Saltar ao contido

Dólar do cabelo solto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar do cabelo solto [1]
Busto feminino co cabelo solto, rodeado por 15 estrelas. LIBERTY na parte superior. Data no exergo. Aguia coas ás abertas ollando cara á dereita, dentro dunha coroa vexetal. Lenda: UNITED STATES OF AMERICA.

O dólar do cabelo solto (en inglés: Flowing Hair dollar) foi unha moeda dun dólar de prata cuñada en 1794 e 1795 na Casa da Moeda de Filadelfia, a primeira con este valor emitida polo Goberno federal dos Estados Unidos. O seu peso e o seu tamaño establecéronse tomando como base o real de oito español, unha moeda daquela moi utilizada no comercio en todo o continente americano.

En 1791, logo dun estudo levado a cabo polo secretario do Tesouro, Alexander Hamilton (1757-1804), o Congreso aprobou unha resolución conxunta na que se solicitaba a creación dunha casa da moeda nacional. Ese mesmo ano, no seu terceiro discurso sobre o estado da Unión, o presidente George Washington (1732-1799) requiriu ao Congreso a creación da nova ceca, que foi autorizada oficialmente pola Lei da Moeda de 1792. Malia a autorización, ata 1794 non comezaron as cuñaxes de prata e de ouro.

Neste contexto, en 1794 producíronse as primeiras moedas dun dólar de prata, coñecidas como "dólar do cabelo solto", deseñadas polo primeiro gravador Xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Robert Scot (1745-1823). O ano seguinte realizouse unha segunda emisión, e este modelo foi substituído en outubro de 1795 polo coñecido como "dólar do busto drapeado".

Antecedentes

[editar | editar a fonte]
O secretario do Tesouro, Alexander Hamilton, elaborou un informe sobre o sistema monetario dos EEUU antes da creación da US Mint.

A partir da década de 1780, unha boa cantidade de persoeiros preeminentes dos Estados Unidos comezaron a pedir a creación dunha casa de moeda central que subministrase moeda oficial para a circulación do novo país. Todas estas iniciativas e propostas foron fracasando por mor, na maioría dos casos, da falta de fondos e tamén pola posición de diversos individuos e grupos que preferían que as moedas fosen cuñadas por cada Estado de xeito autónomo. En tanto que non se producían emisións federais, as necesidades de circulante dos estados satisfacíanse cunha gran variedade de moedas e fichas comerciais (tokens), ás veces de procedencia estranxeira, entre as que tiñan un papel salientable as moedas de prata españolas de oito reais, coñecidas como "reais de oito" e, no ámbito anglosaxón, como dólares españois (Spanish Dollars).[2]

En 1789 ratificouse e entrou en vigor a Constitución dos Estados Unidos de América, que lle outorgaba ao Congreso a facultade de "cuñar moeda, regular o seu valor e o das moedas estranxeiras, e fixar o padrón de pesos e medidas".[3] O ano seguinte, o Congreso comezou a deliberar acerca da situación da circulación monetaria no país,[2] e o 28 de xaneiro de 1791 o secretario do Tesouro, Alexander Hamilton, presentou un informe no Congreso no que detallaba os resultados dun estudo que el mesmo realizara sobre ese particular, e sobre as posibilidades de establecer unha casa de moeda federal nos Estados Unidos.[4] Como parte deste estudo, Hamilton mandou realizar unha serie de probas de ensaio sobre os reais de oito españois, dado que esa sería a moeda que serviría de base para o novo sistema monetario estadounidense. Logo de ver os resultados, o secretario do Tesouro recomendou que o contido de prata do dólar estadounidense se basease no contido medio da prata das pezas españolas ensaiadas.[5] Esta recomendación de Hamilton implicaba que o dólar debería conter 371,25 grans de prata e o resto sería cobre, ata completar un peso total de 416 grans. O 3 de marzo de 1791, logo de revisar o informe de Hamilton, o Congreso aprobou unha resolución conxunta que autorizaba a creación dunha casa de moeda federal, aínda que esta resolución non achegaba máis detalles nin prescricións precisas.[6]

Establecemento da ceca e do sistema monetario

[editar | editar a fonte]
A Casa da Moeda de Filadelfia, fundada en 1792, fixo as súas cuñaxes en 1793 (foto de 1908).

No seu terceiro discurso anual ante o Congreso, posteriormente coñecido como "discurso sobre estado da Unión", pronunciado en Filadelfia o 25 de outubro de 1791, o presidente George Washington requiriu aos membros do Congreso a inmediata posta en práctica da resolución conxunta aprobada a principios dese ano:[7]

A desorde na moeda existente e, sinaladamente, a escaseza de moeda miúda, unha escaseza tan peculiarmente angustiosa para as clases máis pobres, recomenda encarecidamente que se leve a cabo de inmediato a resolución xa adoptada sobre o establecemento dunha casa de moeda. Tomáronse medidas, consonte esta resolución, para procurar algúns dos artistas necesarios, xunto cos equipamentos requiridos.

Como resposta, o Senado nomeou un comité presidido polo financeiro Robert Morris (1734-1806), para que se encargase de redactar as especificacións necesarias e a lexislación que crearía oficialmente a ceca e que iniciaría as cuñaxes federais. O comité presentou un proxecto de lei ante o Congreso o 21 de decembro de 1791 no que se determinaba que a nova moeda dun dólar —establecida como base do novo sistema— debería conter 371 grans de prata e un peso total de 416 grans, seguindo as recomendacións que dera Hamilton.[6] As novas moedas de prata deberían ser cuñadas nunha aliaxe que contivese 1.485 partes de 1.664 (arredor do 89,24 %) de prata fina, e o resto de cobre, coa intención de igualar a aliaxe dos reais de oito españois. No entanto, un ensaio destas moedas españolas foi erróneo: en realidade eran 65/72 de prata (arredor do 90,28 %), co resto de cobre.[8]

O real de oito español foi a base sobre a que se creou a primeira moeda dun dólar de prata.

Unha das disposicións da lexislación que Morris demandaba pedía que o retrato do presidente Washington aparecese no anverso de todas as moedas cuñadas na nova casa de moeda. O proxecto de lei foi aprobado polo Senado logo dun debate, e despois modificouse na Cámara de Representantes para que se reproducise unha cabeza feminina que representase a liberdade, no canto do retrato presidencial.[9] Ao volver ao Senado, a cámara alta insistiu na súa versión acerca do deseño dos anversos, aínda que a Cámara de Representantes a rexeitou novamente e aprobou a súa propia proposta, que finalmente foi aceptada polo Senado.[10]

Este proxecto de lei converteuse en lei logo de ser aprobada polo presidente Washington o 2 de abril de 1792, e pasou a ser coñecida como Lei da Moeda (Coinage Act) de 1792.[11][12] Nela prevíase a creación da Casa da Moeda dos Estados Unidos (US Mint) e asignábase diñeiro para sufragar o custo da construción dunhas instalacións axeitadas e para os salarios dos seus empregados e funcionarios. A lei establecía tamén os valores que se cuñarían dentro do novo sistema do dólar: medio centavo e un centavo en cobre; 5 centavos, 10 centavos, cuarto dólar, medio dólar e un dólar en prata; e 5 dólares, 10 dólares e 20 dólares en ouro.[12]

O 31 de xullo de 1792, David Riittenhouse (1732-1796), que acababa de ser nomeado como director da Casa da Moeda dos EEUU, colocou a primeira pedra da que sería a Ceca de Filadelfia. A maquinaria e o persoal comezaron a ocupar o novo edificio en setembro dese mesmo ano e a produción de centavos de cobre comezou en febreiro de 1793. No primeiro ano de produción da nova ceca só se cuñou moeda de cobre, xa que o futuro ensaiador non foi quen de acadar o aval de 10.000 dólares requirido para que puidese asumir oficialmente o cargo[10] —a Lei da Moeda prevía que tanto o cuñador xefe como o ensaiador debían "comprometerse cos EEUU cun aval de 10.000 dólares ou máis ante o secretario do Tesouro"—.[12] O ano seguinte, o daquela secretario de Estado, Thomas Jefferson, apelou ao Congreso para que se reducise o importe dos avais, e o 3 de marzo de 1794 o Congreso reduciunos a 5.000 dólares para o cuñador e 1.000 para o ensaiador.[13]

Produción

[editar | editar a fonte]

Creación do deseño

[editar | editar a fonte]

A principios de 1794, o nomeado como gravador xefe da US Mint, Robert Scot, comezou a preparar os deseños para o dólar de prata.[14] O seu deseño inicial representaba un busto da Liberdade no anverso, en tanto que no reverso aparecía unha aguia, ambos os motivos requiridos pola Lei da Moeda de 1792.[12]

Este primeiro deseño de Scot seguía con bastante exactitude o que el mesmo creara para a moeda dun centavo,[15] aínda que sen o barrete frixio do anverso. Máis tarde, os funcionarios do Goberno déronlle ordes para que incluíse unha coroa arredor da aguia e trasladase a indicación do valor do reverso ao canto da moeda. Logo de recibir a aprobación, Scot comezou a gravar os cubos para os cuños da moeda dun dólar. Púxose un particular interese no gravado desta moeda, xa que o dólar sería a de maior tamaño da serie e, xa que logo, recibiría un maior ecrutinio por parte das nacións estranxeiras. As letras foron executadas por Frederick Geiger, quen anteriormente traballara como tipógrafo para diferentes publicacións.[16]

Proba de deseño do dólar do cabelo solto, cuñada en cobre e sen as estrelas do anverso que aparecen no modelo finalmente adoptado.[17]

Logo de estaren listos os cuños, cuñáronse varias pezas de proba en cobre. A partir destas probas, os funcionarios da Casa da Moeda decidiron engadir quince estrelas rodeando o busto da Liberdade do anverso, representativas dos quince estados que ratificaran a Constitución estadounidense ata aquel momento.[16]

A partir do momento en que a produción das moedas de prata podía dar comezo, a Casa da Moeda comezou a procurar depositantes que achegasen a súa prata para ser convertida en moeda. Logo de recibir varios depósitos, o ensaiador Albion Cox fíxolle chegar ao director Rittenhouse a súa opinión de que o padrón de 892 milésimas de prata que fora aprobado legalmente era tecnicamente difícil de producir e que as moedas poderían escurecerse ao pórse en circulación. No seu lugar, Cox recomendou que se modificase a pureza ata as 900 milésimas, aínda que mantendo o peso de 416 grans. Isto implicaba que a nova aliaxe resultante sería contraria á normativa e que a todos os depositantes se lles cobraría demais á hora de cuñar en moeda os seus depósitos de prata, xa que había un contido de prata nas moedas diferente ao establecido pola Lei da Moeda de 1792.[12][18] Esta acción da Casa da Moeda custoulles aos provedores de prata arredor do un por cento dos seus depósitos; o maior depositante, John Vaughan, calculou a súa perda en 2.260 dólares, e o Congreso acabou por aprobar o seu reembolso en 1800, atendendo a súa reclamación e logo de diversos atrasos.[8]

Antes de comezar coa cuñaxe das moedas, cumpría estampar as letras e os símbolos dos cantos —HUNDRED CENTS ONE DOLLAR OR UNIT— nos discos metálicos. Esta operación levábase a cabo mediante un dispositivo denominado "máquina de Castaing", chamada así polo seu inventor, o enxeñeiro francés Jean Castaing (1685-1799). Como a produción dos discos nos que se cuñarían as moedas non era moi precisa, algúns deles resultaban cun peso excesivo, o que se solucionaba limando posteriormente unha a unha ambas as faces dos discos. Este desaxuste arranxouse logo das primeiras emisións, cando se utilizaron equipamentos con máis precisión.[18]

Os primeiros destes dólares de prata cuñáronse o 15 de outubro de 1794.[19] A prata utilizada para os dólares de 1794 procedía unicamente das achegas depositadas persoalmente na Casa da Moeda polo director desta, David Rittenhouse, o día 22 de agosto.[20] Consonte a orde manuscrita de transferencia de moedas emitida por Rittenhouse o 15 de outubro de 1794, transferíronse 1.758 dólares de prata da custodia do xefe de cuñaxe, Henry Voigt, á do tesoureuiro da ceca, Nicholas Way. O mesmo día 15 de outubro, de acordo cunha orde manuscrita de devolución de moeda emitida por Rittenhouse, os 1.758 dólares de prata foron transferidos da custodia do tesoureiro Way ao director Rittenhouse, a modo de devolución parcial de moedas en compensación polos seus depósitos de prata do día 22 de agosto.[20] As 1.758 moedas cuñadas polo cuñador xefe, Henry Voigt, malia seren aceptables, non estaban perfectamente elaboradas debido a problemas coa prensa de cuñaxe que se utilizou durante a produción inicial. Tratábase dunha prensa de fuso accionada por unha persoa e destinada principalmente a moedas dun tamaño non superior ao do medio dólar.[19]

O 16 de outubro de 1794, logo de recibir un destes dólares de prata das mans do director Rittenhouse, o secretario de Estado, Edmund Randolph, remitiulle a moeda ao presidente Washington para que este a inspeccionase.[20] Nun intento de colaborar na posta en circulación das novas moedas, Rittenhouse utilizou moitas delas e trocounas por moedas estranxeiras.[19] Outras distribuíronse entre personalidades e visitantes distinguidos á casa da moeda.[8] Tras a tiraxe inicial, Rittenhouse ordenou que se continuase coa produción das moedas dun dólar ata que o persoal da casa da moeda puidese construír unha prensa máis capaz, que puidese cuñar con máis calidade e rapidez as moedas.[18] O xornal de Boston The Columbian Centinel foi o primeiro en publicar un artigo acerca das novas moedas dun dólar de prata, o 26 de novembro de 1794:[21]

Algúns dos novos dólares que se cuñan na Casa da Moeda dos Estados Unidos chegaron a esta cidade. Un correspondente puxo onte un deles nas mans do editor. O seu peso é igual ao do real de oito español, aínda que o metal semella máis fino... A percepción global é agradable para un coñecedor, aínda que os trazos do gravado son demasiado delicados e dáse unha falta desa audacia de execución que cumpriría para a súa durabilidade na circulación.

A nova prensa de cuñaxe completouse a principios de 1795 e o primeiro lote de dólares cuñados con ela entregouse o 6 de maio.[22] É probable que as moedas cuñadas o 8 de maio levasen a data de 1794,[8] aínda que non hai documento ningún nin proba que testemuñe tal afirmación. Coñécese que varios dólares de 1795 —xunto cunha emisión de 1794— foron cuñados cun tapón de prata colocado no centro que mide aproximadamente 8 milímetros.[23] Crese que isto se fixo para corrixir o peso duns discos que eran demasiado lixeiros. A cuñaxe deste segundo e derradeiro ano de produción dos dólares do cabelo solto estímase en 160.295 exemplares, dun total de 203.033 dólares de prata nese 1795,[24] que abrangue tanto dos do tipo "cabelo solto" como os do seu substituto, os dólares do "busto drapeado", que se produciu a partir do mes de outubro.[25] Este novo modelo de dólar foi creado a partir dun deseño previo do artista Gilbert Stuart, a instancias do sucesor de Rittenhouse como director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, H. W. de Saussure.[26]

Coleccionismo

[editar | editar a fonte]

Ao longo da súa historia, o dólar de 1794 foi considerado como unha das moedas máis raras e valiosas dos Estados Unidos.[27] No número de setembro de 1880 do The Coin Journal, o autor sinalaba que un espécime en boa calidade desta moeda estaba valorado en cincuenta dólares. A principio da década de 1990, o numismático e historiador Jack Collins estimou que a cantidade destas moedas que aínda existían era entre 120 e 130.[28]

En xaneiro de 2013, o mellor exemplar coñecido desta moeda, resultado das primeiras cuñaxes e que fora tratado cun especial coidado, vendeuse en poxa pública pola compañía Stack's Bowers Galleries por máis de 10 millóns de dólares —10.016.875, exactamente—, o que supuxo o prezo máis alto alcanzado xamais por unha moeda.[29] Este exemplar foi cualificado como proba en estado excelente —Specimen-66— pola axencia Professional Coin Grading Service.[30] Con anterioridade, pertencera ao coronel E. H. R. Green.[29] A mesma moeda fora xa vendida en 2010 polo que daquela constituíra tamén un prezo récord, 7,85 millóns de dólares, á Cardinal Collection Educational Fundation. Steven Contursi, o antigo propietario da moeda, dixo dela que era un "tesouro nacional" e que estaba orgulloso de ter sido "o seu custodio" desde 2003 ata a súa venda en 2010. Pola súa banda, Martin Logies, representante da fundación que a adquiriu nese ano, asegurou que de todas as rarezas que vira esta era "a máis salientable".[30]

  1. "1 Dollar "Flowing Hair Dollar"". Numista.com
  2. 2,0 2,1 Julian, R. W. (1993). Páxina 27.
  3. Artigo 1. Sección 8. Constitución dos EEUU.
  4. Preston, R. E. (1896). Páxina 42.
  5. Preston, R. E. (1896). Páxina 44.
  6. 6,0 6,1 Julian, R. W. (1993). Páxina 29.
  7. The Statesman's Manual (1858). Páxinas 42, 117.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Breen, W. (1988). Páxina 423.
  9. Julian, R. W. (1993). Páxina 29.
  10. 10,0 10,1 Julian, R. W. (1993). Páxina 31.
  11. Blessing, E. "The Coinage Act of 1792". Investopedia.com
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 Texto da Lei da Moeda. 2 de abril de 1792.
  13. Julian, R. W. (1993). Páxina 32.
  14. Julian, R. W. (1993). Páxina 32.
  15. "1 Cent "1795 Liberty Cap" Pattern". Numista.com
  16. 16,0 16,1 Julian, R. W. (1993). Páxina 33.
  17. "No stars, flowing hair: Prototype of first US silver dollar coins to go up for auction on Friday". En Firstpost.com. 23 de abril de 2021.
  18. 18,0 18,1 18,2 Julian, R. W. (1993). Páxina 35.
  19. 19,0 19,1 19,2 Julian, R. W. (1993). Páxina 36.
  20. 20,0 20,1 20,2 Finkelstein, D.; Orosx, J.J.; Augsburger, L. (2017). "Who Deposited The Silver For The 1794 Dollars?". En The Numismatist, setembro.
  21. Columbian Centinel Newspaper. Boston. 26 de novembro de 1794. Páxina 3. Columna 1.
  22. Julian, R. W. (1993). Páxina 37.
  23. Yeoman, R. S. (2010). Páxina 206.
  24. Yeoman, R. S. (2010). Páxinas 207-208.
  25. Julian, R. W. (1993). Páxina 177.
  26. Breen, W. (1988). Páxina 425.
  27. "Expuesto el dólar plata “Flowing Hair” de 1794, valorado en 10 millones de dólares Arquivado 26 de xaneiro de 2023 en Wayback Machine.". En Numismático Digital. 4 de xaneiro de 2017.
  28. Julian, R. W. (1993). Páxina 166.
  29. 29,0 29,1 "Stack's Bowers. The 2013 New York Americana Sale". Stack's Bowers. 24 de xaneiro de 2013.
  30. 30,0 30,1 "Dollar Sets Record Price". En Numismatic News. 28 de maio de 2010.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Inexistente.

Moeda dun dólar estadounidense

1794 - 1795
Sucesor:
Dólar do busto drapeado