Editorial Céltiga
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Céltiga.
Céltiga foi unha editorial creada polas Irmandades da Fala de Ferrol en 1921 co obxectivo de publicar obras galegas en prosa, cubrindo así o baleiro que se observaba respecto á poesía. Foi pechada na ditadura de Primo de Rivera en 1923.
[editar] Historia
Fundouna Xaime Quintanilla e contou como colaboradores cos personaxes máis representativos e máis comprometidos do momento coa defensa do galego como lingua de cultura: Risco, Castelao, Vilar Ponte, Losada Diéguez, Otero Pedrayo, Paz Andrade, Eladio Rodríguez, etc.
[editar] Obra publicadas
As primeiras obras publicadas foron Alén, do propio Quintanilla; Trebón, de Cotarelo; Mal de moitos e Trato a cegas, de Euxenio Charlón e Sánchez Hermida. Xa en 1922 publicou Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, de Castelao; Saudade, de Quintanilla; A i-alma de Mingos, de Herrera Garrido; A Santa Compaña, de Roberto Nóvoa Santos; ou Almas mortas, de Antón Vilar Ponte. Os libros que editaba levaban portadas debuxadas por artistas da talla de Castelao, Camilo Díaz, Imelda Corral ou Álvaro Cebreiro. Tamén se publicaron nesta editorial libros de contos, de Euxenio Montes e de Correa Calderón.
[editar] Peche
A ditadura de Primo de Rivera acabou coa editorial ordenando o seu peche en 1923. Nese momento estaba preparando a publicación de A trabe d'ouro e a trabe d'alquitrán, de Vicente Risco, que finalmente foi editado por Lar, sucesora de Céltiga.