Wikipedia:Páxina de usuario

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Wikipedia é un proxecto construtivo no que poden participar (e sería óptimo que o fixesen) individuos de todas as ideoloxías políticas, crenzas, coñecementos e opinións. Pero como xa quedou dito en diversas ocasións, a Wikipedia non é un foro de debate, nin un blog, nin unha web persoal.

A túa páxina de usuario é un espazo que a Wikipedia che cede xenerosamente, e sobre o que só ti tes control. Nel podes tomar notas, podes presentarte, podes engadir algunhas fotos túas, publicar pensamentos xenéricos sobre o que supón a Wikipedia, etc. O seu obxectivo é mellorar a empatía cos demais usuarios e facilitar as relacións.

Pero, ao mesmo tempo, é un espazo que pertence á Wikipedia, e que polo tanto ten que aterse a unhas regras de convivencia e neutralidade. Pensa que os demais usuarios teñen tamén a súa forma de pensar, que é tan correcta como a túa. Así pois:

  • Evita entrar en controversias innecesarias e non busques a provocación a través da túa páxina de usuario ou do teu nome de usuario.
  • Se queres expresar un pensamento, faino en positivo e nunca á contra.
  • Evita as palabras malsoantes ou as expresións que os demais poden crer molestas.
  • Se tes unha disputa con outro usuario por unha diverxencia na edición, o peor que podes facer é trasladar ese problema ao resto de páxinas, entre elas a de usuario. A Wikipedia xa ten outras formas para conseguir consensos, e non as páxinas onde só podes opinar ti.
  • Evita as bandeiras ou símbolos que poidan xerar múltiples interpretacións e crear controversia.

Restricións expresas[editar | editar a fonte]

  • Non se deben incluír nas páxinas de usuario informacións ou proclamas racistas, sectarias, homófobas ou sexistas, ou que inciten o odio e a discriminación en calquera das súas formas. O seu uso levaría a retirada inmediata do contido (ben por parte do propio usuario ou ben por parte dun administrador) e probablemente ao bloqueo temporal.
  • Como a Wikipedia non é un espazo comercial, do mesmo xeito non se deben incluír anuncios, promocións ou publicidades, sexan comerciais, políticas ou relixiosas. Hai moitos sitios para facer proselitismo fóra da Wikipedia. Do mesmo xeito, se isto sucedese debería ser corrixido canto antes e podería rematar nun bloqueo do usuario.
  • Os ataques persoais ou as condutas de acoso, sexan directas ou paródicas, serán rapidamente desestimadas e poderán rematar nun bloqueo do usuario. Non as fagas tampouco na túa páxina de usuario.

As caixas de usuario[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Wikipedia:Caixas de usuario.

Unha etiqueta ou caixa de usuario (en inglés: userbox) é unha pequena caixa de cores deseñada só para aparecer na páxina de usuario dun wikipedista como aviso comunicativo sobre el. Deste xeito, os usuarios poden engadir pequenas mensaxes para axudar directa ou indirectamente a unha colaboración máis efectiva no proxecto.

As caixas de usuario foron creadas como unha adaptación das caixas de información Babel, usadas para informar acerca dos coñecementos lingüísticos dos usuarios e faclitar a interacción dos colaboradores.

Se inzas a túa páxina de caixas de usuario, poucas delas poderán ser realmente interesantes e facilitar a empatía. É probable que moitas delas sexan puramente puntuais, conxunturais, irrelevantes ou busquen facer bromas. Economiza o espazo. O abuso da xenerosidade da Wikipedia está altamente desaconsellado.

Sinaturas[editar | editar a fonte]

Todos estes principios son aplicables tamén ás sinaturas, para as que ademais se desenvolveu unha norma específica aprobada en votación.

Toma de control[editar | editar a fonte]

Aínda que só ti tes en principio control sobre a túa páxina de usuario, o ataque aos principios xenéricos da Wikipedia pode facer que, da maneira máis dialogante e menos intrusiva posible, os administradores editen os teus contidos, retirando aqueles aspectos controvertidos.