Xeomancia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Instrumento xeomántico do Exipto ou de Siria (1241-1242). Museo británico.
Detalle do instrumento de arriba.
As dezaseis figuras xeománticas.

Xeomancia é unha técnica de adiviñación fundada na análise de figuras compostas pola combinación de catro puntos simples ou duplos. Estes puntos obtéñense pola observación de pedras ou outros obxectos guindados sobre unha superficie plana ou situados nun espazo determinado, por lanzamento de dados,[1] pola observación de trazos debuxados na area cun pau, ou sobre un papel,[2] ou mesmo pola observación de elementos dispostos na natureza sen intervención humana.

Os oráculos xeománticos baséanse nunha serie de 16 figuras, cada unha composta de catro liñas de puntos, pares ou impares. Por diferentes combinacións simples, as figuras desenvólvense nun diagrama ou grafo destinado á interpretación. O significado das figuras xeománticas, as súas posicións no grafo obtido, e as relacións no interior do grafo das figuras (repeticións, oposicións, etc...) téñense en conta para a interpretación.[3]

Practicada pola xente de todas as clases sociais, foi unha das máis populares formas de adiviñación en África e Europa na Idade Media e no Renacemento, publicándose libros e tratados de xeomancia até o século XVII. Recentemente xurdiu un novo interese por ela nas obras de John Michael Greer e outros practicantes.

Existen varias prácticas africanas, algunhas próximas a prácticas de influencia árabe, pero tamén unha expresión que está na orixe do vudú a través do deus Fa (ou Ifa) deus da adiviñación. Nesta versión, as dezaseis figuras considéranse por pares, o que dá 256 combinacións. Parece que máis que un sistema de adiviñación, trátase dun sistema moi elaborado de pedagoxía subministrado polo deus Fa e algunhas outras divindades destinado a pobos que non tiñan escritura e nos que todo debía conservarse na memoria. Hai que sinalar que estas divindades se superpoñen aos deuses propiamente animistas.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo está tirado directamente do baixo latín geomantia ('adiviñación pola terra') préstamo do grego γεωμαντεία, tradución da palabra árabe ‛ilm al-raml, ou 'ciencia da area'. Outros nomes árabes da xeomancia son khatt al-raml e darb al-raml.[4]

Esta palabra difúndese en Europa a principios do século XIV, especialmente a través dun dos relatos das viaxes de Marco Polo (capítulo CLXXIV do Devisement du monde ou O libro das marabillas do mundo.[5]

O termo era, porén, coñecido anteriormente, porque apareceu cedo en francés, contra 1333, na forma geomancie,[6] na tradución manuscrita do Miroir Historial de Vincent de Beauvais redactada por Jean de Vignay a petición do rei de Francia Filipe VI de Valois.

Historia[editar | editar a fonte]

A orixe real deste tipo de oráculo permanece descoñecida. Certos autores pensan que é de orixe persa, mentres que outros falan dunha orixe árabe. O modo de construción das figuras e a súa situación no conxunto do oráculo, sempre de dereita a esquerda, son, en todo caso, a marca dun pobo que facía uso dunha escritura de dereita a esquerda, e que a lingua fora de orixe semítica, árabe ou non (persa).

A xeomancia ten as súas raíces no Oriente Medio cando os comerciantes árabes retornaban, a través da ruta da seda, do Extremo Oriente, e os nomes orixinais das súas figuras son árabes (desde a Idade Media, úsanse as traducións latinas destes nomes).

Os estudosos europeos comezaron a traducir do árabe textos e tratados na Idade Media, entre eles os de xeomancia. Isidoro de Sevilla cita a xeomancia na súa listaxe de métodos de adiviñación, como piromancia, hidromancia, aeromancia e necromancia, sen describir a súa aplicación ou os seus métodos.[7] O poema Experimentarius, atribuído a Bernardus Silvestris e escrito a mediados do século XII, é unha tradución en verso dunha obra de xeomancia astrolóxica.

Unha das primeiras disertacións de xeomancia traducidas ao latín foi Ars Geomantiae de Hugo de Santalla; nese momento, a xeomancia estaba xa ben establecida como sistema de adiviñación nas rexións de fala árabe de África e o Oriente Medio. Outros tradutores, como Gerardo de Cremona, tamén fixeron novas traducións de xeomancia que incorporaban elementos astrolóxicos.[8]

Naquela época, moitos eruditos europeos estudaban e aplicaban a xeomancia, escribindo moitos tratados sobre ela. Heinrich Cornelius Agrippa, Christopher Cattan, e John Heydon elaboraron tratados de xeomancia, como outros filósofos, ocultistas e teólogos até o século XVII, cando o interese polo ocultismo e adiviñación comeza a decaer debido ao xurdimento da revolución científica.

A xeomancia tivo un rexurdimento no século XIX, cando un renovado interese no ocultismo aparece debido ás obras de Robert Thomas Cross, Edward Bulwer-Lytton e Franz Hartmann, que publica o seu texto The Principles of Astrological Geomancy, o cal estimula un novo interese polos sistemas de adiviñación. Baseada neste e nalgúns textos antigos, a Orde Hermética da Alba Dourada comeza o labor de recompilación de coñecementos de xeomancia e outras ciencias ocultas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dom Neroman, La géomancie retrouvée, éditions Sous le Ciel, 1948
  2. Robert Fludd, Traité de Géomancie, tradución francesa de de geomantia por Pierre Piobb, éditions Dangles, 1947.
  3. Os misioneiros cristiáns que percorreran China no século XIX traduciron indebidamente a noción de feng shui, parte importante do pensamento chinés, por "xeomancia", tradución que se aceptou durante decenios nas linguas occidentais. Pero esta confusión de vocabulario case desapareceu desde os anos 1970.
  4. Skinner, Stephen (1980): Terrestrial Astrology: Divination by Geomancy. London: Routeledge & Kegan Paul.
  5. Rustichello redactou nun dialecto franco-véneto o libro coñecido como Il Milione ('O millón' ou 'As viaxes de Marco Polo') acerca das viaxes do famoso veneciano. O libro chamouse orixinalmente Divisament du monde ('Descrición do mundo'), pero popularizouse como Libro das marabillas do mundo e, máis tarde, como Il Milione. É crenza xeral que tal nome veu da tendencia do autor a referirse a grandes cantidades, "millóns", pero é máis probábel que derivase do seu propio nome, "Emilione", abreviado en Milione)
  6. Na actualidade é géomancie.
  7. Stephen Skinner, Op. cit., páx. 88.
  8. Stephen Skinner, Op. cit., páxs. 94-97.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xeomancia

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ambelain, Robert (1984): La Géomancie arabe. Robert Laffont.
  • Ambelain, Robert (1991): La Géomancie chinoise. Éditions du Rocher.
  • Brenner, Louis (2000): "Muslim Divination and the Religion of Sub-Saharan Africa." Insight and Artistry in African Divination. ed. John Pemberton III. Smithsonian Institution Press.
  • Cattan, Christopher (1591): The Geomancy of Master Christopher Cattan, Gentleman.
  • Greer, John Michael (1999): Earth Divination, Earth Magic. St. Paul: Llewellyn Publications. ISBN 1-56718-312-3.
  • Le Kern, Alain (1994): La géomancie, un art divinatoire. Monaco: Editions du Rocher.
  • Maupoil, Bernard (1988): La géomancie à l'ancienne Côte des Esclaves. Paris: Institut d'Ethnologie. Troisième édition.
  • Pennick, Nigel (1995): The Oracle of Geomancy. Capal Bann Publishing. ISBN 1-898307-16-4
  • Skinner, Stephen (1980): Terrestrial Astrology: Divination by Geomancy. London: Routeledge & Kegan Paul.
  • Thieux, Margot: (2007): Géomancie. La Terre vous parle. Paris: Editions Véga - Guy Trédaniel.
  • Warrain, Francis (1968): Physique, métaphysique, mathématique et symbolique cosmologique de la géomancie. Raris: Éditions Véga.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]