Eloxio da ociosidade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Eloxio da ociosidade é un conxunto de ensaios en lingua inglesa do filósofo galés Bertrand Russell, publicado en 1935 co título orixinal de In praise of Idleness. Foi traducido ao galego por María Fe González, e publicado por Trifolium en 2010[1].

Historia do libro[editar | editar a fonte]

O conxunto leva o título do primeiro dos 15 ensaios que o compoñen. A primeira edición do libro publicouse en 1935, na editora londiniense George Allen and Unwin, e recolle textos escritos a pé feito para o volume así como algúns outros ensaios escritos e publicados nos anos xusto anteriores, do que é o máis antigo What Is the Soul?, redactado en 1928.

Aínda que é unha obra traducida, as versións a outros idiomas non chegaron ata finais do século XX e principios do XXI: algúns dos seus ensaios foron traducidos ao francés (L'Éloge de l'oisivité, 2002) e ao galego (Eloxio da ociosidade, 2010), mentres que a obra completa foi traducida ao español (Elogio de la ociosidad, 1986), ao alemán (Lob des Müßiggangs), ao italiano (Elogio dell'ozio, 2005) e ao xaponés (怠惰への讃歌, 2009)

Estrutura[editar | editar a fonte]

O volume componse de quince pequenos ensaios de tamaño irregular:

  1. Eloxio da ociosidade (In Praise of Idleness). Publicado en 1932, o texto propón a redución da xornada laboral como solución aos problemas económicos (paro e distribución da riqueza), pero sobre todo como finalidade social e humana. Sendo máis ociosos, os humanos terían máis de tempo de lecer, serían máis felices, e poderían dedicarlle tempo a actividades como a ciencia ou a arte. Foi traducido ao galego en 2010 por María Fe González (Editorial Trifolium).
  2. 'Useless' knowledge (O coñecemento inútil). Contra o que puidera parecer polo título, Russell asume unha posición a prol dun ensino máis práctico có do seu tempo ("unha boa parte da educación cultural tradición é estúpida"[2]. Porén, entende que o "coñecemento inútil" ou trivial, aquel que non ten unha finalidade práctica, ten a súa importancia pois desenvolve os costumes contemplativos e excita os praceres da vida. Russell pon o exempo dos pexegos, pois sabendo da súa orixe etimolóxica (persicus > pexego), e polo tanto da súa orixe xeográfica e histórica, "a mesma froita resulta moito máis doce"[3]. Este exemplo foi posteriormente recollido por Cunqueiro[4].
  3. Architecture and Social Questions (Arquitectura e temas sociais). O aspecto reformista de Russell vese con claridade neste ensaio, onde propón unha reforma das solucións da arquitectura contemporánea, coa introdución dun "elemento comunal"[5]. Os edificios deberían ser grandes es espaciosos, e deberían dispoñer dunha gardería e dunha cociña comunal, o que melloraría a calidade de vida dos pícaros, e que ao tempo reduciría a carga de traballo doméstico para as mulleres, que poderían incorporarse ao mercado de traballo.
  4. The Modern Midas (O moderno Midas). Escrito en 1932, nel Russell reflexiona sobre as compensacións impostas a Alemaña despois da Primeira Guerra Mundial, das que di que non só son imposibles de cumprir para Alemaña, senón tamén unha solución moi daniña para os intereses económicos dos aliados, que ven restrinxida a súa capacidade de producir e competir con Alemaña. Tamén critica Russell o papel do aforro e, en xeral, do sector bancario.
  5. The Ancestry of Fascism (Os devanceiros do fascismo). A análise dos precedentes filosóficos do fascismo ocupa este ensaio. Russell atópaos nunha corrente de pensamento irracionalista que forxaría David Hume e que continuaría Kant, e sobre todo en Fichte, Carlyle e Mazzini. O exame da filosofía destes tres últimos autores, en concreto, ocupan a maior parte do ensaio, así como as relacións do fascismo co nacionalismo e co protestantismo dende un punto de vista filosófico; porén, tamén considera que o cristianismo dende unha perspectiva ética é oposto ao fascismo.
  6. Scylla and Charybdis, or Communism and Fascism (Escila e Caribdis, ou fomunismo e fascismo). Recorrendo ao mito de Escila e Caribdis, dous extremos presentados como a epítome das solucións negativas, Russell critica ao mesmo tempo o comunismo e o fascismo. Ao comunismo oponlle, ademais de discrepancias teóricas sobre a visión económica de Marx e o seu concepto de plusvalía o seu carácter antidemocrático[6], restritivo das liberdades[6], e o feito de estar baseado no odio de clase. Do fascismo critica tamén o seu carácter antidemocrático, o desprezo por grandes sectores da humanidade, e a súa inviabilidade económica.
  7. The Case for Socialism (Defensa do socialismo). É o máis extenso dos ensaios, e o máis complexo dende o punto de vista ideolóxico. Nel Russell defínese como socialista e explica as diferenzas do socialismo co comunismo, e que inclúen tanto a garantía dun réxime democrático como a liberdade económica en cuestións de ámbito persoal, así como o feito de que o socialismo é unha doutrina "non unicamente para o proletariado", senón para o conxunto das clases sociais[7]. Ademais, enlaza con este tema outros tratados anteriormente, como o eloxio da ociosidade —pois avoga por unha redución da xornada de traballo e unha redistribución do tempo de lecer— ou como a reforma arquitectónica. Pero o seu maior argumento a prol do socialismo é a necesidade de evitar a guerra. A diferenza do comunismo e do capitalismo, Russell considera que o socialismo é un sistema non invasivo, e polo tanto, o único capaz de garantir a paz entre os estados.
  8. Western Civilization (A civilización occidental). Russell define a civilización como "un xeito de vida producido trala combinación de previsión e coñecemento"[8], e sitúa a orixe da civilización occidental nos gregos e na súa invención do pensamento dedutivo e da xeometría. Esta achega complétaa coa dimensión política dos romanos e pervive co Cristianismo, que lle dá a súa continuidade. Como características da civilización occidental, que se basea no papel da ciencia e da técnica a partir do século XVI, sinala sobre todo a intolerancia, en contraposición ás culturas orientais.
  9. On Young Cynicism (Sobre o cinismo da mocidade). Neste breve ensaio, Russell aborda o que el considera unha tendencia da mocidade británica, francesa e estadounidense: o cinismo. Atribúelle as causas á vaguidade da relixión occidental, cun Deus indefinido presto a subsumirse como forma de enerxía universal, ao carácter opresor dos estados, que mina o patriotismo e a crise paralela dos conceptos de beleza e verdade.
  10. Modern Homogeneity (A homoxeneidade moderna). Escrito en 1930, o tema da análise de Russell é neste caso a sociedade dos Estados Unidos e a súa homoxeneidade xeográfica "agás no Vello Sur"[9], a partir das viaxes que Russell fixo a ese país para impartir conferencias. Esta homoxeneidade, que basea no carácter industrial da actividade económica do país, ten para Russell vantaxes e inconvenientes. Á desavantaxe de reducir ou extinguir as minorías a longo prazo, Russell aponlle o nacemento dun pensameno de cooperación e un aumento da felicidade do home medio.
  11. Men versus insects (Humanos contra insectos). Neste brevísimo artigo, escrito en 1933, Russell loa a capacidade de adaptación dos insectos nunha crítica da carreira armamentística. Agoira a invención da guerra biolóxica baseada no emprego de pestes de insectos e vaticina con ela a fin da Humanidade.
  12. Education and Discipline (Educación e disciplina). Russell fai aquí unha crítica do autoritarismo e da disciplina nos sistemas educativos: para el, o autoritarismo xera efectos negativos nos que o sofren, pois ou ben produce seres autoritarios, ou ben rebeldes. Por iso avoga por sistemas educativos baseados na liberdade e na convivencia coa mocidade: "os modernos teóricos da educación tenden a concederlle moita a importancia á virtude negativa de non interferir cos rapaces e coas rapazas, e demasiado pouca ao mérito positico de gozar da súa compañía"[10].
  13. Stoicism and Mental Health (Estoicismo e saúde mental). Escrito en 1928, nel Russell avoga polo ensino dunha ética estoica aos rapaces e ás rapazas, como vía pedagóxica para a aprendizaxe e asimilación da experiencia da morte.
  14. On Comets (Sobre os cometas). Neste brevísimo comentario, Russell colle o pretexto do impacto social dos cometas para constatar os cambios da sociedade no século XX e o seu cinismo e increduidade.
  15. What is the Soul? (Que é a alma?). Escrito tamén en 1928, é unha revisión da existencia da alma a partir das evidencias proporcionadas pola ciencia, onde Russell adopta unha posición resignadamente materialista: "aínda que o materialismo metafísico non pode considerarse verdadeiro, dende un punto de vista emocional o mundo é bastante parecido a como sería se os materialistas estivesen no certo"[11].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Eloxio da ociosidade, ficha na web de Cultura Galega.
  2. Russell, Bertrand (2006). In Praise of Idleness. London, Routledge, páx. 21.
  3. Russell, Bertrand (2006). In Praise of Idleness. London, Routledge, páx. 25.
  4. Entrevista a Álvaro Cunqueiro Arquivado 13 de setembro de 2010 en Wayback Machine., RTVE, 1974, minuto 20.
  5. Russell, Bertrand (2006). In Praise of Idleness. London, Routledge, páx. 34.
  6. 6,0 6,1 Russell, Bertrand (2006). In Praise of Idleness. London, Routledge, páx. 73.
  7. Russell, Bertrand (2006). In Praise of Idleness. London, Routledge, páx. 103.
  8. Russell, Bertrand (2006). In Praise of Idleness. London, Routledge, páx. 109.
  9. Russell, Bertrand (2006). In Praise of Idleness. London, Routledge, páx. 130.
  10. Russell, Bertrand (2006). In Praise of Idleness. London, Routledge, páx. 146.
  11. Russell, Bertrand (2006). In Praise of Idleness. London, Routledge, páx. 162.