Mongke

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mongke Khan

Mongke Khan, nado o 10 de xaneiro de 1209 e finado o 11 de agosto de 1259, sucedeu a Güyük como Gran Khan. Expandiu o Imperio Mongol cara ao sur, aliviando a presión sobre Europa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezos[editar | editar a fonte]

Comezou a súa experiencia militar seguindo ao seu tío Ögödei nas súas campañas contra a dinastía Chin. Logo foi enviado co exército que asolou Rusia, o Cáucaso e Crimea onde se distinguiu en varios episodios bélicos, como a captura de Bachman o máis formidable xefe de Kipchac, o sitio de Kiev e a batalla de Mohi.

Tras o breve reinado de Güyük, Batu, o dominador de Rusia e fillo do primoxénito de Genghis Khan, convocou un kurultai en Ala Qamaq, onde proclamou a Mongke Gran Khan. Este kurultai non foi recoñecido pola liña de Ögödei, que alegou terse celebrado fora das terras sagradas de Mongolia. Daquela Batu enviou a Mongke, protexido polo seu irmán Berke e o seu fillo Sartaq, a Kodoe Aral en Mongolia onde foi definitivamente entronizado o 1 de xullo de 1251.

Seguidamente, para atallar determinados complots contra a súa soberanía, organizou unha purga de parentes e aristócratas ao longo de todos os seus dominios. A propia viuva de Güyük, Oghul, foi espida, torturada e executada guindándoa nun saco ao río. Así mesmo, para acadar lexitimidade proclamou retroactivamente ao seu pai Tolui Gran Khan.

Goberno[editar | editar a fonte]

Mongke impuxo medidas de austeridade á aristocracia, e realizou unha reforma fiscal gravando con taxas aos mercadores, outorgou un salario regular aos príncipes para evitar os dispendios, e prohibiu as extorsións dos exércitos contra a poboación civil, chegando a amoestar por iso ao seu propio fillo. Estableceu un Departamento de asuntos monetarios para controlar a inflación e o valor da moeda en circulación. Organizou, ademais, a elaboración dun colosal censo dende Rusia ata China, incluíndo Persia, Afganistán, Xeorxia e Armenia.

A presión fiscal sobre os seus vasalos provocou diversas rebelións. Alexandre Nevski forzou a Novgorod ao pagamento de impostos, importantes exércitos mongois esmagaron os levantamentos do rei Davide Narin en Xeorxia, do sultán selxúcida Kaikaus II, e dos súbditos de Cachemira.

Practicou a tolerancia relixiosa. Trala conquista do Tibet, os monxes budistas foron eximidos de pagar impostos equiparándoos a todos os clérigos do imperio. Mediou entre taoístas e budistas, inclinándose por estes últimos. Recibiu ao embaixador de Luis IX de Francia William Rubruk quen lle animou a converterse ao cristianismo. Igualmente o fixo na súa visita de pleitesía o rei da pequena Armenia (Cilicia) Hethum I, pero el contestou que non quería obrigar aos seus súbditos a cambiar de relixión. Prometeulle entregar Xerusalén aos cristiáns, o que propiciou que Bohemundo VI, príncipe de Antioquía e Conde de Trípoli, lle rendera vasalaxe. Estes estados cristiáns axudarían aos mongois na conquista de Siria.

Operacións militares[editar | editar a fonte]

Tras derrotar a Corea, as súas operacións militares concentráronse no sur onde realizou importantes avances no sur de China, na interminable guerra contra a dinastía Song. Ordenou ao seu irmán Khublai Khan conquistar o reino de Dali, ao Leste e tentou abrir unha rota a través de Vietnam co fin de atacar o China tamén polo flanco sur. A negativa do emperador vietnamita supuxo a devastación do seu país ata a súa rendición. Vietnam ficou como un Estado tributario e vasalo. Fíxose tamén co Tibet que foi repartido entre os príncipes mongois. Enviou tamén exércitos á India onde terciou entre familias reais rivais do Sultanato de Deli, impoñendo pola forza a Jalal al-Din como un monarca cliente.

Pola súa parte, o seu irmán Hulagu Khan movíase por Persia con grande autonomía. Mongke, autorizoulle a destrución da seita guerreira dos asasinos, e ordenoulle que se o Califa do Imperio Abásida non ía en persoa a lle render homenaxe, atacase Bagdad. A negativa provocou unha das accións de guerra máis espectaculares dos exércitos mongois. Mongke ordenou que un de cada dez soldados do imperio acudisen a engrosar as tropas de Hulagu, quen destruíu Bagdad e todo o Califato Abasida, tomou Damasco e Aleppo e acadou as costas do Mediterráneo.

Entrementres, no sur de China a guerra cos Song continuaba. Mongke deixou ao seu irmán Ariq Böke a administración do Karakorum e, imitando a Genghis Khan, púxose persoalmente ao fronte do seu exército tomando multitude de cidades e fortificacións. No sitio de Chongqing encontraría a morte. Unhas crónicas din que morreu de cólera, outras que de disentería e finalmente algunhas afirman que foi alcanzado por unha frecha-