Superstición

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Superstición é a crenza en que un determinado fenómeno ou situación ten unha explicación mística, máxica ou simplemente asumida cultural ou socialmente sen ningún tipo de demostración científica.

A superstición e o método científico[editar | editar a fonte]

As supersticións, non fundamentadas ou asentadas de maneira irracional no ser humano, poden estar baseadas en tradicións populares, normalmente relacionadas co pensamento máxico. O supersticioso cre que certas accións (voluntarias ou non) tales como rezos, ensalmos, conxuros, feitizos, maldicións, males de ollo ou outros rituais, poden influír de maneira transcendental na súa vida.

Considéranse supersticións aquelas disciplinas que a comunidade científica chama pseudociencias, tales como:

O que distingue as supersticións da sabedoría e o sentido común é que se afirma unha relación causal entre os acontecementos debido a forzas supranormais:

  • o destino,
  • o poder invisíbel dos astros,
  • o poder invisíbel dos ritos máxicos,
  • o poder invisible dos espíritos, etc.

Esta maneira de proceder é contraria á razón, que analiza as relacións desde as causas inmediatas e intenta descubrir as leis naturais que rexen as proporcións (o que, sen encontrar relacións causa-efecto, explica os fenómenos a través de correlacións, é dicir, a través da frecuencia na que dous eventos se presentan simultaneamente).

Co pensamento da ciencia moderna, algunhas das pseudociencias deron paso ao nacemento de ciencias. É o caso da astroloxía, da que xurdiu a astronomía; da alquimia, da que xurdiu a química, e poucas máis.

No pensamento máxico e a maxia considérase posíbel producir resultados que á razón resultan contrarios ás leis naturais coñecidas valéndose de certos rituais, nos que interveñen entes considerados en dita crenza.

A superstición e a psicoloxía[editar | editar a fonte]

No campo da psicoloxía, enténdese a superstición como o resultado da maneira prexuizosa de xulgar a información que ten o noso cerebro. Un prexuízo cognitivo (do inglés cognitive bias, 'predisposicións cognitivas' ou 'sesgo cognitivo', en galego), é unha distorsión cognitiva no modo no que os humanos perciben a realidade.

Algúns destes procesos foron verificados empiricamente no campo da psicoloxía; outros, están sendo considerados como categorías xerais de prexuízos.

Nalgunhas sociedades humanas apréciase un proceso de decaemento das supersticións. Sen embargo, este proceso non é lineal, como o demostra a auxe que están tendo a quiromancia e os exorcismos en Italia e en toda Europa.

Para o individuo supersticioso, a superstición cumpre un papel positivo de estabilidade para a psique, por medio dos mecanismos de defensa. Os actos apotropaicos, como dicir Xesús! tras un esbirro para rexeitar a mala sorte, tocar madeira, cruzar os dedos ou facer o sinal da cruz, teñen esa función de "curar" a mente.

Outros temas importantes en relación coas supersticións son: o estudo do chamado pensamento máxico, da relixión como un tipo de crenza supersticiosa, os trastornos obsesivo-compulsivos e a esquizofrenia como enfermidade mental.

Prexuízos cognitivos[editar | editar a fonte]

O pensamento máxico, base da superstición, é unha forma de pensar e razoar que xera opinións carentes de fundamentación lóxica robusta ou estrita.

Crenzas carentes de lóxica.

Adoitan estar baseadas en percepcións psíquicas subxectivas do individuo/colectivo, podendo estar condicionadas por outras persoas que coñeceran ou aceptaran dalgún modo as teorías de ditos individuos con esas crenzas.

En psiquiatría, varias enfermidades mentais e trastornos de personalidade caracterízanse por diversos graos de pensamento máxico.

Utilízase o chamado método científico para facer notar o endébel e arbitrario das conviccións baseadas no sobrenatural.

Bruce Hood, profesor de Psicoloxía do desenvolvemento na Universidade de Bristol, levou a cabo un experimento para demostrar a inutilidade dos esforzos por combater as crenzas irracionais, xa que sostén que o cerebro humano tende a funcionar de maneira supersticiosa.

Para demostrar a súa teoría, o profesor Hood preguntoulles aos membros do público dun festival de ciencias se estaban dispostos a probarse unha chaqueta azul a cambio dunha gratificación de 10 libras esterlinas. Despois de que non poucos voluntarios levantaran a man, dixo que a chaqueta pertencera a Fred West, un asasino múltiple. Ao oír isto, a maioría dos voluntarios baixaron a man como acto apotropaico ou de defensa ou rexeitamento do agoiro. En realidade, a chaqueta non pertencera a Fred West, e o experimento mostrou que esta crenza, a persoas que se consideran racionais (xa que asistían a un festival de ciencias), lles facía sentirse incómodas.

Escrúpulos similares e crenzas comparables, explican, por exemplo, por que poucas persoas estarían dispostas a cambiar o seu anel de voda por unha réplica idéntica. A diferenza entre conceder importancia sentimental aos obxectos e crer na relixión, a maxia ou no paranormal, é só cuestión de grao, segundo o profesor Hood.

Segundo Hood, debido a que os humanos operamos intuitivamente, instar ás persoas a abandonar o seu sistema de crenzas non ten éxito, porque ese compoñente irracional opera a un nivel tan fundamental que ningunha cantidade de evidencias racionais pode erradicalo, de igual modo que non podemos erradicar un instinto.

Relixión e superstición[editar | editar a fonte]

Case cada relixión posúe rituais, cerimonias ou ensalmos que porían á persoa en relación coas forzas espirituais, e que as persoas que non pertencen a esa relixión poden considerar supersticións, como o degolamento dunha galiña, o sinal da cruz, o bautismo, a misa etc.

Acéptase que é máis probábel encontrarse con alguén que profesa unha relixión supersticioso que con un agnóstico ou con un ateo supersticioso.

A diferenza entre superstición e fe relixiosa estriba, en primeiro lugar, na maneira de comprender globalmente a realidade. Na superstición, a forza supranatural que actúa é arbitraria e disgregada das demais, mentres que unha relixión ten un sistema teolóxico organizado que afirma a existencia dun ser (ou varios) ou unha causalidade superior xeral, que actúa(n) no todo. En segundo lugar, de cada relixión derívase, ademais da espiritualidade, unha moral, mentres que en numerosas supersticións só se condiciona a actuación do individuo cara á adquisición ou perda da sorte ou a desgraza. E en terceiro lugar, en moitas relixións, como o cristianismo, non se ve contradición entre a racionalidade, que examina as causas inmediatas, e a crenza relixiosa, con consecuente coexistencia de ambas as actitudes.

O cristianismo considera a superstición como contraria ao primeiro mandamento.[1]

Desde esta perspectiva, compréndese que para o dicionario da Real Academia Galega, a superstición é un "sentimento á marxe da razón, polo que se cre que certas cousas ou signos teñen misteriosamente boas ou malas consecuencias".

A superstición non ten por obxecto o coñecemento da realidade que xace tras dita crenza, dáse por suposto a súa veracidade. O seu obxecto é manterse alerta nas situacións diarias para evitar o incidir nas accións que conducen de modo oportuno á base da crenza. A relixión ten por obxecto dun modo básico, adquirir a graza do ente ou entes obxecto de adoración a base de cumprir os mandamentos e rexeitar as prohibicións que dita o seu credo.

Algunhas relixións e cosmovisións esotéricas herméticas consideraron os estados de conciencia alterados como unha proba máis da existencia das súas crenzas. O seu coñecemento parte de premisas e fontes totalmente diferentes ás da ciencia, a técnica e a filosofía do noso tempo. Sería froito do desenvolvemento de capacidades no individuo que transcenderían os límites da percepción sensorial normal. Mediante técnicas como a meditación, autosuxestión, privación do sono, xexún, deshidratación, drogas, intoxicacións, etc. os suxeitos experimentan unha realidade máis alá do limiar da normalidade e perciben un nivel de realidade diferente e subxectivo a si mesmo.

Orixes da idea de superstición[editar | editar a fonte]

Segundo a súa etimoloxía, a palabra galega superstición corresponde ao verbo latino super-stare ('permanecer sobre', que para os romanos tiña o sentido figurado de 'ser testemuña' ou 'sobrevivir').

De acordo con Cicerón, e despois Isidoro de Sevilla,[2] a idea de transcender e perpetuarse a través da realización constante de rituais subxacía no uso desta palabra:

Se lles chama supersticiosos aos que rezan ou ofrecen sacrificios todos os días para que os seus fillos os sobrevivan.
Cicerón: De natura deorum (II, 72)

Por outra parte, na Roma antiga os adiviños eran cualificados frecuentemente como superstitiosus, o que de por si non constituiría unha valoración necesariamente pexorativa. Pero ás veces si se lle deu un sentido desfavorábel á palabra e ás accións que designaba, entendidas como unha manifestación exaxerada e, por tanto, superflua e desordenada, de relixiosidade. Esta idea resulta máis comprensíbel se se considera que religio, a relixión, significa precisamente o contrario para os romanos. Segundo o mesmo Cicerón, religio vén de re-legere ('reagrupar', 'ordenar'). Polo mesmo, dentro da preocupación romana de realizar o culto dentro de normas ríxidas, unha exaxeración, como facer sacrificios todos os días, podía chegar a ser entendido como un defecto.[3]

Para os romanos, o supersticioso podía chegar a ser ou ben un tartufo ou unha persoa afectadamente relixiosa.

Evolución do concepto cristián de superstición[editar | editar a fonte]

Nas primeiras versións en latín do Novo Testamento cristián utilízase só 3 veces a palabra superstición, e sempre á maneira romana:

  • En Feitos dos apóstolos (17.22), sen un sentido pexorativo explícito, cando san Paulo alaba aos atenienses por teren un altar reservado ao deus descoñecido. Entón, referíndose a que son "extremadamente relixiosos", cualificouno de "quasi supertitiores".
  • En Feitos dos apóstolos (25, a. C.19), nun sentido literal e ambiguo, cando os xudeus acusan ao mesmo Paulo de supersticioso por crer que Xesucristo está vivo (que "sobreviviu"), sendo así que xa falecera.
  • En Colosenses (2, a. C.21), referíndose a unha maneira afectada de relixiosidade, cando novamente Paulo exhorta aos seus lectores a deixar o formalismo ritual xudeu e así non caer "in supertitione".

Pero despois de décadas, ou incluso séculos, los primeiros cristiáns comezaron a cambiar o sentido da palabra "superstición".

Lactancio
Relixión versus superstición

No século III, Lactancio refutou as etimoloxías clásicas de Cicerón, buscando interpretacións máis útiles desde o punto de vista cristián. Para el, religio xa non vén de relegere ('reagrupar' ou 'reordenar'), senón de re-ligare ('volver a unir'), o que resultaba moi consonte co sentido mesiánico e salvífico do cristianismo, que proclama unha "nova alianza" entre a divindade e o ser humano. O cristianismo era, pois, para Lactancio, unha relixión.

Seguindo con esta liña argumentativa, o mesmo autor cambiaba o significado da etimoloxía de supertitio. Esta agora asimilaba o concepto a idolatría e culto equivocado; superstición equivalía a divinización pagana dos mortos:

...os supersticiosos non son aqueles que esperan que os seus fillos lles sobrevivan —iso esperámolo todos—, senón os que veneran a memoria dos defuntos para que sobreviva a eles, ou mesmo aqueles que mediante imaxes dos seus pais renden culto como o fan cos seus deuses...
Lactancio: Institutiones divínae.

Para Lactancio, entón, relixión era igual a culto verdadeiro, mentres que superstición era un falso culto.

Agostiño de Hipona
Cristianismo contra superstición
Segundo san Agostiño, a superstición á pagá e demoníaca

No século IV Agostiño de Hipona volveu modificar a explicación do significado da etimoloxía de supertitio, buscando establecer un novo concepto máis acorde coa súa situación histórica. Para el, as supersticións eran as "supervivencias" da idolatría pagá que subsistían tras o triunfo político e espiritual do cristianismo, produto da conversión do emperador Constantino. E, máis especificamente, superstición era todo resto de veneración a unha criatura —ser creado— fora este ídolo, home, demo, animal, planta, astro ou obxecto.[4]

É supersticioso aquilo instituído polos homes para crear ídolos e veneralos ou render culto a unha criatura ou parte dunha criatura como se se tratara de Deus, ou para consultar aos demos e selar a través de certos acordos (pactos) unha comunicación con eles.
Agostiño de Hipona: De doctrina christiana.

Destas afirmacións, que foron retomadas por Tomé de Aquino, provén o concepto cristián de superstición vixente durante os séculos seguintes, e aínda no presente. Este pódese resumir en dúas afirmacións:

  • Toda crenza sobrenatural allea ao cristianismo é superstición.
  • A superstición é unha maneira de relación co demo.

A segunda idea implica que, por exemplo, se o estremecemento dun membro (un brazo, por exemplo) era considerado un mal agoiro, era porque para o supersticioso era unha especie de signo convencional ou clave secreta, mediante a cal recibía unha mensaxe do demo.

A nova definición de superstición estendeuse rapidamente.

Como exemplo da idea cristiá de que o non cristián é supersticioso, xa no século V encóntranse textos eclesiásticos que falan das "supersticións xudaicas".[5]

Se os xudeus no crían en Cristo, os seus rituais debían por forza seren supersticiosos e mal inspirados.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Catecismo de la Iglesia Católica
  2. Isidoro de Sevilla; Etimologías (X, 244).
  3. Jean-Claude Schmitt, Historia de la superstición. Barcelona: Crítica, 1992.
  4. Jean-Claude Schmitt, Historia de la superstición. Barcelona: Crítica, 1992.
  5. Estatutos de la Iglesia primitiva. Galia, 475.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Superstición Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]