Xesús de Nazaret

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Xesucristo")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Este artigo é sobre a figura histórica de Xesús e os seus aspectos biográficos. Para informacións acerca das múltiples versións de Cristo, vexa ese artigo.
Xesús crucificado da igrexa de San Bieito do Campo en Santiago de Compostela

Xesús Cristo, tamén chamado Xesús da Galilea ou Xesús de Nazaret, nado en Belén cara ao 6 ou 4 a.C. e finado cara ao 30 d.C.[1] (datas disputadas), foi un predicador relixioso xudeu. Era frecuentemente chamado rabino polos seus seguidores. Inspirou a formulación e implantación do cristianismo, a maior relixión do mundo en número de fieis. De acordo coa maioría dos cristiáns, el é a encarnación de Deus, foi crucificado durante a época de dominación romana da Palestina e practicou varios milagres.

Os cristiáns tamén se refiren a el como o Mesías, Fillo de Deus e Salvador, que salvou a humanidade do pecado e da morte a través da súa vida sen mácula, morrendo como sacrificio de sangue polo pecado da humanidade, e rexurdindo dos mortos.

Índice

Figura controversa [editar]

Imaxe de Xesús Cristo de Haxía Sophia, Istambul (século XII).

Xesús é unha figura controvertida. Hai diferentes visións de Xesús nas relixións do Islam, Xudaísmo e Gnosticismo. Outras relixións teñen varias perspectivas de Xesús. El é considerado un profeta polos musulmáns, como un falso Mesías polos xudeus, como unha manifestación de Deus polos Bahá'ís, como un avatar por algúns hindús, como o salvador e aquel que trae a gnose por varios sectores gnósticos e unha manifestación de Maitreya ou un grande gurú por teosofistas e moitos adeptos da Nova Era. Algunhas persoas non relixiosas achan que, se ben unha persoa co nome Xesús poida ter existido, todo o que sabemos sobre el é especulación, relixión ou mito. Outras persoas non relixiosas acreditan que Xesús foi un sabio mestre, mais só un home, cuxa lenda ten sido moito esaxerada ao longo dos anos por propósitos políticos e outros.

A historicidade de Xesús [editar]

Autores como Joseph Klausner, Crossan, Gerd Theissen, Gnilka, E. P. Sanders, Borg, Geza Vermes, Wright, Jonh P. Meier, James D. G. Dunn... afirman a historicidade de Xesús.

Todos eles coinciden en que os evanxeos canónicos e tamén algúns apócrifos (o de Tomás e o de Pedro, especialmente) conteñen un transfondo histórico ao que é posible remontarse. Son unidades de predicación recompiladas e ordenadas varias décadas despois da morte de Xesús cun fin kerigmático (catequético). Isto non impide que conteñan elementos que superan diversos parámetros de crítica histórica. Deste xeito, permiten identificar un personaxe real co suficiente grao de coherencia.

Os evanxeos canónicos e os apócrifos derivan de diversas fontes que non son neutrais. Son textos que tratan de transmitir máis a significación para a fe duns ditos e uns relatos que de recoller unha crónica ou biografía en senso estrito.

Existen, así mesmo, autores non cristiáns dos séculos I e II que falan de Xesús, mesmo criticamente, pero cun ton de naturalidade (no caso de Flavio Xosefo, unha vez extraídas as posibles interpolacións). Estes cronistas non puxeron en dúbida a súa existencia: Flavio Xosefo, Suetonio, Plinio, Tácito e algún escrito sirio e mesmo talmúdico conteñen referencias máis ou menos inequívocas a un personaxe xudeu, identificado como Xesús ou Cristo, axustizado e que conta con seguidores perfectamente identificables no tempo en que escriben.

O Xesús de Nazaré histórico [editar]

Xesús foi obxecto na segunda metade do século XX de análises rigorosas por parte da ciencia histórica e hermenéutica. Os criterios para identificar o puramente histórico fóronse sofisticando no tempo sendo os principais:

  • o criterio de dificultade,
  • o criterio de discontinuidade,
  • o criterio de multiplicidade das fontes e
  • o criterio de viveza narrativa.

Consonte a estes criterios, hoxe existe bastante consenso en relación aos seguintes datos: Xesús viviu a súa infancia nunha ínfima aldea galilea chamada Nazaret; traballaba como artesán no contexto dunha economía campesiña marxinal cada vez máis depauperada; os seus referentes culturais e relixiosos eran netamente xudeus; falaba arameo; sentiuse atraído pola predicación de Xoán o Bautista que anunciaba unha acción inminente de Deus para a que había que prepararse; converteuse nun predicador itinerante que anunciaba unha boa noticia para os pobres, os marxinados, os oprimidos e os enfermos: a chegada próxima do Reino de Deus; dirixiase a Deus coa expresión aramea familiar Abbá (pai); non compartiu a violencia política dos zelotas, que se organizarían máis tarde; levou unha praxe contraria ao legalismo moralista dos fariseos e os letrados; marcou as distancias co rigorismo penitencial dos seguidores de Xoán o Bautista; predicou o amor aos inimigos; masas populares viron nel un taumaturgo e exorcista con poderes curativos psicofísicos; contou con mulleres entre os seus discípulos itinerantes; manifestou unha proximidade especial cara os pecadores e pecadoras públicas, feito que lle mereceu duras descalificacións; tivo un conflito fatal coa clase dirixente sacerdotal do Templo de Xerusalén sendo sumo sacerdote Caifás; foi humillado, torturado e crucificado por Poncio Pilato, prefecto romano de Xudea, como un criminal sedicioso.

Os nomes e títulos de Xesús [editar]

Sermón da Montaña.
  • Yeoshua.
  • Raíz de Davi.
  • León da Tribo de Xudá.
  • Príncipe da Paz.
  • Pedra Angular.
  • Cordeiro de Deus.
  • Pan da vida.
  • Fillo do Home.
  • Nova Estrela da Mañá.
  • Rosa de Saron.
  • O Alfa e o Omega, Principio e Fin.
  • Rei dos reis.
  • O Mesías.
  • Luz do Mundo.
  • Camiño, Verdade e Vida.
  • Bo Pastor.

Data do nacemento e morte [editar]

Existe certo consenso en que naceu entre o ano -4 e o -6 e que foi crucificado ao redor do ano 30.

A aparente contradición de que Xesús nacera no ano 4 ou 6 antes de Cristo explícase polo xeito en que se fixo o noso calendario: no ano 525 o papa Hormisdas encarregoulle a un monxe chamado Dionisio o Exiguo, un calendario que comezara co nacemento de Cristo, posto que nese tempo seguíase a usar o calendario romano, que contaba dende a fundación de Roma (ab urbe condita). Dionisio, utilizando as referencias que hai nos Evanxeos, calculou que Xesús nacera no ano 753 ab urbe condita. Co tempo, e xa con mellores referencias históricas, os expertos descubriron que Dionisio se equivocara e que a data de nacemento de Xesús debía andar polo 747-749 ab urbe condita. O problema está en que, para cando se descubriu o erro, o calendario novo xa estaba plenamente implantado e era imposible desface-lo calculado polo Exiguo.

A Predicación. O Reino de Deus [editar]

Xesús, ao igual que Xoán o Bautista, anuncia unha acción inminente de Deus. Xesús, porén, fai fincapé en que esta acción inminente é unha boa noticia (evangelion) para os pobres, os que sofren e os oprimidos (Lc 4, 18) e unha ameaza para os ricos, os soberbios e os satisfeitos (Lc 6,24-26).

Esíxese a disposición interior (conversión, metanoia) para acoller este Reino.

O Reino maniféstase nas curacións de Xesús en favor dos que sofren (Mt 12,28) e na súa cercanía aos pecadores, publicanos e prostitutas.(Mt 9,9-17)

O Reino non se imporá pola forza, senón que sofrirá violencia por parte dos poderosos. Fronte a iso só cabe perseveranza confiada.(Mc 13)

Suporá a separación definitiva entre os que o acolleron e os que o rexeitaron. Esixe fe, vixilancia e oración (Lc 11, 9-13). Só se acada mediante unha renuncia alegre ás riquezas (Mt 6, 19-24) e a toda cobiza, envexa, ou ambición de poder (Mt 20, 20-28).

As Parábolas [editar]

Xesús expuxo en moitas ocasións as súas ensinanzas a través de parábolas. Utilizaba imaxes propias do seu contexto vital campesiño. O Reino aseméllase a un banquete de vodas ofrecido por un pai xeneroso e uns convidados ocupados e desagradecidos; a un viñador confiado e uns arrendadores da viña infieis; a un señor compasivo e un servo mesquiño e cruel; a unha rede de pescar e distintas clases de peixe;ao trigo e a mala herba que non debe ser arrincada; a un sementador despreocupado e distintos tipos de terra; a un pastor con 99 ovellas que vai buscar a única perdida; a unha muller que amasa pan; a un pai con saudade do seu fillo; a un noivo e os seus amigos; a unha noiva e as súas amigas, a un grao de mostaza que se troca na meirande das hortalizas etc.

O Deus de Xesús [editar]

O Deus de Xesús é o Deus xudeu. O Deus da alianza con Abraham e con Moisés. O Deus das promesas e as ameazas que falou polos profetas.

Porén, Xesús enfatiza a misericoridia dun Deus que busca aos pobres, os marxinados e aos pecadores aos que fai unha oferta gratuíta de salvación.

É o Deus que é adorado no Templo, pero en xustiza, compaixón e lealdade (Mt 23,23). O Deus cuxa palabra se proclama na sinagoga para acollela cun espírito sinxelo e humilde (Lc 10,21). É o Deus da Lei, pero entendida esta como unha disposición interior radical que favorece ao home (Mc 2,27). De aí os conflitos pola súa vulneración do sábado, o xexún e a pureza ritual.

Para Xesús, Deus é, sobre todo, un pai providente que se ocupa dos homes máis que dos lirios do campo, as aves do ceo (Mt 6, 25-34) e os gorrións. O Pai celestial, máis bondadoso que os pais humanos que, sendo malos, saben dar cousas boas aos seus fillos (Lc 11, 11-13). Un Deus que nos libera de toda ansiedade e preocupación (Lc 10, 40; Tomás 36).

Xesús mantén unha relación estreitísima con Deus a quen chama coa expresión familiar aramea Abba (Mc 14, 36). Unha maneira orixinal de dirixirse a Deus que non foi traducida no evanxeo de Marcos nin na Carta aos gálatas e a Carta aos romanos de Paulo de Tarso. Seguramente conservada en arameo pola fonda impresión que deixou na memoria das primeiras testemuñas.

Xesús manifesta facer en todo momento a vontade de Deus ata a entrega total de si mesmo (Lc 9, 22-27): ata o sufrimento e a morte. A inmensa maioría dos exexetas e historiadores entenden que Xesús nunca se proclamou igual a Deus. Foi a experiencia de fe das primeiras comunidades a que levou a estas a proclamar que en Xesús se manifestou plenamente o mesmo Deus (Xn 1,1). Como formular isto constitúe xa a prolixa e dramática historia do dogma e as herexías.

Ensinos éticos de Xesús [editar]

O flaxelo de Cristo; pintura de William-Adolphe Bouguereau (1825-1905)
  • Amar a Deus sobre tódalas cousas
  • Amar o próximo como a un mesmo (Mc 12,28-34)
  • Amar o próximo como El nos amou (Xn 15,12)
  • Amar os inimigos (Mt 5, 44)
  • Amar o irmán como a propia alma, coidar del como da meniña do propio ollo (Tomás, 25)

As ensinanzas éticas de Xesús nacen dunha experiencia de Deus que é bo con malos e bos, con xustos e inxustos (Mt 5, 43-48; Mt 22, 10; Mt 18, 33; Lc 6, 35-38); é unha moral que responde a un ofrecemento gratuíto de salvación -o Reino de Deus- que se fai presente nas accións de Xesús mesmo. Quen se cre xusto está cego e non se xustifica (Lc 18, 9-14).

A mensaxe de Xesús singularízase na súa insistencia en amar a quen non pode corresponder a ese amor (Lc 14,13) e na extensión do amor ao próximo aos estranxeiros e aos inimigos. É neste punto onde Xesús ve a diferenciación cos pagáns, que aman aos que os aman a eles e esperan unha contraprestación.

Xesús mesmo identifícase cos desvalidos; o xuízo final basearase no que se lle fixo a el nas persoas dos esfameados, sedentos, estranxeiros, presos e enfermos. (Mt, 25,31-46)

O perdón sen cálculo é condición previa para o culto e fundamento dunha oración eficaz (Mc 11,25)

A lei do talión queda condenada para sempre; non se ha de resistir ao mal senón que se debe poñer a outra meixela.(Mt 5,38-42). A mansedume e o traballo pola paz son fonte de benaventuranza e fannos fillos de Deus (Mt 5, 4-9)

A humildade, a sinxeleza e o facerse como nenos (Mc 10, 13-16) son disposicións necesarias para a entrada no Reino de Deus. Nisto parece consistir a conversión do corazón (metanoia) que prepara a boa noticia (evangelion) da inminencia do Reino de Deus.

As riquezas son vistas como un grande obstáculo para a entrada no Reino (Lc 6,24) e son competidoras fronte ao mesmo Deus (Mt 6,24;Tomás 47)

Xesús parte da base de que os gobernantes tiranizan e os poderosos explotan: a única alternativa é o espírito de servizo (Mc 10, 42-45).

Xulgar aos demais, o sentido de superioridade, a pureza externa, a hipocrisía, o moralismo que non ten en conta o ben da persoa son actitudes repetidamente condenadas por Xesús e motivo central das súas disputas cos escribas e fariseos. A súa denuncia dun ritualismo baleiro e interesado acabaría enfrontándoo á clase sacerdotal. (Mt 23)

Xesús e as mulleres [editar]

María Magdalena no coro lígneo da Catedral de Santiago de Compostela

As fontes coinciden en presentar a Xesús tendo unha especial consideración ás mulleres de diversa condición, en especial as marxinadas, as enfermas e pecadoras públicas. Isto era algo, en boa medida, novidoso para un rabí da época. Os exemplos son múltiples:

  • A muller derreada á que se achega e cura en sábado chamándolle filla de Abrahan, título exclusivamente masculino (Lc 13,11).
  • A que sufría unha patoloxía feminina extrema que a facía impura e excluída e que alcanza a tocarlle sen que Xesús poida evitar curala (Mc 5,25-3).
  • A estranxeira pagá, único personaxe que nos evanxeos o convence nunha discusión, movéndolle o corazón (Mt 15,28).
  • A viúva á que Xesús se achega por propia iniciativa, conmovido (Lc 7,13)
  • A prostituta que lle unxe, con escándalo dos presentes, e a que lle son perdoados os pecados porque "amou moito" (Lc 7, 37-47).
  • A viúva pobre que Xesús ensalza pola súa xenerosidade (Mc 12, 41-44).
  • Marta e María, as amigas que o acollen na súa casa (Lc 10, 38-42).

As fontes sinópticas coinciden en presentar entre os discípulos itinerantes de Xesús varias mulleres (María Magdalena, Xoana, Salomé...), feito pouco común para unha sociedade patriarcal como a xudía daquel tempo. E mesmo afirman que son estas as que permaneceron ao pé da cruz cando todos fuxiran (Mc 15, 40-41).

Resulta tamén paradoxal que se recoñeza como primeiras testemuñas do acontecemento central da resurrección as mulleres, cuxo testemuño apenas tiña validez naquel contexto social (Mc 16, 11).

Por outra banda, nas diatribas de Xesús contra os escribas e fariseos, repróchalles que devoren os bens das viúvas con pretextos relixiosos (Lc 20, 18) e aos príncipes dos sacerdotes e aos anciáns do pobo chégalles a asegurar que as prostitutas hanos preceder no Reino de Deus (Mt 21, 31).

Pola súa parte, no Evanxeo de Xoán, salientan alguhas figuras femininas:

  • A inimiga étnica de vida licenciosa que é a interlocutora privilexiada do discurso da "auga viva", e que acaba evanxelizando aos seus veciños samaritanos.
  • Marta de Betania, protagonista do diálogo fundamental sobre a "resurrección e a vida"
  • A muller adúltera salvada por Xesús de morrer lapidada.

A crítica histórica e exexética recoñece que, alén do carácter kerigmático destes relatos, agóchase un transfondo histórico onde o predicador xudeu, Xesús de Nazaret, outorgou unha consideración chamativa ás mulleres do seu tempo.

O Home [editar]

Xesús é un artesán dunha pequena aldea galilea practicamente descoñecida ata entón. Escavacións arqueolóxicas dan testemuño da existencia de Nazaret no século I como asentamento humilde dunha pequena comunidade campesiña.

Segundo os evanxeos, Xesús ensina con autoridade moral, a diferenza dos escribas e fariseos (Mt 8,28), amosa un forte carisma ata o punto de que as multitudes o seguen e, en ocasións, a audiencia manifesta o seu entusiasmo (Mc 7, 37; Lc 11,27; 19,36-40; Xn 6, 14-15), incluso mulleres e nenos (Mt 18, 1-12; 19, 13-15). Cara a estes amosa unha especial cercanía. Xesús vive coma un predicador pobre e itinerante sen ter "onde repousar a cabeza" (Lc 9, 57-59) e esixe esa pobreza aos seus seguidores (Mt 10, 9). Considera como da súa familia a aqueles que se abren á mensaxe (Mt 12, 48). Rexeita a violencia e non consente nin siquera levar bastón para a autodefensa.

Porén, recibe fortes críticas: foi acusado de borracho e comellón, amigo de publicanos e prostitutas (Mt, 11,19). Denígraselle como mago que actúa co poder do príncipe dos demos (Mt 12, 22-30). Os seus irmáns (a palabra grega é adelfós) e conveciños tivérono por alleado (Mc 3,21) cando comezou a predicar.

As moitedumes inspirábanlle compaixón (Mt 9, 36; 14, 14; 15, 32), achegábase a aqueles que espertaban repugnancia na sociedade daquel tempo (leprosos, endiañados, doentes), e resulta frecuente escoitar no seus beizos verbas de confianza e ánimo (Mt 9, 12; 9, 22; 14, 27; 17, 7; Lc 7, 13; 48-50, Lc 12, 7; 12, 32). En contraste, Xesús é duro e directo nos seus ataques aos grupos relixiosos moralistas e legalistas como os fariseos e os escribas, os sacerdotes e os anciáns do pobo (Mt 21, 31; 23) e co propio rei Herodes (Lc 13, 31-33). Os ricos e satisfeitos reciben tamén serias advertencias (Lc 6, 24; 16, 19-31). Chora polos amigos (Xn 11, 35-36), aprende da natureza e os labores do campo. Sofre por Xerusalén ata o pranto (Mt 23, 37; Lc 19, 41), pero advirte con severidade ás vilas que non se converteron. Aínda que manifesta ser enviado ás ovellas perdidas de Israel, a súa sensibilidade lévao a abrirse aos rogos dos paganos nalgunhas ocasións (Mt 8, 5-14).

A única vez que falou da súa personalidade, definiuse como manso e humilde de corazón (Mt,11-29) pero non quixo ser chamado bo porque "só Deus é bo" (Mc 10,18). A presenza viva de Xesús xeraba nos seus discípulos unha alegría liberadora: "¿acaso os compañeiros do noivo poden xexuar mentres o noivo está con eles? Mentres que teñen con eles ao noivo, non poden xexuar" (Mc 2,19).

Dende o punto de vista da ciencia histórica, a reducida dimensión social e cronolóxica do personaxe contrasta abismalmente coa enorme repercusión posterior da nova relixión que resultou da predicación dos primeiros cristiáns. Estes proclamárono Cristo, Señor, Salvador e Fillo de Deus.

Tortura e crucifixión [editar]

A Flaxelación (San Xulián de Ventosa, Agolada
O Desencravo (San Salvador de Meis, Pontevedra)

Existe certo debate sobre se Xesús foi sometido a un dobre xuízo (sanedrín xudeu, e proceso romano) ou a unha soa instrución a cargo unicamente de Poncio Pilato, a quen lle correspondía o monopolio do ius gladii.

No primeiro caso, a acusación sería dobre: desafío ás autoridades sacerdotais do Templo de Xerusalén ata a mesma blasfemia e alboroto das masas ata a sedición. No segundo caso, só a rebelión contra o Cesar, como rei dos xudeus.

Segundo as fontes dispoñibles, Xesús foi flaxelado. O Evanxeo de Lucas expresa que a flaxelación foi un castigo exemplarizante para logo soltalo (correctio). Segundo Cicerón, Tácito, Plinio ou Plutarco a correctio era dunha crueldade extrema que deixaba ao reo irrecoñecible. Os vergallazos en Roma non tiñan límite e podían acabar na morte.

Pero este primeiro suplicio non o librou da pena capital.

Os Evanxeos coinciden tamén en que Xesús, trala condena, foi aldraxado e vexado e novamente golpeado e torturado ata o sarcasmo máis brutal (casquete de espiñas). Finalmente foi crucificado no medio de dous bandoleiros. A morte de Cruz estaba considerada unha morte lenta, agónica, dorosa e infamante. Era a condena para os escravos e os sediciosos.

Segundo os evanxeos de Mateo, Marcos, Lucas e o apócrifo de Pedro, agás o caso dalgunhas mulleres que seguiron o tormento dende lonxe, Xesús viu a morte abandonado dos seus.

A Resurrección [editar]

Vexa Resurrección.

As alegadas reliquias de Xesús [editar]

Perspectivas cristiás de Xesús [editar]

Xesús Cristo era o Mesías prometido no Antigo Testamento, e por iso segundo os cristiáns foi o único en cumprir tódalas Profecías a ese respecto, como por exemplo:

Mural na catacumba de Commodilla
Caravaggio
  • Nacería en Belén (Miqueas 5:2)
  • dunha virxe (Isaías 7:14)
  • por intermedio de Deus (Salmos 2:7)
  • descendente de Xacob (Números 24:17)
  • da tribo de Xudá (Xénese 49:10)
  • iría para o Exipto (Habacuque 11:1)
  • surxiría da Galilea (Isaías 9:1)
  • faría profecías (Deuteronomio 18:18)
  • o Espírito de Deus iría repousar sobre El (Isaías 11:2)
  • sería anunciado antes por un mensaxeiro do deserto (Malaquias 3:1)
  • abriría os ollos dos cegos e os oídos dos xordos (Isaías 35:5)
  • curaría os coxos e os mudos (Isaías 35:6)
  • falaría en parábolas (Salmos 78:2)
  • mesmo sendo pobre, sería aclamado rei, nun burro (Zacarías 9:9)
  • sería rexeitado (Salmos 118:22)
  • traído por un amigo (Salmos 41:9)
  • por trinta moedas de prata (Zacarías 11:12)
  • moedas esas que serían dadas a un oleiro (Zacarías 11:13)
  • sería ferido, e despois abandonado polos seus discípulos (Zacarías 13:7)
  • sería acusado inxustamente (Salmos 35:11)
  • sería ferido polas nosas transgresións (Isaías 53:5)
  • non respondería aos seus acusadores (Isaías 53:7)
  • sería cuspido e esbofeteado (Isaías 50:6)
  • sería zombado despois de preso (Salmos 22:7,8)
  • tería os pés e mans traspasados (Salmos 22:16)
  • na terra dos seus amigos (Zacarías 13:6)
  • xunto con transgresores (Isaías 53:12)
  • oraría polos seus inimigos (Salmos 109:4)
  • sería rexeitado e ferido polas nosas iniquidades (Isaías 53:3-5)
  • lanzarían sortes para repartir as súas vestes (Salmos 22:18)
  • faríanlle beber vinagre (Salmos 69:21)
  • clamaría a Deus no seu desamparo (Salmos 22:1)
  • entregaría o seu espírito a Deus (Salmos 31:5)
  • non tería os ósos quebrados (Salmos 34:20)
  • a Terra escurecería, mesmo sendo día claro (Amós 8:9,10)
  • un rico o sepultaría (Isaías 53:9)
  • así como Xonás ficou tres días dentro do grande peixe (Xonás 1:17; Mat.16:21; Lucas 11:30)
  • El resucitaría (Salmos 30:3)
  • no terceiro día (Oseas 6:2)
  • subindo tamén aos ceos (Saln. 68:18; Atos 1:11)
  • e sendo recibido polo seu Pai, á súa dereita (Saln. 110:1; Atos 7:55)

O propio Xesús confirmaba iso, afirmando: "Examinades as Escrituras, porque vós coidades ter nelas a vida eterna, e son elas que de min testemuñan" (Xoán 5:39), e tamén: "... conviña que se cumprise todo o que de min estaba escrito na lei de Moisés, e nos profetas e nos Salmos." (Lucas 24:44)

No Evanxeo de Xoán, Xesús é o Verbo de Deus, o Logos, encarnado e feito home. Xa neste evanxeo afírmase que o Verbo era Deus (Xn 1,1). Os Pais da Igrexa, tanto en Oriente como en Occidente, desenvolverían esta concepción na súa defensa fronte ás ideas que eles consideraron heréticas como o gnosticismo, o arianismo e o apolinarismo

Perspectivas xudaicas de Xesús [editar]

Aínda que non acrediten que Xesús é o Mesías, os xudeus adóptano como un dos profetas, aínda que non lle atribúan orixe divina.

Perspectivas Islámicas de Xesús [editar]

Segundo a tradición islámica, Xesús foi un mensaxeiro de Alá, un profeta. Mais, segundo o Alcorán, non morreu na cruz. Segundo os musulmáns, tería sido Xudas Iscariotes quen tería morrido na cruz, transformado en sosia de Xesús como punición pola traizón.

Perspectivas Gnósticas de Xesús [editar]

Segundo as tradicións gnósticas, hai que se facer unha distinción entre Xesús e Cristo, aínda que ambos tivesen vivido no mesmo corpo. Xesús era un ser humano da mesma evolución do home, pero máis avanzado e ao cal foi conferida a misión de preparar o corpo que sería usado por Cristo a partir do momento do bautismo.

Outras perspectivas de Xesús [editar]

Bibliografía [editar]

Busto, J.R.: Cristología para empezar, Maliaño, 1991

Crossan J.D.: Jesús: vida de un campesino judío, Crítica, Barcelona, 1994

Crossan J.D.y Jonathan L. Reed: Jesús desenterrado, Crítica, Barcelona, 2001.

Gnilka J.: Jesús de Nazaret. Mensaje e Historia, Herder, Barcelona, 1995.

Jeremías J: Abba. El mensaje central del Nuevo Testamento, Salamanca, 1993.

Klausner, Joseph: Jesús de Nazaret. Su vida, su época, sus enseñanzas, Barcelona 2006.

Meier J.P.: Un judío marginal. Visión del Jesús histórico. Estella, 1998-2006.

Sanders E.P.: La figura histórica de Jesús. Estella, 2000.

Schillebeeckx E.: Jesús. La historia de un viviente, Trota, Madrid, 2002.

Schlosser, Jacques: Jesús, El Profeta de Galilea, Salmanca, 2005.

Torres Queiruga, A. Repensar a Cristoloxía. Ensaios cara un novo paradigma, Santiago de Compostela, 2001.

Theissen G. y Merz A.: El Jesús Histórico. Salamanca, 2000.

Vermes, G: La religión de Jesús el Judío. Madrid, 1995.

Wright, N. T: Christian origins and the question of God. Jesus and The Victory of God, Minneapolis, 1996.

Retratos dramáticos de Xesús [editar]

Un dos retratos máis dramáticos é o Santo Sudario e a crucificación feita polas obras de arte sacra e o actor que interpreta Cristo no filme a Paixón de Cristo.

Notas [editar]

  1. A existencia real da figura de Cristo é posta en dúbida por unha parte importante do historiadores.

Véxase tamén [editar]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre:

Bibliografía [editar]

Outros artigos [editar]

Ligazóns externas [editar]