Mosteiro de San Salvador de Oña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mosteiro de San Salvador de Oña
Ben de Interese Cultural
Coordenadas42°44′01″N 3°24′47″O / 42.733611111111, -3.4130555555556Coordenadas: 42°44′01″N 3°24′47″O / 42.733611111111, -3.4130555555556
Declaración3 de xuño de 1931
CategoríaMonumento (R.I.) - 51 - 0000462
CódigoRI-51-0000462
ConstruciónSéculo XI -
EstiloIgrexa e cadeirado: Gótico
Fachada e Retablo principal: Barroco

O mosteiro de San Salvador de Oña atópase situado na vila de Oña, (provincia de Burgos, na comunidade autónoma de Castela e León, España). Foi fundado en 1011 polo conde de Castela Sancho García, neto do Conde Fernán González, para a súa filla Tigridia, como mosteiro dúplice, con monxas de San Juan de Cillaperlata, e monxes de San Salvador de Loberuela.

Por escritura outorgada o 30 de xuño de 1033 polo rei Sancho III o Maior de Pamplona e a súa esposa Munia de Castela, o mosteiro pasou a depender só dos monxes do Cluny. Chegan a estar baixo a súa xurisdición máis de setenta mosteiros e igrexas do norte de Burgos, Cantabria e o val do Pisuerga palentino.

A partir de 1506, intégrase na Congregación Beneditina de Valladolid. A invasión francesa primeiro e a desamortización de Mendizábal causaron estragos e abandono do cenobio por parte da Orde de San Bieito.

O beneditino frei Ponce de León no século XVI instaurou no mosteiro a primeira escola de xordomudos do mundo.[1] A partir de 1835 a igrexa convértese en parroquia da localidade, as dependencias monacais son restauradas e ocupadas de novo en 1880, adquiridas por xesuítas. Posteriormente a Compañía de Xesús permaneceu alí até 1967 en que proceden a asinar a súa venda por 24 millóns de pesetas á Deputación Provincial de Burgos, que converte o complexo monástico en hospital psiquiátrico e granxa agrícola.[2]

En 2012 celebrouse no mosteiro a décimo sétima exposición das Idades do Home baixo o título de Monacatus. Desde 2013 celébrase de xullo a decembro a exposición de arte contemporánea El jardín Secreto na portaría e os xardíns do mosteiro.

Descrición[editar | editar a fonte]

Da súa época de esplendor fican importantes restos arquitectónicos e ornamentais e extensa documentación, hoxe depositada no Arquivo Histórico Nacional.

Vista exterior da igrexa do Mosteiro de Oña.

O conxunto monástico estaba formado por unha serie de edificios distintos, entre os que destacan a igrexa, comezada a finais do século  con remodelacións góticas do XV, do mesmo xeito que a fachada, e o claustro coñecido como "patio gótico".

Tras a escada de acceso á Igrexa, están as estatuas sepulcrais do século XV. Despois da primeira cancela, a fachada mostra restos da orixinal construción románica, coma o pórtico e a xanela da esquerda.

No interior, destacan as pinturas flamengas primitivas atribuídas a Frei Alonso de Zamora, con diversas mostras heráldicas, repetidas no templo, que fan alusión aos condes fundadores, Sancho Garcés III de Pamplona, Sancho II de Castela, e un escudo coas armas dos Reis Católicos.

A porta gótico-mudéxar é un bo expoñente desta manifestación artística, e dá paso ao vestíbulo que acolle, no seu piso superior, o cadeirado do coro alto.

A igrexa, de 83 x 20 metros de planta e 20 de altura, foi reconstruída no século XV. Catro retablos posteriores (barrocos) franquean a entrada.

Pórtico adornado con estatuas de reis, ante o Mosteiro de Oña.

Despois do enreixado, no muro da dereita hai un fresco de pintura gótica datada nos principios do século XIV, no que se narra a vida de santa María de Exipto. A obra descubriuse por casualidade ao quedar á descuberto pintura polícroma durante unha reforma. En fronte, no lado do evanxeo, hai unha talla románica do Cristo de Santa Tigridia, do século XII.

Sobre o primitivo cruceiro románico levantouse, no século XIII, o actual, coroado por unha sinxela lanterna. Do antigo restan uns capiteis policromados. Neste espazo situouse no século XIII o órgano, recentemente restaurado pola Xunta de Castela e León.

Fronte ao citado órgano sitúase o retablo da Inmaculada, e restos do antigo retablo maior que presidiu a igrexa até o século XVIII.

A capela está coroada por unha bóveda estrelada de 400 m², construída por Fernando Díaz cara a 1460. No século XIII ábrese na súa fronte unha ábsida con obxecto de albergar o corpo de Santo Íñigo de Oña.

Ao redor da capela principal, está o cadeirado do coro de dobre piso, de estilo gótico tallada en madeira de nogueira por Frei Pedro de Valladolid, do século XV. A ambos os dous lados, e do mesmo autor, sobresae o panteón real e condal, de gótico-mudéxar.

O retablo maior é barroco, cun arco que dá paso á capela de Santo Íñigo decorada con pinturas de Francisco Bayeu, cuñado de Goya.

Sepulcro do abade san Íñigo

A sancristía de estilo herreriano do século XVIII, de grandes proporcións, garda tesouros parroquiais entre os que destaca a escultura sepulcral do bispo Pedro López de Mendoza, natural de Oña.

O claustro, obra de Simón de Colonia, foi construído no piso baixo no século XVI, e no século XVII o superior.

Claustro do mosteiro.

Completa o conxunto monumental a fachada renacentista barroca do mosteiro adornada coas estatuas de condes e reis fundadores e heráldica de catro reinos.

O Panteón Real e Condal do Mosteiro[editar | editar a fonte]

A igrexa e o claustro serviron de enterramento a diversos personaxes da realeza e da nobreza castelá, cuxos restos mortais descansan na actualidade en dous conxuntos compostos por arcas sepulcrais de madeira de nogueira tallada, cubertas por baldaquinos do mesmo material. Os sepulcros, a cuberta, e os muros decorados con sargas hispano-flamengas, representan escenas da Paixón e a Resurrección de Cristo. Argaiz atribúe a obra á época de Frei Juan Manso, abade do Mosteiro, que comezou o seu mandato polos anos de 1495. A bóveda da capela maior, unha estrela de oito puntas de 1450, é obra de Fernando Díaz de Presencio, seguindo as directrices de Juan de Colonia.

Frontal do sepulcro do rei Sancho II de Castela. Mosteiro de Oña.

Membros da realeza que recibiron sepultura no mosteiro de Oña:

- No lado do Evanxeo, baixo un baldaquino:

- No lado da Epístola, baixo un baldaquino:

Outras versións aseguran que o infante Henrique de Castela e Molina, foi sepultado no Mosteiro de San Ildefonso de Toro, hoxe en estado ruinoso, que fora fundado pola súa nai, María de Molina, mentres que o seu irmán o infante Felipe de Castela supónselle enterrado no Mosteiro de las Huelgas de Burgos, ou no Mosteiro das Donas de Santa Clara de Allariz, sendo este último no que o infante dispuxera ser sepulto.[4]

Xurisdición de Abadengo[editar | editar a fonte]

O Mosteiro de Beneditinos de San Salvador de Oña tivo xurisdición de abadengo sobre os seguintes lugares:[5]

  • O lugar de Rubena no partido de Burgos
  • No Meiriñado de Bureba as vilas de Piérnigas na cuadrilla de Rojas, e de Solduengo na cuadrilla de La Vid.
  • As seguintes vilas, pertencentes ó Meiriñado de Costa-Urria, no partido de Castela a Vella en Laredo: Arroyuelo, Barcina dos Montes, Cereceda, Cillaperlata, Mijangos, Palazuelos de Costa Urria, Prado la Mata, Penches, Tarlates de Cilla, Trespaderne, Urria e Villapanillo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Diario de Burgos, El Monasterio de Oña, será colonia de vagos y maleantes, 19 de xuño de 1936. Hemeroteca
  2. Diario de Burgos, La Diputación compra a los Jesuitas el Monasterio de Oña, 21 de decembro de 1967. Hemeroteca.
  3. Prada, María Encina: Estudio antropológico del Panteón Real de San Isidoro de León 1998 ProMonumenta, número II Relación de los reyes enterrados. Outra versión sostén que Fernando I o Magno, fillo de Sancho III o Maior, ordenou trasladar os restos do seu pai a San Isidoro de León
  4. Arco y Garay 1954, pp. 86 y 272.
  5. Durante o período comprendido entre 1785 e 1833, tal como consta no Censo de Floridablanca de 1787

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Arco y Garay, Ricardo del (1954). Sepulcros de la Casa Real de Castilla. Madrid: Instituto Jerónimo Zurita. Consejo Superior de Investigaciones Científicas. OCLC 11366237.
  • Elorza, Juan C.; Vaquero, Lourdes; Castillo, Belén; Negro, Marta (1990). Xunta de Castela e León. Consellería de Cultura e Benestar Social, ed. El Panteón Real de las Huelgas de Burgos. Los enterramientos de los reyes de León y de Castilla (2ª edición). Valladolid: Editorial Evergráficas S.A. ISBN 84-241-9999-5.
  • Gómez Barreda, Íñigo (1917). Oña y su Real Monasterio. Madrid: Editorial Maxtor. ISBN 84-9761-634-0. Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2010. Consultado o 24 de xaneiro de 2011.
  • Martínez Díez, Gonzalo (2004). El Condado de Castilla (711-1038). La historia frente a la leyenda. Valladolid: Xunta de Castela e León. ISBN 84-9718-275-8.
  • Puente, Ricardo (2005). Toro, Guía Artística y Monumental. León: Editorial Albanega. ISBN 84-933601-1-2.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]