Saltar ao contido

Picapeixe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Alcedo athis»)
Picapeixe
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animal
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Coraciiformes
Familia: Alcedinidae
Xénero: Alcedo
Especie: A. atthis
Nome binomial
Alcedo atthis
(Linnaeus, 1758)
     Aniñamento      Residente todo o ano      Estacional
     Aniñamento
     Residente todo o ano
     Estacional

     Aniñamento
     Residente todo o ano
     Estacional

O picapeixe[2] (Alcedo atthis), tamén chamado martiño peixeiro ou alción,[3][4] é a única especie europea da familia dos picapeixes (Alcedinidae). Vive nunha ampla área de Europa, Asia e o noroeste de África, en zonas de augas limpas.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Coma tódolos representantes da súa familia, o picapeixe ten o corpo curto e de aspecto sólido, as patas e as plumas da cola tamén curtas e ás anchas. A cabeza é grande, o pescozo curto e o bico longo (uns 4 cm.) e afiado. O corpo mide uns 16 a 18 cm., a envergadura das ás é duns 25 cm. e pesan ó redor de 35 ou 40 gramos.

A parte superior da cabeza, as plumas externas das ás, os ombreiros e as plumas da cola son de cor azul verdoso, máis ou menos escuro, barrado na zona da cabeza por listas de cor azul mariño. As plumas das alas teñen puntas azul mariño, no lombo as listas son azul turquesa. A gorxa é branca. Nas aves adultas o resto da parte inferior ten corres que van do vermello de ferruxe ó castaño. O debuxo da cabeza esta composto por plumas de cor castaño avermellado nos oídos, manchas brancas nos lados do pescozo e unha barbadela verde azulada ou azul. Na fronte hai unha mancha acastañada diante de cada ollo, que parece branca cando se ve de lonxe. na época de cría os pés son de cor vermella alaranxada.

o peteiro dos machos é negro, que pode ser algo máis claro por debaixo. A parte inferior do das femias é alaranxado dende a base ata polo menos o terzo distal. A plumaxe da parte superior do corpo ten nos machos, en xeral, un ton azul de base con manchas grandes de cor azul escuro na parte superior da cabeza. Nas femias a cor de base e máis axiña verde azulada.

As aves inmaturas teñen a plumaxe máis mate e son máis verdosos que os adultos pola parte superior. As plumas do peito teñen case sempre as puntas verdes ou grises. O bico é máis curto e negro, cunha mancha clara na punta. As patas son castañas escuras na súa parte superior.

Entre agosto e mediados de novembro van remudando as plumas nunha orde estrita. O grao de muda depende das áreas xeográficas: así en Centroeuropa mudan unhas tres cuartas partes da plumaxe, acabando a muda no verán seguinte. Os paxaros nados cambian na súa primeira muda tódalas plumas pequenas e ás veces as da cola.

A súa chamada é un son curto, agudo e repetido, que pode reproducirse como "ti-it".

Na época de cría son ruidosos, variando algo o seu chío.

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Vive en boa parte de Europa, Asia e noroeste de África. Falta en Islandia, norte de Escocia, norte de Escandinavia e Siberia e tamén en zonas de alta montaña. Hai poboacións illadas no leste de Indonesia e en Melanesia. No centro e oeste de Europa é unha ave sedentaria, pero cara ó leste vaise facendo migratoria, aínda que este aspecto da súa conduta esta pouco estudado.

Vive en zonas de augas limpas con poboacións de peixes pequenos e sitios axeitados para pousarse durante a espreita, con preferencia polas zonas acuáticas ben rodeadas de árbores. Habita preto de ríos, regos e lagos e, ás veces, de zonas acuáticas artificiais coma estanques e canais. Fora da época de cría poden aparecer á beira do mar. Fan os niños en ribeiras de difícil acceso ou en raíces de árbores grandes caídas ben cubertas de terra. Poden aproveitar furados feitos polo ser humano.

Sistemática

[editar | editar a fonte]

A filoxenia da familia dos picapeixes (Alcedinidae) foi reconstruída a partir de estudos xenéticos feitos en 38 especies do grupo. As diferenzas entre as especies dos xéneros Ceyx e Alcedo parecerían indicar que non forman un grupo zoolóxico compacto, polo que as relacións internas da familia non están aínda claras.[5]

Sistemática interna

[editar | editar a fonte]

De acordo co ITIS hai sete subespecies:

Outras fontes (Avibase Database) recoñecen dúas subespecies máis:

Alimentación

[editar | editar a fonte]
Picapeixe cun peixe capturado

Aliméntanse de peixes, insectos acuáticos adultos e as súas larvas, pequenos crustáceos e cabezolos. Poden tragar peixes de ata 9 cm de lonxitude e 2 cm de altura a nivel dorsal. Se o peixe é máis estreito poden tragar exemplares de ata 12 cm. de lonxitude.

Caza mergullándose na auga. Póusase en silencio nunha póla enriba da auga ata que localiza unha presa. Entón mergúllase na auga en diagonal, coa cabeza por diante e acelerando con sacudidas curtas das ás. Durante a inmersión os ollos están cubertos por unha membrana nictitante. As ás están ben pegadas ó corpo ou estiradas cara a arriba. Xusto antes de capturar a presa fréanse coas patas e abrindo as ás. Sobe á superficie coa cabeza pegada ó peito, o primeiro que saca da auga é a caluga, despois saca o bico e sae voando da superficie, Todo este proceso non dura en xeral máis que dous ou tres segundos. Se lle faltan sitios xeitosos para pousarse pode mergullarse na auga desde o aire.

Precisa unha póla forte ou outro sitio estable para preparar a presa antes comela. As presas pequenas son tragadas inmediatamente. Os peixes meirandes zóupanos contra a pola ou sacódenos ata que morren e despois trágaos. Os restos indixeribles coma arganas ou partes quitinosas dos insectos son vomitados entre unha e dúas horas despois da comida.

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Alcedo atthis

Os máis dos picapeixes son monógamos. En anos de abundancia algúns machos poden practica-la bigamia con femias que crían separadas por quilómetros de distancia. Nestes casos o macho alimenta ás crías das dúas niñadas a un tempo. Entre febreiro e marzo voan chiando ó longo da auga e, cando encontran unha posible parella, perséguena voando sobre da auga ou entre as árbores. É en xeral o macho o que escolle o lugar de cría.

Cortexo e aparellamento

[editar | editar a fonte]

Na época de cortexo o macho ofrece peixiños á femia, que esta recolle axitando as ás e chiando. A alimentación serve para escolle-la parella e reforza os vencellos entre elas. Ás veces os dous membros póusanse nunha pola próxima ó posible lugar de cría e chían alternativamente.

Durante a preparación do furado para aniñar prosegue o sistema de ofrecer alimentos e, finalmente, teñen lugar as cópulas, realizadas en xeral nunha póla, e durante as que o macho, pousado no lombo da femia, agarra co bico as plumas da cabeza desta, equilibrándose coas ás.

Os picapeixes fan un furado nunha parede vertical de arxila ou area compacta. Procuran sitios enxoitos, libres de vexetación e raíces, en xeral na parte superior da parede. O furado, lixeiramente ascendente e ovalado, mide de 40 a 80 cm e uns 8 cm de alto. A zona do niño mide uns 17 cm de diámetro e 2 cm de alto. Cando cavan en paredes de area máis branda os furados poden chegar ó metro.

Fan o burato co bico, roldándose para traballar o macho e a femia. Mentres un deles fura, o outro, en xeral, vixía. Cando o túnel vai avanzando expulsan a terra cara a atrás coas patas. Se atopan durante a escavación unha pedra ou unha raíz que lles impiden continuar poden desviar a galería ou comezar unha nova. A construción dura dúas ou tres semanas. Marcan os túneles acabados con excrementos.

Ás veces unha parella pode comezar máis dunha galería e mesmo acabar varias. Outras veces aproveitan, despois de limpalas, galerías vellas ou acaban outras comezadas en anos anteriores. Entre finais de marzo e comezos de abril, as máis das parellas teñen xa preparado un túnel axeitado.

A niñada

[editar | editar a fonte]

Poñen un ovo por día. Os ovos son brancos, case redondos e lisos e pesan uns 4 gramos. Nos primeiros días son rosados, e van tomando unha cor branca de porcelana. As femias poñen de 6 a 8 ovos, raras veces máis, e os dous sexos chocan os ovos alternativamente, empezando cando acaba a posta. O paxaro que incuba (de noite é en xeral a femia) mantén a cabeza cara a saída do túnel. A incubación dura de 19 a 21 días. Os pitos rompen a casca normalmente todos o mesmo día.

Do 30 ó 40% das postas fracasan, normalmente por inundacións causadas por choivas fortes, que arrastran ou rompen os ovos. Outro efecto das choivas e o de dificultar a pesca, co que os pitos poden morrer de fame. Mesmo os adultos non poden sobrevivir sen comer máis que períodos curtos.

Unha galería construída inaxeitadamente pode permitir que ratos, raposos, ou outros depredadores teñan acceso fácil ós ovos ou ós polos. Os paxaros adultos poden tamén abandonar a cría se son molestados polo home. Despois da perda do niño a femia pode poñer poucos días máis tarde outros seis ovos.

Desenvolvemento dos polos

[editar | editar a fonte]

Os polos nacen cegos e espidos. Os primeiros días son alimentados con insectos e despois con peixes de ata cinco cm mentres un dos pais caza e o outro permanece no niño. Ós oito días comezan a aparecerlles as primeiras plumas, de cor azul. Nesa época son alimentados só pola noite. Ós 14 días teñen xa a plumaxe completa, cuberta dunha especie de funda que perden ás tres semanas.

Entre 23 e 28 días despois de saíren do ovo, cuns 42 gramos de peso, comezan a voar, abandonando o niño por períodos de duración variable. Permanecen preto do niño, a miúdo agachados nas polas máis mestas. Seguen a ser alimentados, preferentemente polo macho e con peixes. Comezan axiña a aprender as técnicas de pesca e pouco despois son expulsados polos pais do territorio de cría.

Entre xuño e xullo poden facer, polo menos en Centroeuropa, unha segunda cría e, en situacións adecuadas, unha terceira ou mesmo unha cuarta.

Segundo os estudos realizados teñen unha taxa de mortalidade alta: o 80% dos pitos morren antes da seguinte estación de cría. Tamén o 70% dos adultos morren nun ano. Moi poucos chegan ós tres anos de idade, e casos de exemplares de cinco anos son raros. A unha taxa de mortalidade alta, correspóndelle unha de reprodución tamén alta.

Entre os depredadores máis habituais que os ameazan están os azor, o gabián e os bufos.

Desprazamentos

[editar | editar a fonte]

Os adultos permanecen durante a estación de cría no mesmo territorio, mentres que os inmaturos xa independentes procuran un lugar axeitado para vivir entre o verán e o outono. Poden desprazarse ata mil quilómetros. Os pitos da segunda e terceira niñadas desprázanse en xeral máis lonxe cós da primeira.

Picapeixe (Alcedo atthis)

O picapeixe é territorial e solitario, moi fiel ó lugar que escolle para vivir. Pasa ás veces moito tempo pousado nunha póla preto da auga. A presenza doutro conxénere provoca unha resposta inmediata. O propietario do territorio reacciona erguéndose, estirándose e deixando cae-las ás cara a adiante. A miúdo abre tamén o peteiro. Para reforza-la ameaza fai lentas reverencias diante do intruso. A ameaza máis intensa consiste en abri-las ás amosándose en todo o seu tamaño. Os duelos poden acabar con voos de persecución que ás veces duran horas. A disputa acaba coa rendición do máis feble.

En casos extraordinarios poden loitar, intentando os paxaros apuxarse fora do lugar onde están pousados e collerse pola caluga co bico. Se a loita queda indecisa agarran un ó outro polo peteiro, sacódense e poden acabar caendo ó chan ou á auga. As feridas son pouco habituais.

Os inmaturos á procura dun territorio son, ás veces enerxicamente expulsados se entran na área de cría dos adultos. Noutras ocasións son tolerados. Amosan moito interese polos niños e en poden colaborar esporadicamente na alimentación das crías dos amos do territorio.

Fóra da época de cría varios picapeixes poden compartir territorio se hai alimentación abundante.

A miúdo foxen das aves de presa voando baixo sobre a auga e mergullándose de socato.

Status e ameazas

[editar | editar a fonte]

Evolución das poboacións

[editar | editar a fonte]

As poboacións europeas reducíronse moito entre 1970 e 1990. Segundo informes da IUCN hai en Europa 160.000 parellas reprodutoras. Unha certa estabilidade entre 1990 e 2000 non permite falar aínda de recuperación.

Ameazas e protección

[editar | editar a fonte]

O frío do inverno é unha ameaza grande para a especie. En invernos moi duros as poboacións poden reducirse rexionalmente ata no 90% por falta de alimentación, perda da capacidade de voar ou conxelación.

Anos atrás era moi perseguido polos pescadores. Hoxe en día a perda dos seus hábitats pola contaminación das augas, o desecado ou a urbanización son a ameaza principal para a súa subsistencia. O picapeixe é o símbolo da protección das especies das zonas acuáticas continentais

O picapeixe e o home

[editar | editar a fonte]

Etimoloxía e nome

[editar | editar a fonte]

En 1758 Carl von Linné deulle o nome científico de Alcedo ispida. A palabra latina Alcedo vén do grego Halkyon, que significaría “o incubado no mar“. A orixe deste nome e mitolóxica: Alcyone, filla de Eolo, tirouse ó mar cando soubo que o seu home Ceyx morrera nun naufraxio, e os deuses, apiadándose dela, converteron ós dous en paxaros. Cada inverno a femia do alción fai un niño sobre das ondas, onde pon os ovos e choca as súas crías. Mentres está a criar sucédense os días do alción, sete días sen vento e de boa mar antes e despois do solsticio de inverno.

Mitoloxía e culto

[editar | editar a fonte]

Os antigos gregos e romanos crían que o picapeixe facía efectivamente os seus niños no mar. Plutarco pensaba que o niño estaba feito de escamas de peixe. Plinio o vello falaba na súa Naturalis historia do ano 70 dun niño que nin o aceiro podía destruír. Mesmo ata o século XIX pensábase que os días do alción coincidían coa época de cría do picapeixe. O mito grego sobre a fidelidade do picapeixe continuou vivo ata os tempos modernos. O naturalista Conrad Gessner 1669 escribía que a femia emitía un canto lúgubre cando o macho morría. Os picapeixes daban boa sorte e favorecían as viaxes e as capturas dos pescadores.

Segundo unha lenda francesa o picapeixe, daquela gris, foi enviado por Noé para comprobar se as augas baixaran. Para evitar unha tormenta tivo que voar tan alto que se tinguiu por riba do azul do ceo e por baixo fíxose vermello pola calor do sol. Cando volveu non conseguiu atopa-la arca, polo que segue a voar sobre da auga buscando a Noé.

Das plumas do picapeixe facíanse talismáns conta o lóstrego (véxase tamén pedra de raio). O seu corazón seco tíñase por un antídoto contra o veleno. Críase tamén que o seu bico indicaba sempre a dirección do vento ou o norte, polo que o seu corpo momificado e pendurado podía servir de compás. Paracelso cría que despois de morto o corpo do picapeixe non podrecía e o naturalista Balthasar Sprenger 1753 escribiu un artigo no que afirmaba esa teoría.

As súas plumas estiveron de moda no século XIX, usándose sobre todo para adornar sombreiros de muller. Foron tamén cazados para facer moscas artificiais para a pesca con cana.

Onomástica noutras linguas

[editar | editar a fonte]


  1. BirdLife International (2012). "Alcedo atthis". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para picapeixe.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para martiño peixeiro.
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para alción.
  5. Robert G. Moyle: A Molecular Phylogeny of Kingfishers (Alcedinidae) with Insights into early Biogeographic History. The Auk Vol.123: 487–499, 2006, Weblink: http://www.bioone.org/perlserv/?request=get-document&doi=10.1642%2F0004-8038(2006)123%5B487%3AAMPOKA%5D2.0.CO%3B2

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Sobre o seu status

[editar | editar a fonte]

Literatura

[editar | editar a fonte]
  • Urs N. Glutz von Blotzheim: Handbuch der Vögel Mitteleuropas. Band 9. Columbiformes - Piciformes. Aula-Verlag, Wiesbaden, 1994, ISBN 3-89104-562-X
  • D. Boag: The Kingfisher. Blandford Press, Poole, 1982
  • Alfred Brehm: Tierleben, 4. edición por Otto zur Strassen, 1922
  • Bruun, Delin, Svensson: Der Kosmos Vogelführer, Kosmos-Verlag, Stuttgart, 1993
  • Margret Bunzel-Drüke, Joachim Drüke: Eisvögel. Faszinierende Meisterfischer in bedrohten Lebensräumen. G. Braun Verlag, Karlsruhe, 2003, ISBN 3-7650-8143-4
  • Margret Bunzel: Der Eisvogel (Alcedo atthis) in Mittelwestfalen. Studien zu seiner Brutbiologie, Nahrung und Siedlungsbiologie. Westfälische Wilhelms-Universität Münster, Dissertation, 1987
  • R. Eastman: The Kingfisher. Collins, Londres, 1970
  • P. Fioratti: Kingfisher. Harper Collins, Londres, 1992
  • W. Zöller: Eisvögel – viele Jahre beobachtet. Karlsruhe, 1985

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]