Anna de Anglia Oriental

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Anna de Anglia Oriental
Nacementovalor descoñecido
 Exning
Falecemento654
SoterradoBlythburgh
EtniaAnglos
Relixióncristianismo
Ocupaciónmonarca
PaiEni de Anglia Oriental
FillosJurmin, Æthelburh of Faremoutiers, Wihtburh, Aethelthryth, Seaxburh de Ely e Sæthryth
IrmánsAethelhere de Anglia Oriental, Aethelwald de Anglia Oriental e Æthelric
editar datos en Wikidata ]

Anna, finado en 653-654, foi un rei de Anglia Oriental desde 633 até a súa morte.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Anna pertencía á familia dos Wuffingas, a dinastía gobernante en Anglia Oriental. Foi un do tres fillos de Eni que gobernou Anglia Oriental, que logo foi sucedido tempo despois por Ecgric de Anglia Oriental, morto en batalla por Penda de Mercia. Anna casou cunha muller procedentes posibelmente de Essex. Alcanzou gran renome pola súa devoción e a santidade da súa familia: o seu fillo Jurmin e todas as súas fillas (Sexburga de Ely, Eteldreda de Ely, Etelburga de Faremoutiers e posibelmente, Wihtbuga) foron canonizadas. A súa conversión e fe naceron posibelmente grazas á misión gregoriana encabezada por Agostiño de Canterbury no territorio próximo a Ely.

Sabemos pouco da vida e reinado de Anna, xa que dispomos de pouco rexistros do período. En 631 puido estar en Exning, preto de Devil's Dyke en Cambridgeshire. En 645 Cenwalh de Wessex refuxiouse no territorio de Anna tras ser expulsado de Wessex por Penda de Mercia e converteuse ao cristianismo durante o seu exilio no reino cristián de Anglia Oriental. En 651, o territorio que rodeaba Ely foi incorporado por Anglia Oriental tras o matrimonio de Eteldreda, filla de Anna. Ese mesmo ano, Penda de Mercia atacou o mosteiro de "Cnobheresburg", que Anna dotara ricamente e forzou a Anna a se exiliar, posibelmente ao reino occidental de Magonsæte. Anna regresou en 653, pero pouco despois Penda atacou novamente e derrotou ao exército de Anglia Oriental en Bulcamp, onde tanto Anna como o seu fillo Jermin perderon a vida. O mosteiro de San Botulf en Iken foi construído posibelmente en conmemoración do rei. Tras o seu reinado, Anglia Oriental foi aos poucos eclipsada por Mercia, o seu poderoso veciño

Primeiros anos. Matrimonio[editar | editar a fonte]

Colour photograph
Devil's Dyke, preto de Exning. Anna puidese estar en Exning en 631.

Anna era fillo de Eni, membro da familia real, os Wuffingas, e sobriño de Raedwald, rei de Anglia Oriental entre 600 e 624[1]. Anglia Oriental era un antigo e lonxevo reino anglosaxón cunha dualidade manifesta entre o norte e o sur, correspondendo aos modernos condados ingleses de Norfolk e Suffolk[2].

Antes de ascender ao trono, Anna contraeu matrimonio cunha muller descoñecida, pero posibelmente chamada Sæwara, que tiña unha filla dunha unión previa, Sæthryth, mencionada na Historia ecclesiastica gentis Anglorum de Beda,

[...] inter quas erat Saethryd, filia uxoris Annae regis Orientalium Anglorum[3].

Na Vida de San Botulf do abade Folcard, escrita no século XI, Botulf é descrito como capelán das irmás dun rei, Ethelmund, cuxa nai levaba por nome Sæwara. Noméase a dous dos parentes de Saewara - Æthelhere e Æthelwold - suxerindo que ela era a esposa do seu irmán (Anna). Steven Plunkett propuxo que o nome completo de Anna puido ser realmente Æthelmund[4]. En ocasións a raíña de Anna foi identificada con Hereswigha, irmá de Hilda, a abadesa de Whitby[1] e nai de San Sæthryth[5].

En 631, Anna achábase probabelmente na aldea de Exning, Suffolk, un importante asentamento con conexións reais, e segundo o Liber Eliensis, unha crónica do século XII escrita en Ely non totalmente fiabel, o lugar de nacemento da súa filla Eteldreda[1][6]. A tradición di que Eteldreda foi bautizada nun estanque chamando o Pozo de San Mindred[7]. Exning estaba estratexicamente situado no lado de Anglia Oriental no Devil's Dyke, unha obra, en terra, que se estendía entre o bordo dos Fens e a cabeceira do río Stour. O Devil's Dyke fora construído para defender Anglia Oriental dun posíbel ataque. Un antigo cemiterio anglosaxón descuberto na zona suxire a existencia dun importante emprazamento nos arredores, posibelmente un territorio real ou rexio[6].

Rei de Anglia Oriental[editar | editar a fonte]

Map of Anglo-Saxon Britain
Principais reinos anglosaxóns (en vermello).

Ascensión e goberno[editar | editar a fonte]

Durante 632 ou 633, Edwin de Northumbria, rei cristián situado ao norte do río Humber, foi derrotado. Edwin foi asasinado e Northumbria saqueada por Cadwallon ap Cadfan, que contaba co apoio do rei merciano, Penda[8]. Os mercianos puxeron as súas miras agora en Anglia Oriental e o seu rei Ecgric. En 640 ou 641 derrotaron ao exército de Anglia Orienta e Ergric e o seu predecesor, Sigeberht resultaron mortos[6]. Esta batalla marcou o fin da liña real de Anglia Oriental que descendían directamente de Raedwald[9]. Tempo despois da vitoria de Penda, Anna converteuse en rei de Anglia Oriental. Non sabemos con exactitude a data de comezo do seu reinado (fontes posteriores que sitúan a súa ascensión ao trono en 635 ou 636 son posibelmente pouco fidedignas): é probábel que se convertese en rei coa axuda dos Anglos do norte[1][9]. Durante o seu reinado, Anna viuse obrigado a enfrontarse á presión merciana e a apoiar aos seus aliados contra Penda. Foi durante o seu goberno cando os mercianos comezaron a se cristianizaren, quizais baixo os auspicios de Anglia Oriental, que proporcionou un bispo aos anglos medios nunha época en que os mercianos eran aínda pagáns[10].

Anna conseguiu acordar un importante matrimonio entre a súa filla Sexburga e Earcomberto de Kent, o que fortaleceu a alianza entre ambos os reinos[10]. A través destes matrimonios concertados, os reis de Anglia Oriental puideron conectarse con outras dinastías reais[9]. Non todas as fillas de Anna estiveron dispostas a participar: durante a década dos 40, Ethelburga e a súa fillastra Saetrid foi enviada á Abadía de Faremoutiers na Galia para entrar na vida relixiosa de man de Santa Fara[10]. Segundo D. P. Kirby, a presenza de princesas de Anglia Oriental tomando os hábitos en Galia evidencia a orientación pro-franca do reino de Anna na época, iniciada polo seu predecesor Raedwald[9].

O reino de Anglia Oriental durante a primeira fase do dominio sajón

En 641 Oswald de Northumbria morreu na batalla de Maserfield contra Penda. Como consecuencia, Northumbria dividiuse en dous estados. O norte, Bernicia, aceptou ao irmán de Oswald, Oswiu como rei, mentres que o sur, Deira, opúñase e elixía como rei a Oswine, da casa real deirana[10]. Pouco despois, o rei Cenwalh de Wessex, irmán da viúva de Oswald e casado cunha irmá de Penda, renunciou á súa esposa[8]. Penda expulsou a Cenwahl de Wessex, que en 645 buscou refuxiou na corte de Anna, onde había permanecer tres anos[9]. Durante este tempo converteuse ao cristianismo, regresando a Wessex en 648 como rei cristián[1].

O control do límite occidental do reino, que bordeaba as terras dos Fens ao redor da illa de Ely, viuse reforzada polo matrimonio en 651 da súa filla Eteldreda e Tondberht, principe de Gwyrne do sur, un pobo que vivía nos fens ao sur da área de Crowland[10][11][12]. Etheldreda, acompañada polo seu ministro Owine, viaxou de Ely a Northumbria cando casou por segunda vez con Ecgfrith de Northumbria[10].

Exilio[editar | editar a fonte]

Monochrome drawing
Ruínas de Burgh Castle, posíbel emprazamento do mosteiro de Cnobheresburg, segundo gravado de 1845.

Durante o seu reinado, Anna dotou ao mosteiro de Cnobheresburg con edificios e bens[10]. O mosteiro foi construído en 633 por San Fursa, un monxe irlandés. Co tempo, Fursa abandonou Anglia Oriental para sempre, deixando o mosteiro ao seu irmán Foillan[6]. Cando en 651 Penda atacou o mosteiro, Anna e os seus homes chegaron e conseguiron facer retroceder aos mercianos. Isto proporcionou a Foillan e os seus monxes tempo para escaparen cos seus libros e obxectos valiosos, pero Penda derrotou a Anna e obrigouno a se exiliar, posibelmente a Merewalh dos Magonsætan, en Shropshire occidental[10]. Anna regresaría a Anglia Oriental en 654.

Morte e enterramento[editar | editar a fonte]

Colour photograph
Pantanos ao redor de Blythburgh, preto do lugar onde Anna morreu

Pouco despois de 653, cando Penda nomeou ao seu fillo Peada gobernador de Anglia Central, repetiuse o ataque merciano a Anglia Oriental[13]. Os exércitos de Penda e Anna atopáronse en Bulcamp, preto de Blythburgh en Suffolk. Os Anglos Orientais foron derrotados e moitos morreron, incluíndo o rei Anna e o seu fillo Jurmin[6]. A morte de Anna menciónase na Crónica Anglosaxoa, pero non se menciona ningún outro detalle da batalla[14].

Blythburgh, situado a quilómetro e medio de Bulcamp e preto do esteiro do río Blyth considerouse o lugar de enterramento da tumba de Anna e Jurmin[1][10]. É candidato para un emprazamento monástico ou dunha propiedade real. Segundo Peter Warner, a derivación latina do nome 'Bulcamp' indica unha orixe antiga, e as fontes medievais que afirman o culto cristián continuado en Blythburgh ao longo do período anglosaxón proporcionan evidencia circunstancial da súa conexión coa realeza de Anglia Oriental e o Cristianismo[6]. Nas proximidades atopouse parte dun díptico do século VIII feito con ósos de balea e usado para a liturxia[15].

San Botulf comezou a construír o seu mosteiro de Icanho, hoxe identificado como Iken, Suffolk o ano da morte de Anna, posibelmente en conmemoración do rei[10][16]. Anna foi sucedido polos seus dous irmáns Æthelhere e Æthelwold. É posíbel que Ethelhere fose un rei muñicreque imposto por Penda ou o seu aliado, xa que foi un do trinta duces que acompañaron a Penda no seu ataque contra Oswiu de Northumbria na batalla de Winwaed en 655 ou 656. Penda morreu durante a batalla tras incrementar o seu poder durante trece anos[9]. Ethelhere (que faleceu tamén en Winwaed) e Ethewold foron sucedidos polos descendentes do irmán menor de Anna, Ethelric.[10].

Desde Beda, que encomia xa a piedade de Anna na súa Historia ecclesiastica gentis Anglorum, os historiadores consideraron a Anna como un home devoto e piadoso, coñecido tanto polas súas virtudes cristiás como polo excepcional número dos seus descendentes que pasaron a formar parte da lista de santos anglosaxóns. Cincocentos anos despois da súa morte, a súa tumba en Blythburg era (segundo o Liber Eliensis) aínda

venerada pola piadosa devoción da xente crente[17]

.

Descendentes[editar | editar a fonte]

Anna tivo tres fillas e un fillo, todos canonizados tras a súa morte. A maior, Santa Sexburga de Ely estivo casada con Eorcenberht de Kent que gobernou en Kent desde 664 e foi sucedido polo seu fillo Ecgberht. A súa irmá, Santa Eteldreda fundou a abadía de Ely segundo a Crónica anglosaxoa en 673. Outra filla, Santa Etelburga pasou a súa vida no convento de Faremoutiers. O fillo de Anna, San Jurmin faleceu en batalla.

A tradición afirma que Anna tivo unha cuarta filla, Santa Wihtburga, abadesa en Dereham (ou West Dereham), onde houbo un mosteiro real[10]. Poida que nunca exista: Beda non a menciona e a súa primeira aparición nun calendario data de finais do século X no Bosworth Psalter[18]. Pode ser un personaxe creado especificamente pola comunidade relixiosa de Ely, onde repousaron os seus restos tras ser roubados de Dereham e usados posteriormente como proba visual da incorruptibilidade do corpo dun santo, substituta da súa irmá Etheldreda, cuxo corpo debía permanecer na súa tumba sen examinar[10][19][20]. Certa información contida na Crónica Anglosaxoa permitiu aos historiadores situar a morte de Wihtburga en torno ao ano 743, trinta e seis anos despois da morte de Etheldreda (nada en 636): se estas datas foren correctas, ambas as mulleres non poderían ser irmás[10].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Oxford Dictionary of National Biography
  2. Lapidge
  3. Ecclesiastical History of the English People
  4. Plunkett
  5. En
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Warner
  7. James
  8. 8,0 8,1 Stenton
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 Kirby
  10. 10,00 10,01 10,02 10,03 10,04 10,05 10,06 10,07 10,08 10,09 10,10 10,11 10,12 10,13 Yorke
  11. Cath.
  12. Un
  13. Kings and Kingdoms
  14. Anglo-Saxon Chronicle Online Edition
  15. Wessex Archaeology
  16. Oxford Dictionary of Nationary Biography
  17. Fairweather
  18. Bishop
  19. Handbook of British Chronology
  20. Raguin and Stanbury

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Episodio de Time Team (Tempada 16, Episodio 13 - Skeletons in the Shed: Blythburgh, Suffolk, emitido por primeira vez o 29 de marzo de 2009, en http://www.channel4.com, no que se explora a asociación histórica de Anna coa poboación de Blythburgh.