Güyük

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Kuyuk.

Güyük Khan. Nado en 1206 e finado en 1248, fillo e sucesor de Ögödei e neto de Genghis Khan.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

En 1233 conquistou o reino de Dongxia limítrofe con Corea. Participou na gran invasión do Leste e Centroeuropa dirixida polo xeneral Subotai onde se enemistou con Batu Khan, fillo de Jochi, o primoxénito de Genghis Khan. Trala rexencia da súa nai, Törgene Khatun, durante cinco anos e contra os desexos do seu pai, e unha vez neutralizada a manobra militar do irmán pequeno de Genghis Khan, Temuge, foi elixido e entronizado por un multitudinario kurultai o 24 de agosto de 1246. Asistiron príncipes europeos, armenios, xeorxianos, representantes dos selxúcidas, e do propio Califa de Bagdad; pero faltou seu curmán Batu, que estaba consolidando un enorme poder territorial con gran autonomía nas estepas rusas coa súa Horda de Ouro. Nese kurultai estivo tamén o franciscano Xoán de Plano Carpini como embaixador do papa Inocencio IV. Este embaixador solicitoulle que detivese os ataques contra Europa e os reinos cristiáns.

Aumentou os impostos, executou a altos oficiais do anterior goberno que lle resultaron sospeitosos, expresou aos embaixadores europeos as súas pretensións de dominio mundial, autorizou operacións de saqueo en Corea e puña e quitaba reis en reinos como o de Xeorxia, que acabou dividindo, e no Sultanato de Rum. Rodeouse para os labores de goberno de cristiáns nestorianos. Organizou un gran censo nos seus dominios e fixo do reino armenio de Cilicia o seu vasalo.

Resolto a recompoñer a unidade do imperio do seu pai co fin de dominar Europa e preparar un gran ataque mortal ao Imperio Abasida, chamou ao seu encontro a Batu. Este foi advertido de que podía caer nunha trampa, polo que se achegou a Asia central co seu grande exército. Güyük fixo o propio e marchou ao seu encontro. Cando o gran choque parecía inevitable, Güyük morreu en circunstancias pouco claras, parece ser que dunha chea.

Batu conseguiu impoñer ao seu candidato Mongke, fillo de Tolui.