Wikipedia:Política de protección de datos
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
| Esta páxina contén políticas e normas oficiais da Galipedia. Ten unha ampla aceptación entre os editores desta wikipedia e considérase un estándar que todos os usuarios deben seguir. Agás para edicións pequenas, por favor, use a páxina de conversa para propoñer cambios nestas directrices. |
Aviso: esta páxina é unha tradución da política de protección de datos oficial da Fundación Wikimedia. A tradución só ten un propósito informativo e nunca pode ser substituta da política oficial, a cal é a única versión oficial autorizada. Pídese que toda conversa sobre a mesma teña lugar en meta:talk:Privacy policy.
Índice |
Resumo
Se só le os sitios web dos proxectos Wikimedia, non se recollerá máis información sobre vostede que a que se recolle habitualmente nos rexistros dos servidores dos sitios web en xeral.
Se contribúe nos proxectos Wikimedia, está publicando á vista de todo o mundo cada palabra que introduza. Se escribe algo, asume que será retido para sempre. Isto inclúe artigos, páxinas de usuario e páxinas de conversa. Algunhas excepcións limitadas están descritas embaixo.
Publicación no wiki e datos públicos
A simple visita ao sitio web non expón a súa identidade de xeito público (mais mira rexistro privado embaixo).
Cando edita calquera páxina do wiki, está publicando un documento. Isto é un acto público, e estase identificado publicamente como autor desa edición.
Identificación dun autor
Cando publica unha páxina no wiki, pode estar rexistrado ou non.
Se está rexistrado, será identificado polo seu nome de usuario. Este pode ser o seu nome real se así o desexa, ou ben pode elixir publicar baixo un pseudónimo, dependendo do nome de usuario que escolleu ao crear a conta.
Se non se rexistrou, será identificado polo seu enderezo IP. Este consiste nunha serie de catro números que identifican o enderezo da Internet desde onde está contactando co wiki. Dependendo da súa conexión, este número pode ser rastrexado unicamente ata un gran provedor de servizos de Internet, ou especificamente ata a súa escola, o seu lugar de traballo ou a súa casa. É posíbel que o seu IP poida ser relacionado conxuntamente con calquera interese que exprese, implícita ou explicitamente, na edición de artigos, para identificárente, mesmo por particulares.
Pode ser tan difícil coma doado para un individuo motivado conectar o seu enderezo IP coa súa identidade na vida real. Por esa razón, se está preocupado pola súa intimidade, pode que queira rexistrarse para así publicar baixo un pseudónimo.
Ao usar un pseudónimo, o seu enderezo IP non estará dispoñible para o público agás en caso de abuso, o que inclúe vandalismo nunha páxina do wiki feita por vostede ou por outro usuario co mesmo enderezo IP. En calquera caso, o seu enderezo IP será gardado nos servidores do wiki e pode ser visto polos administradores do servidor da Wikimedia e polos usuarios con dereitos de "Verificador de usuarios" ("CheckUser"). O seu enderezo IP e as súas conexións a calquera nome de usuario que o comparta pode ser publicado baixo certas circunstancias (véxase embaixo).
Se usa un servidor de correo da empresa desde a súa casa ou traballa a distancia no campo das telecomunicacións e utiliza conexión do tipo DSL ou unha conexión á Internet mediante cable, é moi doado para o empresario identificar o seu enderezo IP e atopar todas as súas contribucións nos proxectos Wikimedia. O uso dun nome de usuario é o mellor xeito de preservar a súa intimidade nesta situación. Así e todo, lembre saír do sistema despois de cada sesión na que use un pseudónimo nun ordenador compartido para impedir a outros usar a súa identidade.
Cookies
O wiki usará unha cookie temporal para a sesión (PHPSESSID) cada vez que visite o sitio. Se non quere rexistrarse, pode denegar esta cookie, pero non pode rexistrarse sen ela. Esta será borrada cando peche a sesión do seu navegador.
Poden actuar máis cookies cando se rexistre, para así evitar o tecleado do seu nome de usuario (ou, opcionalmente, o contrasinal) na súa próxima visita. Iso durará 30 días. Pode limpar esas cookies despois do uso se está conectándose a unha máquina pública e non quere expor o seu nome de usuario a futuros usuarios da máquina. (Se é así borre a caché do navegador.)
Contrasinais
Moitos aspectos das interaccións da comunidade dos proxectos Wikimedia dependen da reputación e o respecto construído a través dunha historia de contribucións válidas. Os contrasinais de usuario son a única garantía da integridade do historial de edicións dun usuario. Recoméndaselle a todos os usuarios que usen contrasinais de difícil adiviñación e non compartilos nunca. Ninguén debera expor conscientemente o contrasinal doutro usuario publicamente, directa ou indirectamente.
Rexistro privado
Cada vez que visita unha páxina web envía moita información ao servidor desta. A maioría dos servidores manteñen, de xeito rutineiro, rexistros de acceso con parte desa información, que pode ser usada para ter unha ampla imaxe das páxinas que son populares, das ligazóns, de que navegadores está a usar a xente. Non é a intención dos proxectos Wikimedia usar esta información para seguirlles a pista aos usuarios lexítimos.
Estes rexistros son usados para producir as páxinas de estatísticas do sitio; os datos recollidos non son feitos públicos e normalmente son desbotados nunhas dúas semanas.
Velaquí hai un exemplo dos datos que se recollen ao visitar unha páxina:
64.164.82.142 - - [21/Oct/2003:02:03:19 +0000] "GET /wiki/draft_privacy_policy HTTP/1.1" 200 18084 "http://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:A Taberna" "Mozilla/5.0 (Macintosh; U; PPC Mac OS X; en-us) AppleWebKit/85.7 (KHTML, like Gecko) Safari/85.5"
Os datos recollidos poden ser examinados polos desenvolvedores para a resolución de problemas técnicos, e para buscar web spiders que teñan mal comportamento no sitio. Os enderezos IP dos usuarios, obtidos ou a partir destes rexistros, ou ben de anotacións na base de datos, son frecuentemente usados para correlacionar os nomes de usuario e enderezos de rede das edicións na investigación de abusos no wiki, isto inclúe o presunto uso de usuarios monicreques (contas duplicadas), vandalismo, acoso a outros usuarios ou actitude destrutiva no wiki.
Política de publicación de datos derivados dos rexistros das páxinas
A política da Wikimedia di que os datos persoais, recollidos nos rexistros do servidor ou de anotacións na base de datos mediante a característica dos CheckUsers, que poidan identificar unha persoa, poden facerse públicos polos administradores do sistema ou os usuarios con dereitos de CheckUser nas seguintes situacións:
- En resposta a requirimentos legais emitidos por un representante da lei.
- Co permiso do usuario afectado.
- Á presidencia da Fundación Wikimedia (Wikimedia Foundation), os seus avogados, ou os designados por el, cando sexa necesario para a investigación de queixas de abuso.
- Cando a información pertenza a visionados de páxina xerados por unha araña (spider) ou bot e que a súa diseminación sexa necesaria para ilustrar ou resolver cuestións técnicas.
- Cando o usuario estivese vandalizando artigos ou comportándose de xeito molesto, os datos poden ser publicados para axudar nos bloqueos a enderezos IP, ou para axudar na formulación dunha queixa para os provedores de servizo da internet (ISP)
- Cando sexa razonabelmente necesario protexer os dereitos, propiedades ou seguridade da Fundación Wikimedia, os seus usuarios ou o público.
A política da Wikimedia non permite a distribución pública de tal información baixo ningunha circunstancia, agás as antes descritas.
Compartindo información con terceiras persoas
Agás o especificado noutro lugar, todo texto engadido aos proxectos Wikimedia está dispoñíbel para a súa reutilización baixo os termos da licenza GFDL; agás en Galinovas (Wikinews), onde o texto está dispoñíbel baixo a licenza Creative Commons.
A Wikimedia non venderá ou compartirá información privada, tal como enderezos de correo, con terceiras persoas, a menos que estea de acordo coa publicación desa información, ou sexa requirida de xeito legal.
Seguridade da información
A Fundación Wikimedia non garante nada contra accesos non autorizados á información que proporcione. Esta información pode estar dispoñíbel a calquera con acceso aos servidores. Pode atoparse unha lista parcial con esta xente na lista de desenvolvedores.
Correo electrónico, listas de correo e IRC
Correo electrónico
Pode proporcionar o seu enderezo de correo nas súas Preferencias e permitir que outros usuarios rexistrados poidan enviarlle mensaxes a través do wiki. O seu correo electrónico non lle será revelado a eles a menos que responda, ou que se dea a posibilidade de que o correo sexa rexeitado. O enderezo de correo pode ser usado pola Fundación Wikimedia para comunicar cos usuarios a grande escala.
Se non proporciona un enderezo de correo, non poderá solicitar un novo contrasinal se se lle esquece. Non obstante, pode contactar cun administrador do servidor da Wikimedia para introducir un novo enderezo de correo electrónico nas súas preferencias.
Pode eliminar o seu enderezo de correo electrónico das súas preferencias en calquera momento para evitar o seu uso.
Listas de correo
Se se subscribe a unha das listas de correo do proxecto, o seu correo será exposto a calquera outro subscritor. A lista de arquivos da maioría das listas de correo da Wikimedia son públicas e o seu enderezo pode atoparse citado nas mensaxes. A lista de arquivos están tamén arquivados por servizos Gmane e outros. Os correos non son comunmente borrados ou modificados, pero pode ser feito en casos extremos.
Enderezos de información por correo electrónico
Algúns enderezos de correo electrónico (véxanse embaixo) poden reenviar correo a un equipo de voluntarios elixidos pola Fundación para usar un tícket, tales como OTRS, para velos e respondelos. O correo enviado ao sistema non é publicamente visíbel, pero é si que o é para este grupo de voluntarios da Wikimedia. Ao enviar un correo a un destes enderezos, o seu enderezo será público dentro deste grupo. O equipo do sistema de tíckets pode discutir os contidos do seu correo con outros contribuidores co obxecto de responder mellor á súa cuestión.
Enderezos que dirixen ao sistema de tíckets:
- info-de ARROBA wikipedia PUNTO org
- info-en ARROBA wikipedia PUNTO org
- info-es ARROBA wikipedia PUNTO org
- info-fr ARROBA wikipedia PUNTO org
- info-it ARROBA wikipedia PUNTO org
- info-nl ARROBA wikipedia PUNTO org
- info-pl ARROBA wikipedia PUNTO org
Os correos aos membros da administración tamén poden reenviar correo ao equipo OTRS.
IRC
As canles IRC non son propiamente parte da Wikimedia. Ao participar nunha canle IRC, o seu enderezo IP será exposto á vista dos outros participantes. As diferentes canles teñen diferentes políticas sobre o que pode ser publicado nos rexistros.
Datos de usuario
Algúns datos de usuario, tales como as horas ás que teñen editado e o número de edicións que fixeron, están dispoñibles de xeito público a través das listas de "contribucións dun usuario" e, de xeito ocasional, en formularios conxuntos publicados por outros usuarios.
Eliminación de contas de usuario
Unha vez creadas, as contas de usuario non poden ser eliminadas. Será só posíbel que un usuario poida ser cambiado (dependendo das políticas do seu wiki local e o número de edicións que teña feito). A Fundación Wikimedia non garante que un nome poida ser cambiado baixo petición.
O borrado da información precisa dun usuario depende das políticas de borrado do proxecto que conteña a información.
Borrado do contido
O borrado de texto dos proxectos Wikimedia non o elimina de xeito real. Nos artigos normais, calquera pode ver nunha versión previa e mirar o que había alí. Se un artigo é "borrado", calquera usuario con dereitos de "administrador" pode ver o que foi borrado. A información pode ser borrada permanentemente por aquelas persoas que teñas acceso ao servidor, pero as solicitudes de borrado permanente só serán garantidas en casos limitados.