Batu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batuhan.JPG

Batu Khan nado en 1205 e finado en 1255 foi un carismático líder mongol, fillo do primoxénito de Genghis Khan, Jochi, e fundador da Horda de Ouro, o subkhanato máis occidental do Imperio mongol.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

Tras o pasamento de Genghis Khan, o seu irmán maior Orda, fundador da Horda Branca gobernou entre o río Volga e o lago Balkash, entrementres o propio Batu ficaba co control nas terras ao oeste do Volga e quedaba como líder da dinastía de Jochi. O apoio de Batu á campaña do novo Gran Khan Ögödei contra a dinastía Ching, na China, fixo que este entregara terras á súa familia nestes lugares de Asia. Batu dirixiu tamén a conquista de Crimea.

Invasión de Europa[editar | editar a fonte]

Ögödei púxoo ao fronte de 130.000 homes para a invasión de Europa e chegar ao Atlántico. Baixo as súas ordes colocaba ao famoso xeneral de Genghis Khan, Subotai. En 1236 someteu aos búlgaros do Volga, dos Kipchaks e os alanos. Seguidamente arrasou as cidades de Ryazán, Kolomma e Moscova. En só tres días caeu Vladimir, a capital do rei Yuri II, que foi completamente destruída. Tras a batalla do río Sit xa non quedou nada do exército de Yuri. As cidades rusas foron caendo unha por unha. Smolensko e Novgorod adiantáronse a someterse comprometéndose a pagar a Batu os correspondentes tributos.

Tras estas vitorias, o fillo de Ögödei, Güyük, puxo en cuestión o liderado de Batu tras ofendelo nun banquete. Ögödei amoestouno duramente chamándoo a Mongolia e obrigándoo a retornar con Batu disciplinadamente.

Batu enviou espías a Hungría, Austria e Polonia co fin de preparar o ataque ao corazón de Europa. Decidiu avanzar protexendo os flancos penetrando en Europa central en tres grupos. O primeiro esmagou as forzas combinadas do Henrique o piadoso e o Gran Mestre da Orde Teutónica en Legnica. Un segundo grupo cruzou os Cárpatos, e un terceiro seguiu a ribeira do Danubio. Güyük avanzou triunfalmente por Transilvania, ao tempo que Bujk se lanzaba sobre o río Sajo e infrinxía unha contundente derrota ao rei Bela IV] e os seus aliados na batalla de Mohi. Bela fuxía a Croacia perseguido por Khadan. Batu ordenaba xa acuñar moeda en Hungría e asignaba o país de Bela a Orda. Ao pouco tempo escribía ao emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, Federico II, instándolle a que renunciase ao seu trono. Só a morte de Ögödei en 1241 salvou á Cristiandade occidental.

Relacións co Gran Khan Güyük[editar | editar a fonte]

O seu gran carisma e virtual independencia non foi suficiente para ser elixido polo kurultai, que tardou en optar por Güyük como Gran Khan.

Batu estableceu a súa capital en Sarai e dende alí gobernaba sobre os príncipes rusos aos que esixía unha fidelidade persoal. Pretendeu tamén dirixir a política en Xeorxia a prol de David Narin, pero o Gran Khan Güyük interferiu e impuxo como soberano ao liberado do poder dos turcos David Ulu. Güyük quixo poñer de manifesto a súa superior autoridade; recibiu a Alexandre Nevski e púxoo ao fronte do sur de Rusia e a André II confirmoulle o trono de Vladimir-Suzdal.

Por fin Güyük chamou a Batu a Mongolia. Advertido este pola viúva de Tolui, Sorghaghtani Beki, de que podía ser unha trampa, dirixiuse a Mongolia co seu poderoso e temido exército. Güyük saíu ao seu encontro facendo o propio. Cando o choque parecía inevitable, Güyük faleceu en circunstancias pouco claras.

Apoxeo[editar | editar a fonte]

Batu convocou un kurultai nos seus extensos dominios e, co fin de desprazar a dinastía de Ögödei, propuxo a Mongke. As familias de Ögödei e de Chagatai alegaron que o kurultai non era válido por celebrarse lonxe das sacras terras de Mongolia. Daquela Batu mandou a Mongke co seu fillo Sartaq e o seu irmán Berke a Kodoe Aral onde foi recoñecido definitivamente como Gran Khan no ano 1251.

Estas e outras incidencias animaron á rebelión aos príncipes rusos dirixidos por André II. Batu reaccionou ordenando unha dura expedición punitiva mediante a que recuperou o control dos seus estados.

O seu prestixio como o gran sustentador do Gran Khan conferiulle un enorme grao de independencia aínda que non opuxo dificultades para a confección do gran censo que Mongke ordenou facer en todo o Imperio. Cando se iniciaban os preparativos dunha nova invasión de Europa faleceu deixando ao seu fillo Sartaq o goberno do subkhanato.