Dólar de prata Benjamin Franklin
- Para o dólar de 1776 coñecido como "dólar Franklin", véxase dólar Continental.
Dólar de prata Benjamin Franklin "científico" | |
---|---|
A/: Banjamin Franklin xuvenil voando un papaventos. Marca de ceca (P) e de gravador (NEN).
Lenda: LIBERTY 1706 - 2006 / BENJAMIN FRANKLIN SCIENTIST / IN GOD WE TRUST / LIBERTY |
R/: Viñeta política de Franklin. Marca de gravador (CLV).
Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR |
O dólar de prata Benjamin Franklin é un programa de emisións conmemorativas, non circulantes, da Casa da Moeda dos Estados Unidos, cuñadas en 2006 na Ceca de Filadelfia.
Este programa foi autorizado pola Lei 108-464, do 21 de decembro de 2004,[1] pola que se creaba unha serie de dúas moedas conmemorativas para honrar o 300º aniversario do nacemento de Benjamin Franklin (1706-1790). Trátase de senllas moedas dun dólar de prata, unha delas dedicada á etapa xuvenil de Franklin como científico e outra á súa madureza, como un dos Pais Fundadores dos Estados Unidos.[2]
Contexto
[editar | editar a fonte]En 2004, a Comisión de Servizos Financeiros da Cámara de Representantes dos Estados Unidos aprobou por unanimidade un proxecto de lei presentado por Mike Castle, membro do Congreso de Delaware, que promovía unha emisión monetaria para celebrar o 300º aniversario de Benjamin Franklin, un dos Pais Fundadores da nación.[3]
Entre os motivos sinalados para tal merecemento, ademais da coincidencia da data do tricentenario, no proxecto de lei salientábanse os seguintes: Franklin foi o único Pai Fundador que puxo a súa sinatura en todos os documentos relacionados coa fundación dos Estados Unidos; ademais, foi o impresor e o produtor do papel moeda oficial das colonias de Delaware, Pensilvania, Nova Jersey e Maryland, e, durante a Revolución Americana, deseñou, entre outras, a primeira moeda dun dólar dos Estados Unidos, coñecida como dólar Continental.[3]
O proxecto de lei converteuse na citada Lei 108-464 o 21 de decembro de 2004.[1]
Benjamin Franklin "científico"
[editar | editar a fonte]Deseño
[editar | editar a fonte]O anverso do dólar dedicado á súa etapa xuvenil como científico, deseñado por Norman E. Nemeth, presenta unha imaxe de corpo enteiro de Benjamin Franklin voando un papaventos para experimentar coa actividade eléctrica dos raios, con lendas alusivas ao seu tricentenario.[4]
No reverso, obra de Charles L. Vickers, reprodúcese unha popular viñeta política de Franklin que presenta unha serpe cortada en anacos, cada un coa inicial dun territorio e co texto Join, or die ("Únete ou morre"), en alusión a que a unidade das colonias era unha cuestión transcendental.[4]
Produción e comercialización
[editar | editar a fonte]A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de 250.000 exemplares do dólar Benjamin Franklin "científico". As moedas comezaron a cuñarse o 1 de xaneiro de 2006 e estiveron ao dispor do público para a súa adquisición a partir do 17 de xaneiro de 2006, coincidindo coa data exacta do 300º aniversario do nacemento de Franklin.[4][5]
A Casa da Moeda de Filadelfia encargouse da cuñaxe de todas as moedas, tanto as de Franklin "científico" como as do "Pai Fundador", e tanto na súa versión estándar como con acabamento especial (proof), remarcando así a vinculación do persoeiro homenaxeado con esta cidade. A cantidade de dólares de Franklin como "científico" foi de 61.956 en condición estándar e 137.808 con acabamento proof.[4][6]
Benjamin Franklin "Pai Fundador"
[editar | editar a fonte]Deseño
[editar | editar a fonte]Dólar de prata Benjamin Franklin "Pai Fundador" | |
---|---|
A/: Busto cara á dereita de Banjamin Franklin, e sinatura no exergo. Marca de ceca (P) e de ensaiador (DE).
Lenda: BENJAMIN FRANKLIN TERCENTENARY / 1706 - 2006 / IN GOD WE TRUST / LIBERTY |
R/: Reprodución do dólar Continental. Marca de ensaiador (DW).
Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR |
O deseño do anverso deste segundo modelo, obra de Don Everhart, reproduce un busto "tres cuartos" cara á dereita de Benjamin Franklin na súa madureza, con lendas alusivas ao seu tricentenario. No exergo amósase unha cartela oval que contén a súa sinatura, en referencia a que esta foi a única que apareceu nos catro principais documentos fundacionais dos EEUU: a Constitución, o Tratado de París, o Tratado da Alianza e o Tratado de Amizade e Comercio.[7]
Pola súa banda, no reverso, do que se encargou Donna Weaver, reprodúcese o dólar Continental, que foi a primeira moeda cuñada nos Estados Unidos á que se lle atribúe o valor facial dun dólar, e que foi deseñada polo propio Franklin en 1776.[7]
Produción e comercialización
[editar | editar a fonte]A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de 250.000 exemplares do dólar Benjamin Franklin "Pai Fundador", e do mesmo xeito que as do outro modelo, as moedas estiveron ao dispor do público para a súa adquisición a partir do 17 de xaneiro.[8][7]
A cantidade de dólares de Franklin como "Pai Fundador" foi de 64.014 exemplares en condición estándar e 136.037 con acabamento proof,[6] que se venderon a un prezo oficial de 35 dólares e 39 dólares, respectivamente.[7] Con esa recarga por riba do valor nominal dun dólar financiouse o programa do Instituto Franklin dedicado á celebración do tricentenario de Benjamin Franklin, unha organización sen ánimo de lucro creada polo Congreso con este fin.[8]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]O dólar de prata Benjamin Franklin na súa versión de "Pai Fundador" foi recoñecido co Premio Moeda do Ano de 2008, á moeda de maior relevancia histórica emitida no mundo en 2006.[9][10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Public Law 108-464 - DEC. 21, 2004". Govinfo.gov
- ↑ "Benjamin Franklin Commemorative Coin Program". United States Mint.
- ↑ 3,0 3,1 United States Congress House (2007). Journal of the House of Representatives of the United States. Volume 2. US Government Printing Office. Páxina 2.039.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 "1 Dollar Benjamin Franklin Tercentenary, Scientist". Numista.com
- ↑ "United States Mint Strikes Benjamin Franklin Commemorative Coins". United States Mint. 19 de decembro de 2005.
- ↑ 6,0 6,1 "Historical Commemorative Coin Sales Figures: 2006 Benjamin Franklin". United States Mint.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 "1 Dollar Benjamin Franklin Tercentenary, Founding Father". Numista.com
- ↑ 8,0 8,1 "Benjamin Franklin Commemorative “Founding Father” Silver Dollar Coin". United States Mint.
- ↑ "Canadá wins the COTY". En Numismatic News. 21 de xullo de 2008.
- ↑ Scarinci, D. (2015). Coin of the Year: Celebrating Three Decades of the Best in Coin Design and Craftsmanship. Krause Publications. ISBN 978-1-4402-4476-6
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "2006 Benjamin Franklin Silver Dollar" (ModernCommemoratives.com)