Erasístrato

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Erasístrato
Musée Ingres-Bourdelle - Etude pour LA MALADIE D'ANTIOCHUS, OU ANTIOCHUS ET STRATONICE ; buste d'Erasistrate, vers 1860 - Ingres - MI.16.1.3.jpg
Nacementoanos 300 a. C.xuliano
Lugar de nacementoIulis
Falecemento249 a. C.
Lugar de falecementoSamos
NacionalidadeIulis
EtniaGregos
Ocupaciónbiólogo, médico, neurocientífico e anatomista
editar datos en Wikidata ]

Erasístrato (en grego antigo Ἐρασίστρατος; c. 304250 a. C.) foi un médico e anatomista da Grecia Antiga, nacido na illa de Ceos. Foi con Herófilo o fundador da Escola de Alexandría. Curou a Antíoco, fillo do sirio Seleuco I, escena que pintou Jacques Louis David no s. XVIII, polo que recibiu o Prix de Rome.

Erasístrato de Ceos
pintado por Ingres.

É considerado precursor da neuroloxía e tamén é chamado fundador da fisioloxía experimental, realizando experimentos con animais.

Descubrimentos sobre o sistema nervioso[editar | editar a fonte]

Pioneiro xunto a Herófilo na neuroanatomía, foron dos primeiros en practicar diseccións de cadáveres. Erasístrato distinguíu as principais estruturas do cerebro: hemisferios e cerebelo. Tamén observou que os nervios converxen cara ao sistema nervioso central. Resaltou o papel na sensibilidade e a motricidade das raíces posteriores e anteriores dos nervios raquídeos. Pioneiro do método comparativo, foi o primeiro en establecer un vínculo entre as circunvolucións do cerebro (é dicir, o grao de «pregamento») das distintas especies animais e a súa intelixencia.

Na liña de Anaxágoras e Alcmeón de Crotona fixo ao cortex cerebral a sede do pensamento, ao contrario que Aristóteles, que a situaba no corazón.

Descubrimentos sobre o sistema circulatorio[editar | editar a fonte]

Erasístrato sinalou a importancia do sangue e estivo moi próximo de facer o descubrimento da circulación sanguínea ao recoñecer que o corazón estaba no centro da rede de arterias e veas. Deu as primeiras descricións da vea cava, as válvulas venosas e as arterias pulmonar e renal.

Foi autor dunha teoría contraposta á dos humores. Defendeu a idea de que o sistema de veas transportaba sangue e non o pneuma imaxinado por Hipócrates. Este sangue contendo o espírito vital era transportado do corazón ao cerebro, onde era transformado e distribuído polo corpo vía os nervios (dos que demostrou que non eran ocos senón formados por unha estrutura tubular sólida). Con todo, o papel das arterias na súa teoría era o de transportar o aire, o que explicaba, segundo el, o pulso. Interpretaba algunhas desordes fisiolóxicas como un exceso de sangue nas arterias. Esta teoría da plétora sanguínea expúxose en oposición á práctica de sangrías defendida por outros médicos da época, como Herófilo.

Anécdotas biográficas[editar | editar a fonte]

A vida de Erasístrato é pouco coñecida. A maioría dos seus escritos coñécese polos comentarios que fixeron deles os seus sucesores, en particular Celio Aureliano e Galeno. Crese que é o inventor da palabra traquea.

'Erasístrato descobre a causa do mal de Antíoco', obra de Jacques-Louis David (1774).

Dise que foi chamado ao leito de Antíoco, gravemente enfermo, polo seu pai Seleuco. Ao observar que o pulso do paciente se aceleraba e que o seu rostro arroibaba cando a súa bela madrastra Estratónice entraba na habitación, Erasístrato deduciu que en realidade o paciente sufría dun amor imposible. Para algúns isto tamén o fixo pioneiro da psicoterapia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]