Xaime Quintanilla Martínez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Xaime Quintanilla Martínez, nado na Coruña o 13 de xuño de 1898 e finado en Ferrol o 18 de agosto de 1936, foi un médico cirurxián, político e escritor galego. Foi o pai do tamén alcalde de Ferrol Xaime Quintanilla Ulla.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou Medicina en Santiago de Compostela. En 1917 creou en Ferrol una clínica de cirurxía e fíxose famoso fundamentalmente pola súa calidade humana para cos máis humildes. A súa actividade política céntrase principalmente na defensa do galeguismo e socialismo, participando na I Asemblea das Irmandades da Fala e noutras asembleas políticas.

Canto á súa actividade cultural, participou en varios xornais como Ferrol Deportivo, Diario de Vigo ou El Correo Gallego, do que chegou a ser director e redactor xefe. Tamén dirixiu a Editorial Céltiga. Publicou obras como Saudade (1922), a comedia dramática Alén, o drama Donosiña e o traballo O nazonalismo musical galego.

Foi o primeiro alcalde republicano de Ferrol (1931), á fronte dunha corporación municipal composta polo PSOE (o partido máis votado, cuxa lista dirixía Quintanilla, e o Partido Republicano Radical). Xaime Quintanilla seguiu sendo o alcalde ferrolán ata outubro de 1934, cando foi destituído polo goberno, acusado de tomar parte nos sucesos que tiveron lugar na cidade no marco da revolución de 1934. Foi, por outra banda, presidente da Federación de Colectividades Socialistas da provincia da Coruña. En febreiro de 1936, trala vitoria da Fronte Popular, recuperou o seu posto de concelleiro, aínda que non ocupou a alcaldía, debido ás súas ocupacións profesionais, para o que foi elixido o seu compañeiro Antonio Santamaría.

Formou parte tamén da xestora da Deputación Provincial da Coruña, presidida por José López Bouza, de Izquierda Republicana e tomou parte na campaña para o referendo de aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936. Tralo alzamento nacional do 18 de xullo de 1936, foi apresado dúas veces na súa casa, sendo liberado a primeira delas. A segunda, foi detido sine die, primeiro en Mariña e logo no buque prisión Plus Ultra (correo de Transmediterránea). Foi fusilado o 18 de agosto a mans dos sublevados nas tapias do cemiterio de Canido, xunto con outras catorce persoas, e alí foi enterrado co resto de axustizados, unha placa lembra o nome de todos eles.


Predecesor:
'
Escudo Ferrol.jpg
alcalde de Ferrol

1931-1934
Sucesor:
'

Distincións[editar | editar a fonte]

Foi condecorado en 1934 coa Lexión de Honor do Goberno francés e ten adicadas rúas nos concellos de Ferrol e de Culleredo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]