Asociación Internacional de Estudos Galegos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Asociación Internacional de Estudos Galegos
TipoCultural
Presidente/aCarlos Pazos-Justo (2022-)
PaísGaliza
Na rede
http://aieg.gal/
Facebook: AsociacionInternacionaldeEstudosGalegos Twitter: estudosgalegos Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

A Asociación Internacional de Estudos Galegos/International Association of Galician Studies (AIEG[1]) é unha organización internacional sen ánimo de lucro que busca consolidar e visibilizar os estudos galegos en todas as disciplinas académicas en universidades e centros de investigación arredor do mundo.

Orixe e historia[editar | editar a fonte]

Esta asociación foi fundada por Kathleen March na década dos 80 na costa leste dos Estados Unidos de América. Desde o inicio, a súa intención foi a extensión e ampliación do coñecemento sobre a cultura galega a través da organización de congresos trianuais. As áreas de estudo comprendían maioritariamente a literatura, a historia, a cultura e a lingua galega. A partir do ano 1991 comezaron a interesarse especialmente pola lingua. Coa entrada do século XXI, enfocan a investigación en estudos menos convencionais como o dereito, a economía ou a tradución. Segundo se reflicte nos estatutos da asociación, a AIEG define os seus obxectivos como de utilidade xeral. Isto é:

a) Promover os estudos galegos a nivel internacional.

b) Propiciar o intercambio entre as/os estudosas/os das diversas disciplinas que se ocupan da realidade galega.

c) Fomentar a presenza da cultura galega no mundo, especialmente no ámbito académico.

Para o cumprimento destes obxectivos promóvese desde a asociación a organización de congresos internacionais e as conseguintes publicacións derivadas destes, quer impresas, quer electrónicas. As orixes da asociación estiveron relacionadas co traballo e coa dedicación na súa primeira década de existencia por parte de membros afíns chamados galicianistas, moitos deles procedentes dos Estados Unidos. A súa vitalidade viuse reforzada a partir dos anos 90 coa creación e expansión dos Centros de Estudos Galegos mais os correspondentes lectorados galegos creados arredor do mundo, co patrocinio e financiamento da Xunta de Galicia, entre outros.

Os dous primeiros congresos tiveron lugar nos Estados Unidos, aínda coa denominación de Congresos de Estudios Galegos. A continuación, abandonaron as terras anglófonas e pasaron a se localizar noutros lugares do mundo, xa coa actual nomenclatura de Estudos Galegos Internacionais:

Craig Patterson, presidente entre 2009 e 2012.

Así mesmo, estabelece o seu domicilio social no Consello da Cultura Galega, no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela; e o seu ámbito territorial, no que vai realizar principalmente as súas actividades, comprende todo o territorio do estado, así como o eido académico internacional.

Organigrama[editar | editar a fonte]

A AIEG está constituída polos seguintes órganos de goberno: a xunta directiva e a asemblea xeral. Así mesmo, esta é xestionada a través dunha xunta directiva composta por un presidente ou presidenta, un vicepresidente ou vicepresidenta, un secretario ou secretaria, un tesoureiro ou tesoureira, un secretario ou secretaria de relacións institucionais e catro vogais. Estes cargos teñen unha duración de tres anos. Ao fin dos tres anos, os cargos serán revocados pola asemblea e reasignados a outros membros. En consecuencia, cada órgano directivo correspóndese cun congreso, feito insólito por non teren continuidade alén dun congreso por directiva.

A xunta directiva ocúpase de
  • Dirixir as actividades sociais e levar a xestión económica e administrativa da asociación.
  • Executar os acordos da asemblea xeral.
  • Formular e someter a aprobación da asemblea xeral os balances e contas anuais.
  • Admitir novos socios.
  • Nomear delegación para algunhas actividades determinadas da asociación.
A asemblea xeral ocúpase de
  • Aprobar a xestión da xunta directiva.
  • Examinar e aprobar as contas anuais.
  • Elixir os membros da xunta directiva.
  • Fixar as cotas ordinarias ou extraordinarias.
  • Disolución da asociación.
  • Modificación dos estatutos.
  • Disposición ou alleamento dos bens.
  • Calquera outra que non sexa competencia atribuída a outro órgano social.

Galicianistas[editar | editar a fonte]

Todos os socios pertencentes á AIEG son chamados galicianistas. Segundo os estatutos, pode formar parte da asociación calquera persoa natural ou xurídica con capacidade de obrar e en pleno exercicio dos seus dereitos civís, e que acepte os obxectivos fundamentais da asociación. Segundo se contempla nos estatutos, existen dous tipos de membros: de pleno dereito e de honra. Estes últimos carecen de dereito de voto na asemblea (non sendo que asemade posúan a condición de membros de pleno dereito).

Da lista de galicianistas exposta pola AIEG no ano 2015, a maioría dos membros son mulleres (92 dun total de 146), mentres que 52 membros son homes, máis dúas institucións. Cómpre destacar que a maior parte dos membros pertencen a universidades de fóra da xeografía galega (95) e tan só 49 persoas traballan en universidades galegas.

Listaxe de centros no mundo[editar | editar a fonte]

Malia non seren dependentes nin estaren diretamente vinculados coa asociación, existen diversos centros de estudos galegos no mundo que realizan traballos en colaboración coa AIEG. Moitos galicianistas forman parte destes centros, sendo pois unha extensión indirecta dos estudos promovidos pola propia asociación. A seguinte clasificación está tirada literalmente da páxina oficial[2] da asociación.

América[editar | editar a fonte]

  • Cátedra Libre de Estudios Gallegos "Alfonso R. Castelao"
  • Cátedra de galego de São Paulo
  • Núcleo de Estudos Galegos da Univ. Federal Fluminense
  • Centro de Estudos Galegos do Río de Xaneiro
  • Centro de Estudos Galegos de Salvador
  • Centro de Estudos Galegos de Santiago de Chile
  • Cátedra de Galego da CUNY

Europa[editar | editar a fonte]

  • Lektorat für Galicisch an der Freien Univesität Berlin
  • Centro de Estudos Galegos de Kiel
  • Galicien Zentrum der Universität Heidelberg
  • Institut für Angewandte Linguistik und Translatologie
  • Centro de Estudos Galegos de Tubinga
  • Centro de Estudos Galegos u Zadru
  • Galego-Keskus
  • Centre d’Etudes Galiciennes de Paris
  • Galego Központ
  • Centro de Estudos Galegos de Padua
  • Centro de Estudos Galegos de Roma
  • Irish Centre for Galician Studies
  • Centro de Est. Gal. da Univ. Iaguelónica de Cracovia
  • Centre for Galician Studies in Wales
  • Seminario de Estudos Galegos
  • Oxford Centre for Galician Studies
  • Centro de Estudos Galegos San Petersburgo
  • Centro de Estudos Galegos da Uniwersytet Warszawski
España e Portugal
  • Centro de Estudos Galegos de Alacant
  • Centro de Estudos Galegos da Autónoma
  • Centro de Estudos Galegos de Barcelona
  • Centro de Estudos Galegos da Univ. de Deusto
  • Centro de Estudos Galegos
  • Centro de Estudos Galegos de Granada
  • Centro de Estudos Galegos de Madrid
  • Centro de Estudos Galegos de Salamanca
  • Centro de Estudos Galegos de Vitoria-Gasteiz
  • Centro de Estudos Galegos de Faro
  • Centro de Estudos Galegos de Lisboa
  • Centro de Estudos Galegos da Univ. do Minho

Galicia

Congresos[editar | editar a fonte]

Os congresos da AIEG son convocatorias trianuais, con sede rotatoria, que se realizan sen interrupción desde 1985. A primeira tivo lugar na Universidade de Maine-Orono, e a segunda na Universidade Brown en 1988. Tras a terceira edición en 1991, que tivo como sede a Universidade da Cidade de Nova York, o congreso trasladouse en 1994 por primeira vez a Europa, á Universidade de Oxford. A partir dese ano, os congresos da AEIG comezaron a alternar sedes suramericanas e europeas até a actualidade: Trier (1997), A Habana (2000), Barcelona (2003), Salvador da Bahia (2006), Galicia (2009), Cardiff (2012) e, na anterior cita (2015), Bos Aires. No 2018, o Congreso regresa a España, esta vez á Universidade Complutense de Madrid, e o congreso do 2021 celebrarase na Universidade de Varsovia, en Polonia.

As orixes da asociación están relacionadas co traballo e coa dedicación de galicianistas de Norteamérica na súa primeira década de existencia. A súa vitalidade viuse reforzada, de maneira considerábel, a partir dos anos 90 coa creación e expansión dos Centros de Estudos Galegos mais os correspondentes lectorados galegos arredor do mundo. As áreas de traballo das estudosas e estudosos comezaron sendo a literatura, a historia, a cultura e a lingua galegas. Nas últimas edicións foise reforzando a inclusión de estudos doutras áreas para que os congresos da AIEG continúen sendo os eventos máis importantes para toda a comunidade académica internacional que se dedique, sexa cal for a disciplina, a estudos relacionados con Galicia.

Congreso Sede Presidencia
I Congreso 1985 Universidade de Maine, Orono (EUA) Kathleen March (1982-1985)
II Congreso 1988 Universidade Brown (EUA) Antonio Carreño (1985-1988)
III Congreso 1991 Universidade da cidade de Nova York, CUNY (EUA) Xoán González-Millán (1988-1991)
IV Congreso 1994 Universidade de Oxford (Reino Unido) John Rutherford (1991-1994)
V Congreso 1997 Universidade Trier (Alemaña) Dieter Kremer (1994-1997)
VI Congreso 2000 Universidade da Habana (Cuba) Dieter Kremer (1997-2000)
VII Congreso 2003 Universidade de Barcelona (Cataluña) Kathleen March (2000-2001) / Basilio Losada Castro (2001-2003)
VIII Congreso 2006 Universidade Federal da Bahia (Brasil) Basilio Losada Castro (2003-2006)
IX Congreso 2009 Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo (Galicia) Burghard Baltrusch (2006-2009)
X Congreso 2012 Universidade de Cardiff (Gales) Craig Patterson (2009-2012)
XI Congreso 2015 Universidade de Bos Aires (Arxentina) Débora Campos (2012-2015)
XII Congreso 2018 Universidade Complutense de Madrid (Madrid) Carmen Mejía Ruiz (2015-2020)
XIII Congreso 2022 Universidade de Varsovia (Polonia) Ana Garrido González (2021-2022)

Como resultado dos congresos, a asociación editou, en colaboración cos patrocinadores principais, unha serie de publicacións que recollen as actas dos congresos. A seguir, un resumo das devanditas actas:

O I Congreso tivo lugar na Universidade de Maine-Orono en 1985. Encabezado pola fundadora da AIEG Kathleen March, os estudos expostos estiveron relacionados maioritariamente coa literatura, a historia, a cultura e a lingua galega. Para deixar constancia do evento, a presidenta naquela altura decidiu que a Universidade de Maine-Orono editase un libro que recollese o fundamental do congreso: First Galician Studies Conference.

O II Congreso organizado na Universidade Brown (EUA) celebrouse como unha homenaxe a José Amor y Vázquez e tivo como temáticas principais a lingua e a literatura. As conferencias plenarias foron a cargo de Catherine Davies, Geoffrey Ribbans e José Luis Varela e versaron sobre o contexto narrativo e a estrutura intratextual, sobre a lírica catalá en comparación coa galega e sobre o romanticismo de [Risco], respectivamente. Tamén foron recollidos traballos sobre a narrativa galega contemporánea e outros.

O III Congreso representa un punto importante dentro do percurso histórico da asociación. Se cómpre salientarmos tamén o valor académico do congreso celebrado na City University of New York en 1991, este evento destacou por ser o último celebrado en Norteamérica e por representar unha ruptura na liña temática, centrándose máis en investigacións sobre a lingua e intentando incluír outro tipo de estudos un pouco máis afastados dos filolóxicos e literarios como, por exemplo, o dereito e outros elementos culturais, estudos que entrarán con maior forza a partir do século XXI.

O IV Congreso foi celebrado en Oxford. A maior parte da programación das xornadas estivo ocupada polo estudo da lingua e a literatura, realizándose estudos en profundidade sobre elementos tan característicos das linguas lusófonas como, por exemplo, o complemento de solidariedade. A literatura, como dicíamos, tamén ocupou unha parte importante da axenda do congreso. En menor medida tamén foros tratados temas como a tradución, a arte, a historia e outros elementos da cultura como a gastronomía.

O V Congreso organizouse en Alemaña na Universidade de Trier agrupando temáticas do máis variadas desde a imaxe do concepto de galego dentro e fóra de Galicia, a a arqueoloxía e a creación audiovisual nos anos oitenta. Aínda que se continuou a ruptura coa liña temática habitual, non se esqueceu a liña tradicional lingüística e literaria.

O VI Congreso asentouse no Caribe na cidade da Habana. Co motivo da migración dos galegos na década dos oitenta, orientouse a historia cara aos movementos revolucionarios no panorama nacional nese momento, e o que a volta dos retornados supuxo. Adicóuselle un apartado aos movementos migratorios, en concreto á influencia que tivo a presenza galega na cultura cubana. A tradución, a literatura e o dereito pasan a un segundo plano.

O VII Congreso celebrado na Universidade de Barcelona no ano 2003 tivo como título “Mulleres en Galicia, Galicia e outros pobos da Península”, posto en relación co marco xeográfico da sede dese ano. Deste xeito, a temática dos estudos estivo orientada cara a traballos de análise das relacións do pobo galego cos demais pobos peninsulares e a importancia e repercusión das mulleres no ámbito social e literario da realidade galega. Así mesmo, co motivo do pasamento de Xoán González Millán, ex presidente da asociación e galicianista, a organización decidiu realizar unha homenaxe á súa traxectoria.

O VIII Congreso estivo marcado polo propio título “Galicia do outro lado do Atlántico”, onde se repasaron as potencialidades da relación entre Galicia e a emigración para impulsar o prestixio e proxección internacional da nación e da cultura galega. Así mesmo, foron tratados temas como a lusofonía e todo o relacionado co espazo lusófono, mais continuaron a non ser expostas temáticas máis modernas e doutros ámbitos de estudo alén da filoloxía como as ciencias económicas, do dereito, da antropoloxía e da comunicación. Deste xeito, este Congreso continuou a estar especialmente orientado cara o ámbito filolóxico sen apertura a outras ciencias sociais.

O IX Congreso foi o celebrado por primeira vez en territorio galego. As conferencias foron acollidas nas tres universidades galegas, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña. Neste congreso a literatura cobrou especial relevancia, mais tamén se trataron diversidade de temas, como economía, xénero, sexualidade, música, proxección de Galicia fóra do territorio galego, novas tecnoloxías e patrimonio. Como novidade, esta vez a lingüística e a lingua tiveron menos peso nas conferencias, con relación a outros anos nos que lingua e a literatura copaban practicamente toda a programación dos devanditos congresos.

O X Congreso celebrado en Caerddyd/Cardiff foi unha continuación dos organizados anteriormente, en canto a organización das sesións se refire. O desenvolvemento continuou a ser en sesións paralelas para manter un maior grao de especialidade, mais isto obrigou aos asistentes a escoller entre as diferentes sesións. A temática foi moi variada, sendo tratados asuntos como o rosalianismo e novas liñas de investigación sobre o galego oral. Ademais, tamén tiveron presenza temas relacionados co imaxinario dos espazos urbanos, coas TIC en comuñón coa literatura galega e cuestións sistémicas e de xénero.

O XI Congreso describe o seu obxectivo como a contribución á apertura da transculturidade social e cultural, por medio de ferramentas que favorezan novas perspectivas, e a atención de obxectos culturais emerxentes. Foron tratados os seguintes tópicos: dereito, economía, política, filosofía, socioloxía, educación, arquitectura, belas artes, audiovisual, artes plásticas, deportes, turismo, musicoloxía, historia da arte, estudos culturais, estudos de tradución, literatura comparada, estudos migratorios e de fronteira , antropoloxía, etnografía, gastronomía, ciencias da comunicación, tecnoloxías da información, ciencias da saúde, ciencias naturais e ecoloxismo, teoría feminista, estudos de xénero, estudos queer, estudos poscoloniais e das minorías, literatura, historia e xeografía, lingüística e lingua galega.

O XII Congreso celebrado en Madrid en decembro de 2018 e tivo por título “Novos horizontes para unha Galicia global: redes, territorio e memoria”. Foi o terceiro destes congresos celebrado en territorio nacional e o segundo, dentro destes, fóra de Galicia. O congreso non se celebraba na Península desde o ano 2009. Nesta ocasión, desde a AIEG propuxeron tres áreas temáticas principais (redes, territorio e memoria), con liñas de traballo máis específicas. Esta nova proposta de apertura perante tan diferentes áreas foi pensada para abrir o diálogo e establecer lazos entre as diferentes disciplinas. Segundo comunicaron desde a organización do congreso, as liñas das palestras inclúen tradución, economía, educación, artes, patrimonio, novas tecnoloxías, sociedade, estudos do trauma, estudos de xénero etc.

O XIII Congreso, que tivo lugar en Varsovia do 21 ao 24 de setembro de 2022 na Facultade de Neofiloloxía da Universidade de Varsovia titulase Abrindo rutas, ampliando camiños. Novas perspectivas e interseccións nos estudos galegos. Foi o primeiro congreso feito fóra das rutas da emigración galega.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • N. March, Kathleen (1985). University of Maine, ed. First Galician Studies Conference. Orono, Maine. 
  • Carreño, Antonio (1991). Galaxia, ed. Actas do segundo Congreso de Estudios Galegos Precedings of the second Galician Congress: homenaxe a José Amor y Vázquez. Vigo. 
  • Fernández Salgado, Benigno; González López, Emilio (1997). Oxford Centre for Galician Studies, ed. Proceedings of the 4th International Conference on Galician Studies University of Oxford, 26-28 September 1994 = Actas do IV Congreso Internacional de Estudios Galegos : Universidade de Oxford, 26-28 setembro 1994. Oxford. 
  • Kremer, Dieter (1999). Ediciós do Castro, ed. Actas do V Congreso Internacional de Estudios Galegos : Universidade de Tréveris 8-11 de outubro de 1997. Sada, A Coruña. 
  • Kremer, Dieter (2001). Ediciós do Castro, ed. Actas do VI Congreso Internacional de Estudios Galegos un século de estudos galegos, Galicia fóra de Galicia. Sada, A Coruña. 
  • González Fernández, Helena; María Xesús Lama López (2007). Ediciós do Castro, ed. Actas VII Congreso Internacional de Estudos Galegos : mulleres en Galicia, Galicia e os outros pobos da península. Sada, A Coruña. 
  • Rei-Doval, Gabriel (2009). Universidade de Santiago de Compostela, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, ed. A lingüística galega desde alén mar. Santiago de Compostela. 
  • Rodríguez González, Olivia; Laura Carballo Piñeiro; Burghard Baltrusch (2012). Universidade da Coruña, ed. Novas achegas ao estudo da cultura galega II : enfoques socio-históricos e lingüístico-literarios. A Coruña. 
  • Fernández Carballido, Xurxo (2006). "Outra oportunidade perdida: VIII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos". Tempos Novos (114). 
  • López Sández, María (2012). "Novo encontro dos estudos galegos no mundo". Grial (196). ISSN 0017-4181. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]