Wikipedia:Elección de administradores

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Para ser administrador é necesario que a comunidade coñeza e confíe no bo facer dun determinado usuario, polo que se esixirá que os candidatos sexan avaliados caso a caso segundo as súas contribucións e o tempo que leven na Galipedia.

Requisitos para ser presentado á administración[editar | editar a fonte]

Os usuarios de Wikipedia que cumpran os requisitos seguintes poderán ser presentados por calquera outro usuario sempre e cando se obteña o consentimento previo do interesado. En ningún caso se aceptará que un usuario se presente a si mesmo.

  • Ter feitas máis de 3.000 edicións (ferramenta de contaxe).
  • Levar máis de 8 meses inscrito na Galipedia e ter colaborado asiduamente coa comunidade (edicións na Taberna, páxinas de conversa, páxinas Axuda ou páxinas Wikipedia).
  • Dominar e aceptar todas e cada unha das políticas da comunidade, en especial os cinco piares.
  • Ter unha conta de correo habilitada (véxase preferencias).
  • Non ter sido bloqueado no último ano e medio. Trátase neste caso de bloqueos producidos por incumprimento das políticas oficiais da comunidade e excluíndose os aplicados erroneamente.
  • Non ter desenvolvido artigos borrados, mediante o procedemento de Votacións para borrar por vangloria, propaganda ou violacións do copyright.

Presentación de candidaturas[editar | editar a fonte]

Non se poderán presentar candidaturas nos meses de xullo e de agosto, nin nas vacacións de Nadal e Semana Santa por ser etapas en que moitos usuarios non están activos.

A elaboración da proposta realizarase en Wikipedia:Votacións á administración, pero ademais o feito deberase notificar en Wikipedia:A Taberna (propostas).

Se algún usuario ten fundadas sospeitas respecto da verdadeira identidade do candidato poderá solicitar a un verificador de usuarios que revise IP e contas de usuario creadas. En caso de que se encontre máis dunha conta darase a coñecer o feito na páxina de votación.

Valoración de candidaturas[editar | editar a fonte]

As candidaturas presentadas serán valoradas pola comunidade en atención ó traballo global realizado polo candidato en Wikipedia incluíndo artigos, páxinas de enciclopedia, atención a outros usuarios, labores de mantemento, mediación, discusión de políticas, etcétera.

Consideraranse válidos os votos asinados e emitidos por usuarios rexistrados, exceptuando o voto do candidato, que cumpran os mesmos requisitos esixidos en Wikipedia:Votacións no momento en que na Galipedia haxa un verificador de usuarios. Mentres non haxa un verificador de usuarios, serán precisos 4 meses de antigüidade e 700 edicións.

Recoméndase xustificar os votos en contra.

Calquera modificación na páxina de votación realizada de forma anónima será revertida.

Se algún usuario emite máis dun voto coa mesma ou distinta conta contarase un só, cando non sexan contraditorios. Calquera usuario poderá alterar o sentido do seu voto en calquera momento.

A decisión sobre a aceptación ou rexeitamento da candidatura adoptarase transcorridos quince días dende a súa presentación. Os días dos meses de xullo, agosto, vacacións de Nadal e Semana Santa non serán computados. Entenderase que o candidato foi aceptado se conseguiu un 75% de votos a favor. As decisións favorables poderán ser executadas de inmediato por calquera burócrata, quen procederá a informar ó candidato e incluirá o seu nome na lista de administradores.

Se transcorrido o prazo non se logrou un consenso suficiente, desestimarase a candidatura.

Finalizada a votación nun sentido ou outro, a votación será arquivada.

Revogación dos permisos de administrador[editar | editar a fonte]

Un burócrata solicitará en Meta-Wiki a baixa dun administrador automaticamente, logo de seren seguidos os procedementos indicados.

Procedementos[editar | editar a fonte]

O procedemento consta de dous pasos: a petición e a votación.

Para pedir que se considere a revogación de privilexios, tres usuarios débeno solicitar en Wikipedia:Votacións á administración. Para poder participar na solicitude hai que ter unha antigüidade de 4 meses e un número mínimo de 700 edicións.

Feita a petición, ao día seguinte abrirase unha votación en "Wikipedia:Votacións á administración", que se deberá publicar en Wikipedia:A Taberna (propostas) e da que haberá que notificar ao administrador cuestionado.

A votación durará 15 días e o resultado determinarase por maioría simple. Tanto se a petición é rexeitada como aceptada, arquivarase; se é aceptada, un burócrata retiraralle os privilexios.

Un administrador cuxos privilexios fosen revogados desta maneira non poderá ser proposto de novo até transcorrido un ano.

Un administrador cuxa actuación fose aprobada por un 75% dos votos non poderá ser proposto de novo no prazo de un ano.

Motivos posibles[editar | editar a fonte]

  • Ausencia total da Wikipedia en galego durante dous anos.
  • Abandono das funcións de administración durante tres anos. Enténdese como abandono o feito de que haxa menos de 20 accións que só poden desenvolver exclusivamente os administradores.
  • Atentar, sen que houbese posteriormente unha rectificación expresa do seu proceder ante a comunidade e/ou o/os implicado/s, contra o indicado en Wikipedia:Normas de conduta.
  • Atentar contra as políticas aprobadas pola comunidade, en especial as tres normas básicas da Wikipedia: o punto de vista neutral, a verificabilidade e o feito de que a Wikipedia non é unha fonte primaria.