Reimundo Patiño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Reimundo Patiño
Nacemento8 de marzo de 1936
Lugar de nacementoA Coruña
Falecemento20 de agosto de 1985
Lugar de falecementoA Coruña
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpintor e ilustrador
editar datos en Wikidata ]

Reimundo Patiño Mancebo, nado na Coruña o 8 de marzo de 1936 e finado na mesma cidade o 20 de agosto de 1985,[1][2] foi un pintor e debuxante de banda deseñada galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 a súa familia refuxiouse en Río de Quintas. En 1942 trasladouse a Monforte de Lemos, onde unha enfermidade o mantivo na cama cinco anos. Recuperado, volveu a Coruña e ingresou na Escola de Comercio, onde coñeceu a Xohán Casal, que lle facilitou o acceso a libros vedados da biblioteca do seu pai. Os seus primeiros cadros datan de 1953 cando pintou a serie "As sardiñas", que lle regalou a Xohán Casal. Foi coñecendo a cultura do galeguismo exiliado e entrou en contacto coa obra de Seoane, Castelao e Souto. Fundó con Casal a Liga Nórdica, escribindo un manifiesto. Tamén creou a Unión de Artistas Ceibes. En 1958 trasladouse a Madrid, onde descubriu a pintura de vangarda e participou na fundación do grupo Brais Pinto. Foi un dos fundadores da primeira UPG en 1964 e abandonou esa militancia en 1971. Ese ano fundou con Tino Calabuig, Alberto Corazón e Francisco Escalada o Taller Redor, a primeira galería experimental de Madrid.[3]

Pintura[editar | editar a fonte]

Comezou no informalismo, e evolucionou cara ao expresionismo, o surrealismo e, na década dos oitenta, o neoexpresionismo. Nos seus cadros pódese observar un caos cheo de cor, e a forma non se aprecia facilmente. Foi membro dos grupos Brais Pinto, A Gadaña e Atlántica. Ilustrou libros, como Bocarribeira de Ramón Otero Pedrayo (1958) e Os laberintos da xerfa de Xavier Rodríguez Barrio (Ed. Galaxia, 1984).

Banda deseñada[editar | editar a fonte]

En 1971 realizou a exposición O home que falaba vegliota, composta por enormes páxinas de banda deseñada. En 1975 publicou, con Xaquín Marín, 2 Viaxes, primeiro álbum galego en banda deseñada. Realizou tamén outras historias como "O home que falaba arameu", que viu a luz en recompilacións. No ano 2005, o Lectorado de Galego da Universidad Complutense de Madrid, co patrocinio da Galería Sargadelos de Madrid e coa colaboración de Vieiros, crearon o Premio de Poesía e Relato Curto Reimundo Patiño.

Obra literaria[editar | editar a fonte]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

No ano 2022 dedicóuselle o Día da Ilustración, iniciativa da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).[4].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. La Voz de Galicia, 20-8-1985, p. 1, 15.
  2. El País, ed. (22/08/1985). "Necrológicas: Raimundo Patiño, pintor" (en castelán). Consultado o 7 de marzo de 2017. 
  3. "Un artista innovador". La Voz de Galicia. 12 de xuño de 2003. 
  4. "Homenaxe Di2022: Reimundo Patiño". Día da Ilustración. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]