Condado de Borgoña
- Véxase tamén Franco Condado
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Capital | Q123436812 | ||||
Poboación | |||||
Lingua usada | francés antigo | ||||
Datos históricos | |||||
Creación | 982 | ||||
Disolución | 1678 | ||||
O Condado de Borgoña (en francés, Comté de Bourgogne; en alemán, Freigrafschaft Burgund), foi un condado medieval que perdurou até os comezos da Idade Moderna (de 982 a 1678), que corresponde en gran parte coa provincia tradicional e a actual rexión francesa do Franco Condado.
O seu nome en alemán aínda recorda o título infrecuente do seu conde, Freigraf («conde franco»)[1], de aí o termo Freigrafschaft para o seu principado feudal.
Non debe confundirse co Ducado de Borgoña, que quedaba ao oeste e que era un feudo de Francia desde 843.
Historia
[editar | editar a fonte]O territorio do condado formou parte no pasado do reino dos burgundios, que fora anexionado polos francos en 534 e incorporado ao reino dos francos e ao Imperio carolinxio.
O Imperio dividiuse en 843 polo tratado de Verdún, coa zona que quedaba ao oeste do río Saona entregada á Francia Occidental como ducado de Borgoña, mentres que as partes oriental e meridional do que anteriormente era o reino burgundio corresponderon á Francia Media baixo o emperador Lotario I. Esta parte da Francia Media converteuse en dúas entidades independentes, a setentrional ou Alta Borgoña baixo o rei Rodolfo I en 888, e a meridional ou Baixa Borgoña en 879. O condado de Borgoña formaba a parte occidental da Alta Borgoña.
En 933, co colapso do Imperio carolinxio, tanto a Baixa como a Alta Borgoña foron reunidas no reino de Arlés (Arelato) baixo o rei Rodolfo II que, á súa vez, se derrubou na anarquía feudal coa extinción da súa dinastía en 1032.
O Arelato pasou entón ao Sacro Imperio Romano Xermánico cando foi herdado polo emperador Conrado II da dinastía Sálica, mentres que o ducado de Borgoña foi reinstaurado por unha rama menor dos capetos franceses.
En 982, Otón Guillerme, fillo de Adalberto da Lombardía, conde en Mâcon no ducado de Borgoña, recibiu o condado de Borgoña da súa nai, Gerberga de Dijon. Así converteuse no proxenitor da casa de Ivrea condal, unha rama colateral dos duques bosónidas de Borgoña, descendentes de Hugo o Negro, un irmán do duque Rodolfo, e do cuñado de Hugo, Xilberto.
En 1002, Otón Guillerme tamén foi pretendente ao ducado de Borgoña á morte do seu padrasto o duque Henrique I. Porén, o ducado foi tomado como un feudo revertido polo rei Roberto II de Francia dous anos máis tarde, e Otón só foi capaz de manter o goberno sobre o condado do Arelato coa súa residencia en Dole.
O desenvolvemento das rotas comerciais a través do Xura e a explotación das minas de sal aseguraron a prosperidade do condado e as súas cidades conservaron a súa liberdade e neutralidade nos conflitos feudais.
A finais do século XI, o fillo de Conrado, o emperador Henrique III elevou o arcebispo de Besançon á dignidade de arquichanceler e conferiu á cidade de Besançon o rango de Reichsstadt (cidade imperial libre), baixo o padroado directo do emperador. Guido de Borgoña, irmán de Rexinaldo II, converteuse máis tarde en papa (Calisto II) e negociou o concordato de Worms co emperador Henrique V.
No século XII, a protección imperial permitiu o desenvolvemento de Besançon pero, en 1127, despois do asasinato de Guillerme III, o seu primo Rexinaldo III librouse do xugo imperial. Borgoña foi desde entón chamada "Franche-Comté," isto é "Condado franco" ou "Condado libre".
O emperador Frederico Barbarroxa restableceu a influencia imperial, apresou o irmán do conde Guillerme IV e estendeu a súa influencia casando coa sobriña e herdeira de Guillerme IV, Beatriz de Borgoña, filla de Renato III, cando Guillerme IV morreu. Á morte do emperador Frederico en 1190, o seu fillo máis novo Otón I, recibiu o condado de Borgoña e asumiu un título tan raro que posibelmente sexa único, o de arquiconde. Foi sucedido pola súa filla, Beatriz II, e o seu esposo Otón, duque de Merania; foron á súa vez seguidos polo seu fillo, Otón III, e a súa filla, Adelaida.
Os condes palatinos tiveron durante moitos anos que compartir o poder coas grandes familias feudais do condado, especialmente coa familia de Chalon, que descendía de Esteban III, conde de Auxonne, neto de Guillerme IV e Beatriz de Thiern, o herdeiro do condado de Chalon. A autoridade dos condes quedou restablecida só polo matrimonio de Hugo de Chalon con Adelaida, a irmá e herdeira. Porén, isto non impediu que un fillo máis novo, Xoán de Chalon-Arlay, controlase os estados vasalos.
Otón IV, fillo de Hugo e de Adelaida, foi o último dos condes feudais de Borgoña. Casou coa filla do conde de Bar, sobriña neta do rei Lois IX de Francia, condesa Mahaut de Artois. Este matrimonio levou o condado á influencia francesa. As fillas de Otón IV e Matilde, Xoana e Branca, casaron respectivamente con Filipe V de Francia e Carlos IV de Francia, fillos do rei Filipe IV. Xoana converteuse en raíña de Francia despois de ser unha das protagonistas do Caso da Torre de Nesle.[2] Neste mesmo asunto, Branca foi encontrada culpábel de adulterio e foi encarcerada para o resto da súa vida.
Despois de disputar cos seus baróns, e tras dunha nova revolta contra os franceses levada a cabo por Xoán de Chalon-Arlay, Otón IV cedeu o condado á súa filla como dote, designando o rei de Francia como administrador do dote en 1295. Ao casar a súa filla e herdeira Xoana co duque Eudes IV de Borgoña, quedaron unidos de novo o ducado e o condado baixo o seu goberno, seguido polo seu neto o duque Filipe I. A unión persoal rompeu de novo tras a morte de Filipe sen herdeiros en 1361, e o ducado de Borgoña volveu ser controlado como un feudo polo rei Xoán II de Francia, mentres que o condado imperial foi herdado pola tía avoa de Filipe, Margarida I, unha neta do conde Otón IV. En 1382 Margarida legou os seus estados ao seu fillo o conde Lois II de Flandres.
Lois II morreu en 1384 sen deixar herdeiros varóns, e o condado de Borgoña formou parte do inmenso dote da súa filla Margarita que, no ano 1405, foi herdada polo seu fillo, o duque de Borgoña Xoán Sen Medo. Condado e ducado estaban de novo unidos na persoa dun só gobernante e polos seus descendentes da Casa de Valois-Borgoña até a morte do duque Carlos o Temerario na batalla de Nancy (1477).
O seu primo, o rei Lois XI de Francia, ocupou inmediatamente o condado, coa oposición feroz do arquiduque Maximiliano I de Habsburgo, o marido da filla de Carlos, María de Borgoña. Aínda que derrotados na Batalla de Guinegate (1479), os franceses conservaron o condado até que o rei que sucedeu a Lois, Carlos VIII de Francia desexando quedar libre de conflitos sobre o condado para poder intervir no reino de Nápoles, cedeuno novamente ao emperador Maximiliano e ao seu fillo Filipe o Fermoso polo Tratado de Senlis (1493).
Cos Países Baixos borgoñóns, o condado de Borgoña pasou así para a monarquía Hispánica, até que finalmente se incorporou a Francia en virtude do tratado de Nimega, asinado o 10 de agosto de 1678 en Nimega (actuais Países Baixos) entre as Provincias Unidas dos Países Baixos e os seus aliados (o reino de España e o Sacro Imperio), e o reino de Francia. Por este tratado, Lois XIV de Francia devolveu a España Courtrai, Oudenaarde, Gante, Charleroi e o ducado de Limburgo; España cedeu a Francia o Franco Condado (o Condado de Borgoña) e diversas prazas dos Países Baixos españois (Cassel, Bailleul, Ypres, Wervik, Warneton, Cambrai, Bouchain, Condé-sur-l'Escaut, Bavay e Valenciennes); Holanda recuperou Maastricht e obtivo vantaxes financeiras e comerciais; o Sacro Imperio cedeu Breisach e Friburgo. Esta paz prexudicou especialmente os intereses españois e a causa do medio irmán e primeiro ministro de Carlos II, Xoán Xosé de Austria.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Co sentido que se lle dá en expresións como "zona franca" ou "porto franco".
- ↑ O caso da Torre de Nesle foi un escándalo de adulterio cometido por dúas princesas francesas, Xoana de Borgoña e Branca de Borgoña, respectivamente esposas dos futuros reis Lois X de Francia e Carlos IV de Francia.
- ↑ Ruiz Rodríguez, Ignacio (2007): Don Juan José de Austria en la monarquía hispánica: entre la política, el poder y la intriga. Madrid: Librería-Editorial Dykinson. ISBN 84-9849-029-4.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Condado de Borgoña |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Jean Richard (dir.) (1978): Histoire de la Bourgogne. Éditions Privat. ISBN 978-2-7089-1680-7.
- Bertrand Schnerb (2005): L'État bourguignon. Perrin. ISBN 978-2-262-02360-7.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Frankish Kingdom of Burgundy The History Files (en inglés) .
- Franche-Comté Anne Radeff Dictionnaire historique de la Suisse en liña, versión do 8 de maio de 2007 (en francés).