
Escudo da familia Hohenstaufen
Na rede
Musicbrainz: 7525abea-529e-477b-b44b-a53293f766fb WikiTree: Staufer-45 Find a Grave: 13566035 Editar o valor em Wikidata

Henrique VI de Suabia, ou Henrique VI Hohenstaufen, nado o 1 de novembro de 1165 en Nimega (que daquela formaba parte do Sacro Imperio Romano Xermánico), e finado o 28 de setembro de 1197 en Mesina (daquela no Reino de Sicilia), foi un nobre alemán que foi Rei de romanos de 1169 a 1191, rei de Alemaña de 1190 a 1197, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico de 1191 a 1197 e rei de Sicilia de 1194 a 1197.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era fillo de Frederico I Barbarroxa, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, e da súa esposa Beatriz, condesa de Borgoña.

O 29 de outubro de 1184, en Augsburgo, concertouse o compromiso de Henrique coa princesa normanda Constanza de Hauteville. No verán de 1185 Constanza deixou Palermo para ir a Milán, onde ía celebrarse a voda, acompañada dun fastuoso cortexo de príncipes e baróns. Henrique acompañou a Constana a Salerno, onde tivo que deixala para viaxar a Alemaña para asistir ao enterro da súa nai.[1] O 23 de agosto de 1185, polo valor simbólico e político que tiña a aprobación por parte da Igrexa deste enlace, en Rietti, a primeira cidade fóra do Reino de Sicilia, tivo lugar unha primeira celebración do matrimonio, por procuración, en presenza dunha delegación imperial en representación de Henrique.[2] A voda repetiuse despois en Milán, o 27 de xaneiro de 1186.

Henrique foi elixido en Bamberg en xuño de 1169 Rei de romanos, e coroado como emperador do Sacro Imperio en 1191 en Roma, xunto á súa esposa, polo papa Celestino III.

En 1190 e 1193 logrou impoñerse sobre os nobres alemáns que se lle opoñían, encabezados por Henrique o León, duque de Saxonia e de Baviera, e que contaban coa axuda do papado e do rei de Inglaterra Ricardo Corazón de León, ao que chegou a apresar tras o seu segundo éxito. A pesar da vitoria mencionada non puido alcanzar o seu obxectivo de converter en hereditario o trono de Alemaña (causa do enfrontamento coa nobreza alemá, o papado e Inglaterra) pero, en 1194, tras un primeiro intento fracasado en 1191, logrou, practicamente polas armas, a coroa do Reino de Sicilia, que reclamara como herdanza da súa esposa.

En 1197, o poder tiránico do rei estranxeiro no sur de Italia deu orixe a revoltas, especialmente no sur de Sicilia, que os soldados alemáns reprimiron cruelmente. No mesmo ano, Henrique preparou unha Cruzada,[3] pero o 28 de setembro de 1197 morreu de malaria na cidade de Mesina, aínda que algúns pensan que foi envelenado.[4]

Predecesor:
Frederico I
Rei de romanos
1169 - 1191
Sucesor:
Filipe de Suabia
contra Otón IV
Predecesor:
Frederico I
Emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico

1191 - 1197
Sucesor:
Otón IV
Predecesor:
Guillerme III de Sicilia
Rei de Sicilia
Xunto con Constanza I

1194 - 1197
Sucesor:
Frederico II

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Costanza d'Altavilla, imperatrice e regina di Sicilia". Dizionario Biografico degli Italiani - Volume 30 (1984). Consultado o 30 de setembro de 2016.  En Trecanni (en italiano).
  2. "Il matrimonio per legatos di Costanza d'Altavilla (1185)" (en italiano). Consultada o 30 de setembro de 2016.
  3. En 1197, aínda que "a ben preparada Cruzada do emperador Henrique era para conquistar a Terra Santa, tamén pretendeu alcanzar un antigo desexo dos normandos no leste: a conquista do imperio Bizantino". En: Hilgemann, Werner & Hermann Kinder (1974): The Anchor Atlas of World History, Volume I: From the Stone Age to the Eve of the French Revolution. New York: Anchor Books, Doubleday, p. 153.
  4. "Enrique VI morreu en Messina, envelenado, polo que se cre, polo seu propio contorno debido á súa política italiana". En: Kenneth Varty, ed, (2000): Reynard The Fox: Social Engagement and Cultural Metamorphoses In the Beast Epic from the Middle Ages to the Present. New York: Berghahn Books. ISBN 1-57181-737-9, p. 41.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bogdan, Henry (2003): Histoire de l'Allemagne de la Germanie à nos jours. Perrin. ISBN 2-262-02106-6.
  • Quatriglio, Giuseppe (2002): Mille anni in Sicilia - Dagli Arabi ai Borboni. Marsilio. ISBN 88-317-6405-5.

Outros artigos[editar | editar a fonte]