Dólar Continental

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Dólar Franklin»)
"Dólar Franklin" redirixe aquí. Para o dólar conmemorativo de prata de 2006, véxase Dólar de prata Benjamin Franklin.
Anverso
Reverso

O dólar Continental, tamén coñecido no mundo numismático como dólar Fugio ou dólar Franklin, foi a primeira moeda cuñada nos Estados Unidos á que se lle atribúe o valor facial dun dólar. Estes primeiros dólares emitíronse en 1776 e cuñáronse en peltre, aínda que se coñecen tamén algúns exemplares en latón e en prata.[1][2][3]

Caracterización[editar | editar a fonte]

O dólar Continental debe o deseño tanto do anverso como do reverso a Benjamin Franklin.[1][3] Estes motivos baséanse nos escollidos polo Congreso Continental para a emisión dos valores fraccionais da "moeda continental" do 17 de febreiro de 1776, da autoría dese diplomático e científico estadounidense.[4]

Estas son as características que definen o dólar Continental:[1]

  • Valor: 1 dólar (non expreso).
  • Data: 1776.
  • Aliaxe: peltre.
  • Diámetro: 41 mm.
  • Peso: 16 g.
  • Anverso: represéntase o Sol iluminando un reloxo solar, xunto co lema latino FUGIO ("eu fuxo") e o inglés MIND YOUR BUSINESS ("coida os teus negocios"). Trátase dunha especie de xeroglífico no que se relacionan ambas as ideas: "o tempo voa, así que atende os teus negocios". A lenda CONTINENTAL CURRENCY, que rodea os motivos principais, e a data no exergo, completan o anverso.[5]
  • Reverso: amósase unha cadea con 13 elos, cada un co nome dunha das Trece Colonias, o que representa un chamamento a que estas fiquen unidas. Completan o reverso as lendas AMERICANᴺ.CONGRESS• e WE ARE ONE.[5]

Contexto: a "moeda continental"[editar | editar a fonte]

Billete de cinco dólares coa inscrición CONTINENTAL CURRENCY, emitido en Filadelfia o 10 de maio de 1775.
Reverso dun billete estadounidense de medio dólar continental de 1776, no que se basea o deseño da moeda cuñada ese mesmo ano.[4]

Logo do inicio da Guerra de Independencia dos Estados Unidos en 1775, o Congreso Continental comezou a emisión de papel moeda que se deu en coñecer como Continental currency ("moeda continental"). Estes billetes tiñan o seu valor facial expresado en dólares, con moi diversas denominacións entre ​16 e 80 dólares. A cantidade de diñeiro emitido neste papel moeda revolucionario alganzou os 241.552.780 dólares.[6]

O papel moeda continental desvalorizouse gravemente durante a guerra, o que deu lugar a unha expresión en inglés común nos Estados Unidos: not worth a continental ("non valer un continental"), similar a outras galegas como "non valer unha cadela" ou "non valer un patacón", tamén orixinadas sobre a base de denominacións de moedas de pouco valor.[7][8][9]

O principal problema era a descoordinación da política monetaria entre o Congreso e os estados, que continuaban a emitir billetes de crédito.[10] O historiador económico Robert E. Wright escribiu: "hai quen pensa que o papel moeda rebelde se desvalorizou porque a xente perdeu a súa confianza nel ou porque non estaba apoiado por bens tanxibles. Non tal. Simplemente, había demasiado".[11] O Congreso e os estados carecían da vontade ou dos medios para retirar os billetes de crédito en circulación mediante a imposición de taxas ou a venda de bonos.[12]

Outro problema engadido foi que os británicos libraron unha guerra económica na que resultaron vitoriosos, baseada na falsificación de papel moeda continental a grande escala, o que acentuou a súa desvalorización.[13]

A finais de 1778, o papel moeda continental mantiña entre ​15 e ​17 do seu valor facial. En 1780 baixaran xa a ​140. O Congreso intentou reformar o sitema monetario retirando os vellos billetes en circulación por outros novos, aínda que non tivo éxito. En maio de 1781, o papel moeda continent perdera ata tal punto a súa utilidade que deixou de circular como diñeiro. Franklin sinalou que a desvalorización da moeda actuara, en efecto, como un imposto para o pagamento dos gastos da guerra.[7][11]

A experiencia negativa da inflación galopante e o colapso destes dólares continentais en papel levou os delegados da Convención Constitucional dos Estados Unidos a incluír a cláusula do ouro e a prata na Constitución do país, para que os estados non puidesen emitir autonomamente billetes de crédito nin pagar débedas con outra cousa que non fose prata ou ouro.[14]

Produción[editar | editar a fonte]

Exemplar do dólar Continental exhibido na Colección Numismática Nacional dos EEUU.

Neste contexo viu a luz a moeda dun dólar coñecida como dólar Continental (Continental dollar) que, segundo as últimas investigacións, non tería chegado a estar nunca en circulación, senón que se trataría unicamente dunha emisión de proba para unha posible moeda de dólar en circulación alternativa ao papel moeda continental.[2]

Segundo o numismático Eric P. Newman, a gravadora dos cuños do dólar Continetal foi Elisha Gallaudet.[15][16] Porén, outros autores, como Albert Frey, consideraron que as iniciais non se corresponden con esa gravadora, senón con Edward Getz.[17][18]

Algunhas estimacións apuntan a unha cantidade de 6.000 exemplares cuñados e autores como Michael Hodder sitúan a ceca en torno á cidade de Nova York.[4][16] Máis probablemente, a ceca puido estar en Filadelfia, tendo en conta que nesa cidade residía Elisha Gallaudet, que alí tiña a súa sede o Congreso Continental e que alí se realizaban tamén as emisións de papel moeda do tipo Continental Currency.[2][16]

De toda a produción consérvase arredor dun cento de exemplares cuñados en peltre. Os historiadores apuntan a que a maior parte das moedas emitidas foron fundidas novamente por mor da demanda desa aliaxe en tempos de guerra.[19]

Á parte destes, coñécense tamén unhas cantas probas en latón.[20][21] Tamén hai algunhas probas en prata, un metal que resultaría esperable para unha moeda destas características, aínda que a idea puidera ter sido rexeitada pola difícil subministración de prata nunha nación tan nova e en momentos tan convulsos.[22]

Variedades[editar | editar a fonte]

Do mesmo xeito que outras emisións monetarias dos primeiros tempos dos Estados Unidos, os cuños cos que se elaboraron os dólares de tipo Continental estaban feitos á man, o que acrecentaba as probabilidades que que xurdisen pequenas diferenzas. Unha das variedades máis salientables no reverso consiste nun erro na lenda dalgúns exemplares, nos que se le CURENCY no canto de CURRENCY.[1][19] Noutros casos, a forma errónea foi CURRENCEY, que se intentou corrixir posteriormente nos cuños, gravando un novo "Y" sobre o "E" e engadindo unha pequena figura ornamental para eliminar o "Y" orixinal.[23]

Outra das variedades, rarísima, constiste no engadido das que se cre que son as inciais da gravadora dos cuños, Elisha Gallaudet, que aparece como EG FECIT ("fíxoo EG") encima da data.[1][2][16][24]

Reverso do dólar de prata Benjamin Franklin (2006), da US Mint, que recupera o deseño do dólar Continental[25]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "1 Dollar "The Continental Dollar" (pewter)". Numista.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Hudgeons, M. et al. (2014). "1776 Continental Currency". En Official Blackbook price guide to United States Coins. Random House. Nova York. ISBN 978-0-375-72348-3
  3. 3,0 3,1 "Continental Currency". Professional Coin Grading Service.
  4. 4,0 4,1 4,2 "The Continental Currency "Dollar" of 1776: Introduction". En Coin and Currency Collections. University of Notre Dame Libraries.
  5. 5,0 5,1 "Pewter Continental Dollar, 1776". Legendary Coins & Currency.
  6. Newman, E. P. (1990). Páxina 16.
  7. 7,0 7,1 Newman, E. P. (1990). Páxina 17.
  8. "Not worth a continental". En The Free Dictionary.
  9. "Non valer un patacón" e "non valer unha cadela". En Dicionario da Real Academia Galega.
  10. Wright, R. E. (2008). Páxina 50.
  11. 11,0 11,1 Wright, R. E. (2008). Páxina 49.
  12. Wright, R. E. (2008). Páxina 52.
  13. Scot, K. (2000). Páxinas 259-260.
  14. Constitución dos EEUU. Artigo I. Sección 10.
  15. Gikes, P. (2014). "Silver 1776 Continental Currency dollar brings $1.41M". En Coin World. 19 de maio.
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 "Heritage Auctions – Finest Known Continental Dollar". En Coin Week. 31 de maio de 2018.
  17. "Fugio Cent". En Frey, A. R. (1917). A Dictionary of Numismatic Names. American Numismatic Society. Nova York. Páxina 89.
  18. "Lote 506: Dollar. Continental Currency 1776". En Chapman, H. (1917). Catalogue of the Collections of John M. White e Walter R. Heinrich. 15 de decembro. Filadelfia. Páxina 27.
  19. 19,0 19,1 "1776 $1 CURENCY, Pewter (Regular Strike)". Professional Coin Grading Service.
  20. "1 Dollar "The Continental Dollar" (brass)". Numista.
  21. "1776 $1 CURENCY, Brass Arquivado 16 de xuño de 2019 en Wayback Machine.". Professional Coin Grading Service.
  22. "Lot 30423: 1776 $1 Continental Dollar, CURRENCY, Silver, EG FECIT Arquivado 16 de xuño de 2019 en Wayback Machine.". Heritage Auctions. Auction 1199. 16 de maio de 2014.
  23. "1776 $1 Ornament after Date Arquivado 16 de xuño de 2019 en Wayback Machine.". Professional Coin Grading Service.
  24. "Lot 2140: 1776 $1 Continental Dollar, CURRENCY, Pewter, EG FECIT Arquivado 13 de abril de 2020 en Wayback Machine.". Heritage Auctions. Auction 1108. Maio de 2008.
  25. "Benjamin Franklin Commemorative “Founding Father” Silver Dollar Coin". United States Mint.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]