Matthias Jakob Schleiden
Matthias Jakob Schleiden, nado en Hamburgo o 5 de abril de 1804 e morto en Francoforte do Meno o 23 de xuño de 1881, foi un célebre botánico alemán autor, xunto ao seu compatriota e amigo o fisiólogo Theodor Schwann, da teoría celular.
Un ano despois de que Schleiden publicara a súa teoría celular das plantas, o Schwann estendeuna aos animais, unificando así a botánica e a zooloxía baixo unha teoría común.
Schleiden foi un dos primeiros científicos alemáns en adherirse ás teses evolucionistas de Charles Darwin.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Despois de estudar dereito en Heidelberg desde 1824, en 1826 obtén o grao de doutor. Comezou a traballar como avogado en Hamburgo, pero despois dun curto período cambia e, desde 1832, estuda ciencias naturais, especialmente o que verdadeiramente o apaixonaba, a botánica, na universidade de Gotinga.
En 1835 vai a Berlín a estudar na universidade co seu tío, o botánico Johann Horkel, que o anima a estudar embrioloxía.
En Berlín traballa no laboratorio de Johannes Müller, xunto con Theodor Schwann, do que se fixo moi amigo.
Obtén o grao de doutor en filosofía (medicina) na universidade de Jena en 1839, sendo nomeado o ano seguinte profesor asociado de botánica na Facultade de Medicina desta universidade, na que foi profesor até 1862.
Despois, entre 1863 e 1864, foi profesor de antropoloxía na universidade de Dorpat, (Tartu, Estonia) e despois de 1864 profesor privado en Dresden, Darmstad, Wiesbaden e Frankfurt.
En 1844 fundou, con Carl Nägeli a Zeitschrift für wissenschaftliche Botanik.
Home de carácter polémico, burlouse dos botánicos do seu tempo, que se limitaban a nomear e describir as plantas, e en responder a preguntas de taxonomía.
Contrariamente aos botánicos da época, Schleiden utiliza principalmente o microscopio para estudar os vexetais,[1] e concibiu a idea de que estaban compostos por unidades recoñecíbeis ou células, destacando a importancia do núcleo celular, descuberto polo botánico escocés Robert Brown (1773-1858), e o seu papel na división celular.
No seu libro Beiträge zur Phytogenesis (Contribucións á fitoxénese, 1838), afirma que o crecemento das plantas se produce pola xeración de células novas que, segundo as súas especulacións, propagaríanse a partir dos núcleos celulares das vellas.
Aínda que posteriores descubrimentos mostraron o seu erro respecto ao papel do núcleo na mitose ou división celular, o seu concepto de célula como unidade estrutural común a todas as plantas, tivo o efecto de atraer a atención dos científicos cara aos procesos vitais que se producían a nivel celular.
Obra
[editar | editar a fonte]Entre as súas publicacións destacan:
- "Einige Blicke auf die Entwicklungsgeschichte des vegetabilischen Organismus bei den Phanerogamen", in Archiv für Naturgeschichte 3, páxs. 289-320. (1837).
- "Beiträge zur Phytogenesis" in Archiv für Anatomie, Physiologie und wissenschaftliche Medicin (1838), páxs. 137-176.
- Grundzüge der wissenschaftlichen Botanik nebst einer methodologischen Einleitung als Anleitung zum Studium der Pflanze (Part 1-2) (2 volumes, 1842-1843). Leipzig: Müller.
- "Ueber die Wichtigkeit des Mikroskops in allen Zweigen der Naturwissenschaft" in Archiv der Pharmacie, eine Zeitschrift des Apotheker-Vereins in Norddeutschland, 87, páxs. 68-82, 291-310. (1844).
- Die Bedeutung der Juden für den Erhaltung und Weiderbelebung der Wissenschaften (1877).
- Die Pflanze und ihr Leben. Populäre Vorträge. Leipzig: Engelmann. (1848).
- Grundzüge der wissenschaftlichen Botanik (1861).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Foi el quen animou a Carl Zeiss (1816-1888) a producir microscopios de maneira industrial.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Matthias Jakob Schleiden |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Olaf Breidbach, Uwe Hoßfeld, Ilse Jahn & Andrea Schmidt (2004):: Matthias Jacob Schleiden (1804-1881). Schriften und Vorlesungen zur Anthropologie. Stuttgart: Franz Steiner Verlag. ISBN 3-515-08542-4