Centavo de dólar Fugio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Centavo Fugio [1]
A/: Reloxo de sol baixo un Sol radiante.

Lendas: FUGIO / 1787 / MIND YOUR BUSINESS

R/: Cadea constituída por 13 elos en forma de círculo.

Lendas: UNITED STATES / WE ARE ONE

O centavo Fugio (en inglés: Fugio cent), tamén coñecido como centavo Franklin, é a primeira moeda de circulación oficial nos Estados Unidos de América.

Trátase dunha moeda de cobre cuñado cun peso de 10,20 gramos, deseñada por Benjamin Franklin e emitida unicamente en 1787. O seu deseño é moi similar ao do dólar Continental, de 1776, tamén obra de Franklin, producido a modo de proba dunha unidade monetaria para o país, mais que non chegou a circular.

Historia[editar | editar a fonte]

Deseño[editar | editar a fonte]

O 21 de abril de 1787, o Congreso Continental da Confederación dos Estados Unidos autorizou o deseño dunha moeda dun centavo de dólar de cobre e con carácter oficial.[2][3]

O deseño da moeda foi obra de Benjamin Franklin. Unha nova resolución do 6 de xullo establecía que o seu anverso amosase un Sol brillante que proxecta os seus raios sobre un reloxo de sol, coa palabra latina FUGIO ("fuxo" ou "voo", en referencia ao paso do tempo), e incluíse un consello para o seu posuidor: MIND YOUR BUSINESS ("Coida os teus negocios" ou "Atende aos teus asuntos").[2] Algúns historiadores consideran que a palabra BUSINESS se debe entender aquí na súa literalidade ("negocios" e non "asuntos"), dado que Benjamin Franklin era un exitoso home de negocios.[4]

Deseño característico da "moeda continental", deseñado por Benjamin Franklin en 1776.

O seu reverso está caracterizado pola habitual cadea de 13 elos circulares propia da "moeda continental", representativos das Trece Colonias, que rodean un círculo co nome do país (UNITED STATES) e co terceiro lema nacional, WE ARE ONE. Este deseño é o característico das moedas e dos billetes do dólar continental de 1776 e das moedas de 1787.[2][5] Logo da ratificación da Constitución de 1787, as moedas de ouro e de prata pasaron a levar o lema E PLURIBUS UNUM e o Gran Selo dos Estados Unidos, a diferenza das de cobre.[6]

Produción[editar | editar a fonte]

Houbo dous empresarios que amosaron a súa disposición para a cuñaxe dos centavos: Matthias Ogden, de Nova Jersey, e James Jarvis, propietario de The Company for Coining Coppers, de Connecticut. Este último foi o adxudicatario do contrato, polo que debía producir unhas 300 toneladas de centavos Fugio. Para iso Jarvis subcontratou a Abel Buell a produción dos discos e puxo o seu sogro, Samuel Broome, a cargo das operacións de cuñaxe. Finalmente, Broome só fabricou uns 400.000 centavos Fugio (unhas catro toneladas das 300 contratadas), e ademais cun peso inferior ao establecido. Estas moedas enviáronse ao Tesouro dos Estados Unidos o 21 de maio de 1788.[2]

Tanto a escaseza de moedas cuñadas como o seu peso causaron preocupación no Congreso, que anulou o contrato o 16 de setembro de 1788. Seguidamente, un informe do Congreso do 30 de setembro afirmaba que Jarvis recibira unha gran cantidade de cobre federal pero só devolvera amoedada unha pequena parte, e que a Xunta do Tesouro tomaría medidas efectivas para recuperar o resto o antes posible.[2]

O tesouro do Banco de Nova York[editar | editar a fonte]

En 1788, o Banco de Nova York (Bank of New York) almacenou varios milleiros de moedas dun centavo Fugio nun dentro dun barril nos sesus sotos. En 1856, as moedas metéronse en bolsas de algodón e volvéronse gardar.[2]

O tesouro foi descuberto en 1926 e, daquela, as moedas repartíronse a modo de recordo entre a clientela do banco, ata que en 1948 a American Numismatic Society (ANS) examinou os 1.641 exemplares que aínda quedaban por repartir. O conxunto pasou a coñecerse desde entón como o "tesouro do Banco de Nova York". Varios espécimes foron doados á ANS, en tanto que outros pasaron ao mercado do coleccionismo numismático.[2] Todas as moedas atopadas estaban en condición "sen circular", é dicir que non amosaban sinais de uso nin desgaste, cunha tonalidade marrón e, nalgúns casos, con algún dano pola humidade.[7] O banco mantivo a propiedade de 819 moedas.[8][9]

Coleccionismo[editar | editar a fonte]

Durante moito tempo, esta foi unha das moedas favoritas polos coleccionistas de moedas estadounidenses, sinaladamente dos especializados nas moedas do período colonial e nas primeiras emisións federais.[10][11]

En 2021, un equipo de expertos numismáticos reexaminou a evidencia histórica sobre os centavos Fugio para determinar se cumpría consideralos como unha moeda prefederal ou unha moeda federal. O 3 de xaneiro de 2022, o servizo profesional de clasificación numismatica Professional Coin Grading Service (PCGS) publicou os resultados deste estudo, que concluían sen lugar a dúbidas que os centavos Fugio son unha emisión regular de carácter federal e, xa que logo, a primeira moeda de curso legal da nova república.[10][11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "1 Cent "Fugio Cent"". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 "The Fugio Cent of 1787: Introduction". Coin and Currency Collections. University of Notre Dame.
  3. Norton, F. H. et al. (1875). "Notes and Queries". American Journal of Numismatics. 10 (1): 21.
  4. Taylor, S. (2006). "300th Birthday Retrospective: The Coinage of Ben Franklin". En The Signal. 21 de xaneiro.
  5. "The Story of Money: 11--Coin Design Inspired Fugio Cent". Federal Reserve Bank of Atlanta.
  6. "Understanding the Early Ideals of the Nation with the Fugio Cent". Blanchardgold.com
  7. Green, P. M. (2012). "More Than Morgans in Coin Hoards". Numismaster.com. 24 de xullo.
  8. Yeoman, R. S.; Bressett, K. (2017). Páxina 31.
  9. Wnuck, D. (2013). "Collecting the Coins of Famous Hoards". www.hlrc.com. 13 de setembro
  10. 10,0 10,1 "PCGS Reclassifies Early American Fugio Cent as Regular-Issue Federal Coin". Professional Coin Grading Service. 3 de xaneiro de 2022.
  11. 11,0 11,1 Bugeja, M. (2022). "It’s a Fugio cent, not a copper; and it’s about time". CoinUpdate.com. 31 de xaneiro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]