Mosca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mosca
Mosca común en Bastavales, Brión
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Subclase: Pterygota
Infraclase: Neoptera
Superorde: Endopterygota
Orde: Diptera
Subordes
  Nematocera, mosquitos

  Brachycera, tabáns
  Cyclorrhapha, moscas caseiras

Mosca é o nome común dun extenso grupo de especies de insectos pertencentes á orde dos dípteros (Diptera). Foron clasificadas unhas 120.000 especies de moscas, e algúns científicos estiman que hai un millón de especies vivas hoxe en día. Así pois, unha de cada dez especies animais recoñecidas pola ciencia é unha mosca, e existen máis especies distintas de moscas que de vertebrados.

As moscas posúen un corpo con cabeza, tórax e abdome; o primeiro par de ás están completamente formadas e o segundo par está transformado nuns apéndices chamados hapterios que lle serven para o equilibro no voo; ollos compostos por centos de facetas sensibles á luz individualmente, e pezas bucais adaptadas para succionar, lamber ou perforar. Ningunha mosca é quen de morder ou mastigar, pero moitas especies pican e succionan sangue. O seu ciclo de vida é holometábolo, isto é, que pasa por varias fases morfolóxicas, que no caso da mosca son catro: o ovo, a larva, a ninfa, e o adulto. Algunhas especies completan este ciclo nuns poucos días e outras nun ou dous meses.

As moscas forman parte de case todos os ecosistemas, en todos os hábitats terrestres. As consecuencias da súa presenza no medio ambiente e na sociedade humana son de importancia excepcional, porque xunto cos mosquitos, e só despois do home e os microorganismos patóxenos, as moscas son os seres vivos que causan máis dano e morte no planeta. Son axentes de transmisión dunha gran cantidade de enfermidades, incluíndo cólera, dengue, disentería, febre amarela, malaria, salmonelose e febre tifoidea; e causan perdas significativas na produción de froitas e outros vexetais.

As moscas son tamén organismos moi importantes na reciclaxe dos refugallos de orixe animal e vexetal, un proceso esencial para a permanencia da vida na terra. Son tamén necesarias como alimento de paxaros, ras e outros réptiles, morcegos, arañas, e insectos varios. Moitas moscas participan tamén na polinización das plantas.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Vexa o artigo principal en Galería de imaxes de moscas de Galicia