Aethelwald de Anglia Oriental

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Aethelwald de Anglia Oriental
Nacementoséculo VIxuliano
Falecemento664
EtniaAnglos
Ocupaciónmonarca
PaiEni de Anglia Oriental
IrmánsÆthelric, Anna de Anglia Oriental e Aethelhere de Anglia Oriental
editar datos en Wikidata ]

Æthelwald, tamén coñecido como Æthelwold ou Æþelwald (inglés antigo: Æþelwald "nobre gobernante"), finado en 664, foi rei de Anglia Oriental, no século VII (reinou 654-664), o lonxevo reino anglosaxón que inclúe hoxe en día os condados ingleses de Norfolk e Suffolk. Pertencía á dinastía Wuffinga que gobernou Anglia Oriental desde o seu rexio (centro da autoridade real) de Rendlesham. Os dous cemiterios anglosaxóns de Sutton Hoo, o mosteiro de Iken, a Sede episcopal de Dommoc e o novo porto de Ipswich estaban todos na veciñanza de Rendlesham.

Aethelwald viviu durante un tempo de axitación política e relixiosa en Anglia Oriental, cuxos reis cristiáns adoitaban morrer violentamente e mostráronse incapaces de frear os ataques do veciño reino de Mercia, liderado por Penda. Aethelwald foi o último dos sobriños de Raedwald en gobernar Anglia Oriental. Morreu no 664 e foi sucedido por Ealdwulf, o fillo do seu irmán Æthelric.

Poucos rexistros relativos a Anglia Oriental sobreviviron e non se sabe case nada da vida ou o reinado de Aethelwald. Sucedeu ao seu irmán maior Æthelhere, despois de que este morrese xunto con Penda de Mercia na Batalla de Winwaed ao redor de 655. Durante o seu goberno foi testemuña do revés nas aspiracións de Mercia para dominar aos seus veciños, tras a Batalla de Winwaed e o asasinato de Peada, fillo de Penda.

El foi rei durante a última década da co-existencia en Inglaterra dos cristiáns do Rito romano, centrada en Canterbury, e o rito Celta baseado en Northumbria. No Sínodo de Whitby, en 664, a causa Romana impúxose e a división das autoridades eclesiásticas cesaron. En 662, Swithelm de Essex foi persuadido a adoptar o Cristianismo e foi bautizado en Rendlesham, con Aethelwald presente como o seu patrocinador. Anglia Oriental estreitou lazos con Northumbria, Kent e terras nos Pantanos, por medio de matrimonios reais

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

Un mapa dos reinos anglosaxóns, incluíndo lugares relevantes para oreinado de Æthelwald

A emerxencia do reino de Anglia Oriental[editar | editar a fonte]

A historia de Anglia Oriental e os seus reis coñécese a través da Historia Ecclesiastica gentis Anglorum, compilado polo monxe Northumbriano Beda en 731, e unha lista xenealóxica da Anglian colection, que data da década de 790, no que a ascendencia de Ælfwald de East Anglia foi rastrexada a través de catorce xeracións até Wōden[1].

Anglia Oriental foi un lonxevo reino no que se mantivo a dualidade entre norte e sur, correspondente aos actuais condados ingleses de Norfolk e Suffolk[2]. Comezou a formarse durante o século V, seguindo á finalización do Fin do dominio romano en Britania en 410[3]. O leste de gran Bretaña foi colonizado rapidamente por saxóns e os anglos do continente. Durante o século V, os grupos de colonos de orixes mixtas emigraron cara aos Pantanos, e polos principais ríos do interior[4]. De Beda sabemos que os pobos que se asentaron no que se converteu en Anglia Oriental foron os anglos, orixinarios da actual Dinamarca. Durante o século VI, apareceron novos asentamentos tamén ao longo dos sistemas dos ríos da costa leste, incluíndo o Deben, o Alde e o Orwell[5]. Os colonos non se viron afectados pola cultura e civilización romana e tiñan a súa propia relixión e idioma. A medida que se ocupaba máis territorio, formábanse novos reinos, substituíndo a función dos territoria[6]. Rodeado polo mar, lamazais, grandes defensas como o Devil's Dyke e anchos ríos, Anglia Oriental unificouse baixo o mando dos Wuffingas.

Raedwal e os seus sucesores[editar | editar a fonte]

O primeiro rei dos Anglos Orientais foi Raedwald, descrito por Beda como 'o fillo de Tytil, cuxo pai era Wuffa', que reinou sobre 599 até aproximadamente 624[7]. Segundo Beda, foi convertido ao Cristianismo na corte do seu señor Aethelberht de Kent aproximadamente en 604. Ao longo do seu reinado foi suficientemente poderoso como para manter o imperium sobre varios reinos anglosaxóns. En 616, derrotou a Aethelfrith de Northumbria e instalou ao exiliado Edwin como novo rei[8]. Crese que este lle entregou un barco funerario cunha magnífica variedade de tesouros e símbolos de poder, que foron descubertos baixo o Túmulo 1 en Sutton Hoo, en Suffolk[9]. Foi sucedido polo seu fillo Eorpwald, que reinou brevemente antes de ser asasinado pouco despois do seu bautismo, por un pagán chamado Ricberht, despois do cal os anglos orientais volveron ao paganismo[10]. Ricberht foi substituído por Sigeberht, cuxa educación cristiá asegurou o restablecemento do cristianismo. Durante o reinado conxunto de Sigeberht e Ecgric, estableceuse a sede episcopal de Dommoc en territorio de Anglia Oriental[11].

En 632 ou 633, Edwin de Northumbria foi derrocado e asasinado, e o seu reino devastado por Cadwallon ap Cadfan, apoiado por Penda de Mercia[12]. Os mercianos volvéronse entón cara a Anglia Oriental e o seu rei, Ecgric. En 640 ou 641, derrotaron aos anglos, circunstancia na que pereceron Ecgric e o seu predecesor Sigeberht[13].

O sucesor de Ecgric, era un irmán de Æthelwald, Anna, coñecido polo seu devoto cristianismo e a santidade dos seus fillos, pero revelouse ineficaz á hora de evitar a invasión merciana de Anglia Oriental. Tras un ataque merciano en 651 a Cnobheresburg, Anna foi exiliado por Penda, posibelmente a Magonsaete. Tras o seu regreso, Anglia Oriental foi atacado novamente por Penda, e as forzas de Anna derrotadas, o propio Anna morto. Durante o reinado do seu sucesor, Æthelhere (outro irmán de Æthelwald), Anglia Oriental foi eclipsada por Mercia. En 655, despois da Batalla de Winwaed, preto de Leeds, onde Æthelhere e Penda perderon a vida, emerxeu unha nova realidade política[14]. Peada, fillo de Penda, que gobernara a provincia merciana dos Anglos medios como rei cristián desde 653, sucedeu ao seu pai como rei de Mercia, pero foi asasinado un ano máis tarde[15]. A morte de Peada constituíu un golpe severo ás aspiracións mercianas de dominio sobre os outros reinos de Inglaterra.

Ascendencia e familia[editar | editar a fonte]

Æthelwald, (en anglosaxón 'gobernante nobre') foi un membro da dinastía dos Wuffingas, o fillo máis novo de Eni e sobriño de Rædwald de Anglia Oriental[16]. Dous dos seus irmáns, Anna e Æthelhere, gobernaron sucesivamente antes que el[17].

A súa ascensión é mencionada polo historiador do século XII Guillerme de Malmesbury, en Gesta Regum Anglorum:

Successit Annæ frater ejus Ethelhere, occisusque est a rege Northanhimbrorum Oswio cum Penda merito, quod ei concurreret in auxilium, et fulciret exercitum qui pessum dedisset fratrem et cognatum. Hujus successor frater Ethelwaldus continuatis successionibus regnum reliquit ejusdem Ethelherii filiis Aldnlfo A Anna sucedeuno o seu irmán Aethelhere, quen foi xustamente morto por Oswy rei dos Northumbrianos, xunto con Penda, porque o axudaba a el, e de feito apoiaba o seu irmán e o seu parente. O seu irmán Ethelwald, en debida sucesión, deixou o reino a Adulf e Elwold, os fillos de Ethelhere.
Guillerme de Malmesbury Gesta regum Anglorum libro 1, cap. 5, p. 89.

As alianzas dinásticas vincularon fortemente o reino de Æthelwald ao reino cristián de Kent, onde Seaxburh, a filla maior de Anna, o irmán maior de Aethelwald, convertíase na raíña de Earcomberht de Kent A fortaleza occidental de Anglia Oriental nos Fens estivo en mans de Eteldreda, irmá de Seaxburh[18]. Outra importante conexión con Northumbria foi o establecemento do mosteiro de Streoneshalh (identificado con Whitby) por parte de Hilda, lugar que se convertería en panteón de Edwin e doutros reis northumbrianos.

Reinado[editar | editar a fonte]

Cristianismo en Anglia Oriental baixo Æthelwald[editar | editar a fonte]

O reino de Anglia Oriental durante os inicios do período anglosaxón.

A influencia do rito celta en Anglia Oriental fora forte mentres existiu o mosteiro de San Furseo e San Foillan en Cnobheresburg. A autoridade do cristianismo en Anglia Oriental aínda residía na sede de Dommoc, obediente a Canterbury. Botwulf comezou a construír o seu mosteiro en Iken, nunha illa no río Alde, Suffolk, en aproximadamente 653, o ano que Anna de Anglia Oriental morreu na batalla de Bulcamp[19].

Oswiu persuadiu a Sigeberht II de Essex para que recibise o bautismo e Cedd, un discípulo northumbriano de Aidan, foi relevado da misión aos Anglos Medios para converterse en Bispo dos saxóns do leste e reconvertelos[20]. Cedd construíu mosteiros en Tilbury no do sur e en Ythancæster, onde había un vello forte romano, no que é agora Bradwell-on-Sea, ao nordeste de Essex[21]. Sigeberht foi asasinado polos seus propios seguidores e foi sucedido polo pagán Swithhelm de Essex. Cedd persuadiuno para aceptar a fe e, segundo Beda, o seu bautismo tivo lugar en Rendlesham, en presenza de Æthelwald:

Successit autem Sigbercto in regnum Suidhelm, filius Sexbaldi, qui baptizatus est ab ipso Cedde in prouincia Orientalium Anglorum, in uico regio, qui dicitur Rendlasham, id est mansio Rendili; suscepitque eum ascendentem de fonte sancto Aediluald rex ipsius gentis Orientalium Anglorum, frater Anna regis eorundem. Sucedeu no reino a Sigebert Suidhelm, fillo de Sexbald, que foi bautizado polo mesmo Cedd, na provincia dos anglos orientais, nunha cidade real, que se chama Rendlasham, ou sexa, a Mansión de Rendil; e Aethelwald, rei dos anglos orientais, irmán de Anna, rei do mesmo pobo, foi o seu padriño.
Beda Historia Ecclesiastica gentis Anglorum III, 22.

Alianzas matrimoniais de Anglia Oriental[editar | editar a fonte]

A comezos da década de 660, dous matrimonios importantes tiveron lugar. Ecgfrith de Northumbria, o fillo de quince anos de Oswiu, desposaba a Æthelthryth de Ely, filla de Anna de Anglia Oriental, (que era aproximadamente catorce anos maior que el), e instalábase xunto a el na corte de Northumbria. Permanecera virxe durante o seu primeiro matrimonio; mantívose na súa decisión como noiva de Ecgfrith, polo que non podía darlle un herdeiro. Æthelthryth retivo Ely como posesión propia durante este matrimonio[22].

Namentres, Wulfhere de Mercia, irmán de Peada, saíu dun retiro seguro e foi proclamado rei. Non era cristián, pero foi pronto se converteu e posteriormente casou con Eormenhilda, filla de Eorcenberht de Kent e Seaxburh. Pouco despois fundou o mosteiro de Medeshamstede, que máis tarde se convertería en Peterborough, baixo o abade Seaxwulf.

Sínodo de Whitby[editar | editar a fonte]

Tras a morte de Finan, bispo de Lindisfarne, Alhfrith de Deira, en conivencia con Wilfred de York, Agilbert de Wessex e outros, tratou de persuadir a Oswiu para gobernar a favor do rito romano do cristianismo nos reinos en que el tivese imperium. O caso foi debatido na presenza de Oswiu no Sínodo de Whitby en 664, con Colmán, Hilda e Cedd defendendo o rito celta e a tradición herdada de Aidan, e Wilfred defendendo a postura romana[23]. Finalmente, prevaleceu a causa romana e púxose fin á división anterior. Quen non o puideron aceptar, incluíndo Colmán, abandonaron o lugar[24].

Naquela época, a peste estendeuse por Europa e Inglaterra anglosaxoa. Faleceron pola súa causa, entre outros o bispo Cedd, o arcebispo Adeodato de Canterbury, e Eorcenberto de Kent. Aethelwald faleceu tamén en 664.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Warner, The Origins of Suffolk, p. 70.
  2. Lapidge, Blackwell Encyclopaedia of Anglo-Saxon England, p. 154.
  3. Plunkett, Suffolk in Anglo-Saxon Times, pp. 25–26.
  4. Warner, The Origins of Suffolk, pp. 60–61.
  5. Warner, The Origins of Suffolk, p. 64.
  6. Warner, The Origins of Suffolk, pp. 66–67.
  7. Kirby, The Earliest English Kings, p. 52.
  8. Lapidge, The Blackwall Encyclopaedia of Anglo-Saxon England, p. 385.
  9. Plunkett, Suffolk in Anglo-Saxon Times, p. 82.
  10. Yorke, Kings and Kingdoms, p. 62.
  11. Plunkett, Suffolk in Anglo-Saxon Times, pp. 100–101.
  12. Stenton, Anglo-Saxon England, pp. 80–81
  13. Warner, The Origins of Suffolk, pp. 110–13.
  14. Yorke, Kings and Kingdoms, p. 63.
  15. Stenton, Anglo-Saxon England, p. 84.
  16. Bosworth, A dictionary of the Anglo-Saxon language, pp. 12, 438.
  17. Yorke, Kings and Kingdoms, p. 68.
  18. Yorke, Kings and Kingdoms, p. 37.
  19. Plunkett, Suffolk in Anglo-Saxon Times, p. 116.
  20. Stenton, Anglo-Saxon England, p. 121.
  21. Yorke, Kings and Kingdoms, p. 48.
  22. Yorke, Kings and Kingdoms, pp. 66, 81, 111.
  23. Stenton, Anglo-Saxon England, p. 123.
  24. Yorke, Kings and Kingdoms, p. 80.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]