Hilda de Whitby

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Santa Hilda
Detail from St. Hilda at Hartlepool by James Clark (Oil Painting).jpg
Biografía
Nacemento614 en Reino de Northunbria
Pasamento17 de novembro de 680 en Whitby
Proceso de canonización
Veneración
Venerado/a enInglaterra
Festividade17 de novembro

Hilda de Whitby, nada no 614 en Northumbria e morta o 17 de novembro de 680 en Whitby, foi unha santa cristiá e abadesa e fundadora do mosteiro de Whitby. Filla de Hereric, sobriño de Edwin de Northumbria, viviu durante unha época importante para o cristianismo en Bretaña. Foi unha muller de bastante influencia, vista como unha gran educadora e coñecedora das Escrituras, tamén destacou na xerencia de mosteiros, e a ela ían reis, raíñas, príncipes, monxes, e santos, a pedir consello. Baixo o seu goberno do mosteiro de Whitby, produciuse o Sínodo de Whitby, no cal os cristiáns de Inglaterra decidiron someterse á Igrexa de Roma.

St Hilda memorial ammonites.jpg

A principal fonte de información sobre Hilda é a Historia ecclesiastica gentis Anglorum (Historia eclesiástica do pobo dos anglos) escrita por Beda o Venerable en 731, que naceu aproximadamente oito anos antes da morte de Hilda, e documentou gran parte da conversión cristiá dos anglosaxóns.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia[editar | editar a fonte]

Non se sabe o lugar de nacemento de Hilda, pero de acordo a Beda o Venerable foi no ano 614. Ela foi a segunda filla de Hereric, sobriño de Edwin de Northumbria, e a súa esposa Breguswita. A súa irmá maior, Hereswita, casou con Ethelric, irmán do rei Anna de Anglia Oriental. Cando era apenas unha bebe o seu pai foi envelenado mentres pasaba o seu exilio na corte do rei Ceretic de Elmet (no que hoxe en día é West Yorkshire). Asúmese que ela creceu na corte de Edwin en Northumbria.

O bautismo de Hilda[editar | editar a fonte]

En 627 o rei Edwin de Northumbria foi bautizado durante a Pascua xunto a toda a súa corte, a cal incluía a Hilda, nunha pequena capela de madeira construída especialmente para a ocasión, preto do que hoxe en día é a Catedral de York Minster.

A cerimonia foi oficiada polo monxe-bispo Paulinus, quen viñera desde Roma xunto a santo Agostíño de Canterbury. Logo acompañou a Ethelburga, unha princesa cristiá, cando ela regresou a Kent para casar con Edwin.

Hilda como monxa[editar | editar a fonte]

Descoñécense máis detalles da vida de Hilda entre o 627 e o 647. Pero, aparentemente, tras a morte de Edwin nunha batalla no ano 633, ela foise a vivir coa súa irmá á corte de Anglia Oriental. Beda resumiu a súa historia nun punto fundamental da súa vida, cando aos 33 anos decide irse a vivir coa súa enviuvada irmá á abadía de Chelles, preto de París, na Galia. Pero foi convencida por santo Aidan[1], bispo de Lindisfarne para regresar e cristianizar Northumbria, onde quedou para vivir como monxa bieita.

Os mosteiros de santa Hilda[editar | editar a fonte]

Non se sabe onde foi que Hilda principiou a súa vida como monxa, agás que foi no norte das beiras do río Wear. Aquí, cuns cantos compañeiros aprenderon as tradicións do monasticismo do cristianismo celta o cal santo Aidan trouxera desde Iona. Posterioremente, santo Aidan nomeou a Hilda como a segunda abadesa de Hartlepool, onde estará como tal entre 649 e 657[2]. Non quedan rastros desta abadía pero o cemiterio monástico atopouse preto da presente igrexa de Santa Hilda.

En 657 Hilda fundou un novo mosteiro en Whitby (daquela coñecido como Streonshalh[3]), onde permaneceu o resto da súa vida até a súa morte en 680.

Vida monástica en Whitby[editar | editar a fonte]

Ruínas da abadía de Whitby.

No cantil oriental de Whitby levántanse as impresionantes ruínas dunha abadía bieita do século XII. Con todo, non foi este o edificio que Hilda coñeceu. A evidencia arqueolóxica amosa que o mosteiro era de estilo celta cos seus membros vivindo en pequenas casas para dúas ou tres persoas. A tradición de mosteiros dobres, como os de Hartlepool e Whitby, era para que homes e mulleres vivisen separadamente pero que puidesen rezar xuntos en misa.

Non se sabe onde se ergueu a igrexa monástica de Hilda, nin tampouco se sabe cantos monxes e monxas vivían en Whitby. O que Beda conta é que as ideas orixinais de monacato eran estritamente seguidas na abadía de Hilda. Todas as propiedades e bens eran de propiedade común, os valores cristiáns eran exercidos, especialmente paz e caridade, todos tiñan que estudar a Biblia e facer obras de caridade.

Sábese tamén que cinco homes do mosteiro se converteron en bispos (Bosa, Hedda, Oftfor, Juan e Wilfrido)[4] e un foi venerado como santo, san Xoán de Beverley. Tamén que a raíña Eanfleda de Deira, e a súa filla Alfleda se converteron en monxas e, xuntas, foron abadesas de Whitby despois da morte de Hilda.

Carácter de santa Hilda[editar | editar a fonte]

Beda describe a Hilda como unha muller de grande enerxía quen era unha audaz e eficaz administradora e mestra. Gañou unha gran reputación de sabedoría até o punto que reis, príncipes e bispos buscaban a súa axuda, mais tamén se preocupaba pola xente ordinaria como Caedmon, un pastor e bardo relixioso que se converteu en monxe por influencia dela[5]. Aínda que Hilda tiña un carácter forte ela tamén inspiraba afecto. Beda dixo "Todos aqueles que a coñecían chamábana Nai pola súa gran devoción e graza".

O Sínodo de Whitby[editar | editar a fonte]

O Rei Oswiu de Northumbria escolleu o mosteiro de Hilda como sede para o Sínodo de Whitby (664), o primeiro sínodo da Igrexa no seu reino. Convidou relixiosos de lugares tan afastados da illa coma Wessex para ser parte do evento. A maioría dos presentes, incluíndo Hilda, seguían as tradicións do cristianismo celta pero varios no reino, incluíndo a raíña Eanfleda e a súa filla a monxa Alfleda, a cal vivía con Hilda no mosteiro, seguían as tradicións da Igrexa Romana. Convencidos por Wilfrido un mensaxeiro de Roma, convertido en arcebispo de York, decidiron tomar as tradicións romanas. Aínda que Hilda e a abadía eran partidaios do critianismo céltico, aceptou esta decisión e adoptou as novas regras dando un bo exemplo de devoción e obediencia[5]. Aínda que moitas das tradicións celtas seguiron en uso, puntos relevantes como datas e celebracións foron cambiadas (sobre todo o cálculo da Pascua) seguindo as normas romanas, que se acabarán impoñendo en Northumbria.

Pola contra, os monxes de Lindisfarne, que non as aceptaron retiráronse a Iona, e máis tarde a Irlanda.

Morte de santa Hilda[editar | editar a fonte]

Hilda sufriu dunha febre o últimos seis anos da súa vida, pero continuou traballando até a súa morte o 17 de novembro de 680, no que entón era unha idade moi avanzada de sesenta e seis anos. No seu último ano ela fundou outro mosteiro, a 14 millas de Whitby, en Hackness. Morreu despois de recibir o viaticum, e segundo a lenda, no momento da súa morte as campás do mosteiro en Hackness soaron.

O legado de santa Hilda[editar | editar a fonte]

Os sucesores de Hilda foron Eanfleda, viúva do rei Oswiu, e a súa filla Aelfleda. Despois das mortes delas dúas, non se sabe máis da abadía de Whitby só que foi destruída por invasores daneses en 867. Despois da invasión de Guillerme I a Inglaterra, monxes provenientes de Evesham fundaron outra vez a abadía como unha casa bieita para homes. E continuou séndoo até a disolución dos mosteiros por Henrique VIII en 1539.

Unha lenda local conta sobre dunha praga de serpes que apareceu nas costas de Whitby, e que foron transformadas pola santa en pedra, o que serve para explicar a presenza de fósiles de Ammonoidea na praia[6].

A partir do século XIX até hoxe en día houbo un renovado interese e devoción por santa Hilda en todo o mundo. Co crecemento da educación da muller, moitas escolas e universidades foron fundadas na súa honra como, por exemplo, St Hilda's College, en Oxford, e é considerada unha das patroas da educación e cultura.

Desde 1915 en honra a santa Hilda, en Sneaton Castle, nas aforas da cidade de Whitby, hai unha comunidade de monxas anglicanas da Order of the Holy Paraclete[7], que se inspiran nas ideas monásticas e educativas de santa Hilda. Máis recente aínda, foi fundada en Lindisfarne, a Comunidade de Santo Aidan e Santa Hilda.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. de san Nicolás, Fray Pablo (1776). Siglos geronymianos: historia eclesiastica y monastica. Parte Octava. Imprenta de Bernardo Peralta. p. 393. 
  2. Gran enciclopedia Larousse. Tomo XI. Planeta. 1988. p. 5425. ISBN 84-320-7381-4. 
  3. de San Nicolás, Fray Pablo (1776). Siglos Geronimianos. Historia general eclesiastica, monastica y secular. Imprenta de Bernardo Peralta. p. 195. 
  4. "Historiaybiografías.com". Consultado o 08-04-2017. 
  5. 5,0 5,1 Wade Labarge, Margaret (2003). La mujer en la Edad Media (en tapa dura 1ª ed.). Nerea. p. 27. ISBN 84-89569-88-6. 
  6. Ramón Lluch, Rafael (2015). Geomitos: Leyendas y mitos con un fundamento geológico. Punto Rojo Libros, S.A. pp. 105–106. ISBN 978-84-16513-52-9. 
  7. "Sitio oficial". Consultado o 08-04-2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Historia ecclesiastica gentis Anglorum de Bede.