Lagostino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Cigala")
Cigala / Lagostino
Nephrops norvegicus
Nephrops norvegicus.jpg
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Malacostraca
Orde: Decapoda
Suborde: Pleocyemata
Infraorde: Astacidea
Familia: Nephropidae
Xénero: Nephrops
Leach, 1814 [2]
Especie: N. norvegicus
Nome binomial
Nephrops norvegicus
(Linnaeus, 1758) [3]
Sinonimia
Referencia:[1]
  • Astacus norvegicus Fabricius, 1775
  • Astacus rugosus Rafinesque, 1814
  • Cancer norvegicus Linnaeus, 1758 [4]
  • Homarus norvegicus Weber, 1795
  • Nephrops norvegicus ssp. meridionalis Zariquiey Cenarro, 1935
  • Nephropsis cornubiensis Bate & Rowe, 1880

A cigala ou lagostino (Nephrops norvegicus), é un crustáceo decápodo da suborde dos pleociemados, infraorde dos astacideos, o tipo da familia dos nefrópidos (Nephropidae), e a única especie do xénero Nephrops.[2] [3] [5]


Trátase dunha especie comestíble moi apreciada en gastronomía polo seu sabor.

A Real Academia Galega acepta ambos os dous termos, (cigala e lagostino),[6] aínda que prefire para cigala o termo lagostino.[7]

Os lagostinos (hai moitos en mercaodos e supermercados, e aínda máis no mar) teñen o caparazón máis brando e sen as pinzas que caracterizan á cigala (e aos outros eastacideos). Así, teriamos lagostino para designar a Nephrops norvegicus que é o que aquí describimos como cigala e Penaeus kerathurus, que describimos como lagostino. En castelán serían cigala e o langostino, respectivamente.

Outras fontes consultadas,[8] utilizan cigala para o primeiro e lagostino para o segundo. Tamén o portal Pesca de Galicia.com, dependente da Consellería do Mar recolle estes dous nomes. Pero tamén hai autores que utilizan lagostino para o primeiro e gamba para o segundo.[9]

Descrición[editar | editar a fonte]

As principais características da cigala son:[10] [11]

  • Corpo alongado, de cor rosada, máis ou menos pálida, con rexións e franxas máis escuras, tirando a cor vedmella, comprimido dorsoventralmente, especialmente na rexión abdominal, de até 24 cm de lonxitude, nos machos, e raramente máis de 15 cm nas femias (desde a punta do rostro até a punta da cola).
  • Caparazón do cefalotórax relativamente curto e moi duro, xa que está fortemente calcificado.
  • Rostro con dúas cristas lonxitudinais; outras cristas no caparazón e nas quelas (pinzas).
  • Ollos grandes, negros, en forma de ril
  • Primeiro par de patas torácicas longo, con longas pinzas lixeiramente desiguais. Segundo e terceiro par tamén con pinzas.
  • Abdome longo, protexido por placas tergais moi consistentes, con sucos transversais na rexión dorsal e marxes rematadas en ángulo agudo.
  • Pleópodos pequenos; telson máis ancho na base e rematado nunha apertada pilosidade; urópodos arredondados que dan á aleta cuadal grande amplitude.

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Hábitat[editar | editar a fonte]

As cigalas viven en fondos brandos (areosos ou lamacentos), agochadas durante o día en tobos escavados por elas mesmas, ás veces longas e con máis de unha saída para escapar, a profundidades de entre os 40 e os 700 m, segundo a temperatura, aínda que máis frecuentemente entrte os 200 e os 400 m. De noite abandonan os tobos en busca de presas.[10] [11]

Distribución[editar | editar a fonte]

Nephrops norvegicus está presente no nordeste do Atlántico, desde Islandia, as illas Feroe e Noruega até o sur de Portugal e o norte da costa atlántica de Marrocos, no mar do Norte e no Mediterráneo occidental e central. Está ausente no mar Báltico, no Mediterráneo oriental, no Bósforo e no mar Negro.[1]

Nutrición[editar | editar a fonte]

A cigala é un depredador que vive en solitario, cazando para alimentarse fundamentalmente vermes poliquetos, crustáceos anfípodos, ofiúras e outros pequenos animais bentónicos, incluídos peixes, que capturan de noite.[11]

Reprodución[editar | editar a fonte]

As cigalas alcanzan a madurez sexual entre os 3 e os 5 anos de vida, cando miden entre os 8 e os 10 cm. As femias desovan cada dous anos, xa que o emparellamento non vai seguido da fecundación inmediata dos óvulos, senón que os espermatozoides do macho son transportados pola femia durante un certo tempo no saco seminal, situado cerca da cavidade onde desembocan os ovidutos, e é precisamente ao saíren os óvulos cando estes son fecundados.
A posta esta formada por máis de 4 000 ovos de cor verdosa, que a femia leva entre as súas patas durante uns oito ou nove meses, cando eclosionan as larvas, que miden case 7 mm e nadan libremente durante dúas ou tres semanas. Despois da terceira muda, cando miden uns 11 mm de longo, descenden ao fondo, comezando a súa vida bentónica.[10] [11]

Comportamento ante o perigo[editar | editar a fonte]

Cando se ven en perigo, as cigalas sacoden fortemente a cola para cravar as espiñas que cobren todo o seu corpo no presunto agresor. Outras veces prefiren agocharse debaixo da lama deixando fóra só os ollos.[10]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita por Linneo en 1758, baixo o nome de Cancer norvegicus. Posteriormente foi reclasificada no xénero Nephrops, creado por William Elford Leach en 1814. Este xénero é monoespecífico, é dicir, conta cunha soa especie, Nephrops norvegicus.[12]

Etimoloxías[editar | editar a fonte]

Xénero

O nome xenérico, Nephrops, está formado polos elementos do latín científico nephr-, tirado do grego antigo νεφρός nefrós, 'ril', e -ops, derivado do grego antigo ώψ óps, 'vista', 'aparencia'. Literalmente: "os de ollos con aparencia de ril".[13]

Especie

O nome específico, norvegicus, é un adxectivo latino masculino que significa "de Noruega".

Estado de consrvación[editar | editar a fonte]

Desde o ano 2009 a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) vén cualificado o status desta especie como LC (pouco preocupante), cualificación que mantén a día de hoxe (novembro de 2016), debido a que se trata dunha especie moi estendida que se encontra en cantidades comerciais en toda a súa área de dispersión e, aínda que as súas poboacións están en declive nalgunhas partes da súa área, parecen ser estábeis nos caladoiros do norte, que comprenden a maior proporción da poboación.[1]

Pesca e comercialización[editar | editar a fonte]

Esta especie encóntrase en cantidades comerciais en gran parte da súa área de dispersión. Os seus desembarques aumentaron constantemente desde a década de 1950, na que se pesacaban ao redor de 10 000 t anuais, a unhas 50 000 ou 70 000 t na década do 2000.[1]

Apáñanse con redes de arrastre durante a noite. Comercialízanse en fresco, cocidas ou conservadas. Aínda que segundo a UICN o status da especie é pñouco preocupante, varios países estableceron medidas de protección.[11]

Na gastronomía galega[editar | editar a fonte]

A dicir do mestre Álvaro Cunqueiro

As cigalas pódense comer, coma cáseque todo o marisco, simplemente cocidas, pro si son grandes, van moi ben á plancha, ou millor aínda na parrilla. Soio moi frescas dan seu sabor, e pñor iso hai que chuparlles a cabeza, que é alí onde gardan o máis del.
Álvaro Cunqueiro, A cociña galega.[14]

O seu discípulo Jorge Víctor Sueiro, en Comer en Galicia, di que

...as cigalas de Marín son dunha finura de padal excelsa, como é facilmente comprobábel comprándoas nos mercados daquela zona ou nas mesmas lonxas. Os que visitan Portonovo en verán, que adoitan seren centenas de españois do interior, acoden á noitiña á lonxa e levan para a casaespléndidos lotes desas cigalas das que falo. Incluso a prezos moi razoábeis.
Traducido de Comer en Galicia.[15]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Bell, C (2015): Nephrops norvegicus na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2016-2. Consultada o 25 de novembro de 2016.
  2. 2,0 2,1 Nephrops Leach, 1814 no WoRMS.
  3. 3,0 3,1 Nephrops norvegicus (Linnaeus, 1758) no WoRMS.
  4. Basónimo.
  5. Nephrops Leach, 1814 no ITIS.
  6. lagostino no dicionario da RAG.
  7. cigala no dicionario da RAG.
  8. Diracción Xeral de Formación Pesqueira: Guía do consumidor de peixe fresco, Xunta de Galicia 1999; ou Rosa Ramonell: Guía dos mariscos de Galicia, Galaxia, Vigo 1985.
  9. Fernando Lahuerta Mouriño e Francisco X. Vázquez Álvareez: Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2000.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Ramonell, R. 1985, pp. 234-237.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 Muus, Bent J. et al. 1998, p. 288.
  12. Nephrops norvegicus (Linnaeus, 1758) no WoRMS.
  13. Nephrops no Merriam-Webster Unabridged Dictionary,
  14. Cunqueiro, A. (1973): A cociña galega. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-181-5, p. 74.
  15. Sueiro, J.-V. (1981): Comer en Galicia. Madrid: Penthalon Ediciones. ISBN 84-8533-732-8, p. 81.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lagostino
Wikispecies
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Lagostino

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Xénero Nephrops[editar | editar a fonte]

Especie Nephrops norvegicus[editar | editar a fonte]