Sutton Hoo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Casco encontrado en Sutton Hoo.

Sutton Hoo é o nome do lugar situado en Suffolk, Reino Unido no que se encontraron en 1939 restos dun barco funerario do século VII así como diversos artefactos.

Sutton Hoo foi de vital importancia para os historiadores da Idade Media xa que achegou información sobre ese período en Inglaterra, era que até o achado estaba moi pouco documentada. É un dos descubrimentos arqueolóxicos principais de todo o Reino Unido pola súa antigüidade, tamaño, rareza e importancia histórica.

O tesouro de Sutton Hoo[editar | editar a fonte]

Unha réplica do casco de Sutton Hoo producida para o Museo Británico pola Royal Armouries

Sutton Hoo está nun promontorio á beira dereita do río Deben. En 1601 descubríronse diversos montículos funerarios na zona. A investigación arqueolóxica moderna iniciouse en 1938. Un ano máis tarde atopouse o barco funerario. Realizáronse escavacións posteriores a finais da década de 1960 e entre 1986 e 1992.

Existen numerosos montículos funerarios na zona aínda que a denominación Sutton Hoo fai referencia ao barco funerario atopado no montículo 1. Este montículo está á súa vez composto de 20 montículos diferentes, moitos deles seguen sen explorarse. Ademais, atopáronse 27 sepulturas máis na zona. A disposición circular de 20 destas fosas fai supoñer que se trataba de fosas correspondentes a actos rituais. Na zona está tamén o montículo 2 no que se atoparon os restos incinerados dun home e un cabalo e o montículo 3, no que se achou outro barco funerario, saqueado en 1860.

Os achados están datados ao redor do ano 625 grazas a unhas moedas de ouro que se atoparon co tesouro. O barco ten uns trinta metros de longo. Tiña unha cuberta aberta e unha cámara funeraria. Descoñécese se chegou a navegar, pero sábese que é obra de artesáns profesionais.

O tesouro achado en Sutton Hoo é extenso. A gran maioría dos achados expóñense no Museo Británico. Inclúe: adornos persoais realizados en ouro e prata, armas como espadas e cascos, unha lira e artigos domésticos como un caldeiro. Atopáronse tamén restos de tecidos de todas clases.

Entre os achados está tamén un prato realizado en prata cunha inscrición datada en Bizancio. Outros obxectos de prata e bronce proceden da zona mediterránea e son máis recentes. Un dos arcos atopados é de orixe Celta. Algúns obxectos teñen detalles cristiáns: dúas culleres de prata levan a inscrición “Saulos” e “Paulos” en letras gregas.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]