Javier Marías
| Javier Marías | |
|---|---|
| Javier Marías na Feira do Libro de Madrid, 31 de maio de 2008. | |
| Nacemento: | 20 de setembro de 1951 (61 anos) Madrid |
| Lingua: | Español |
| Xénero(s): | Narrativa, ensaio |
| Nota(s): | javiermarias.es |
Javier Marías, nado en Madrid o 20 de setembro de 1951, é un escritor, tradutor e editor español, membro da Real Academia Española. É considerado un dos novelistas máis relevantes da literatura española contemporánea.
Índice |
Biografía[editar]
Fillo do filósofo Julián Marías, pasou parte da súa infancia xunto coa súa familia en Estados Unidos, xa que ó seu pai, encarcerado e represaliado por ser republicano, prohibiuselle impartir clases na Universidade española. Recibiu unha sólida educación liberal no Colexio Estudio, herdeiro da Institución Libre de Enseñanza. Licenciouse en Filosofía e Letras (sección de Filoloxía Inglesa) pola Universidade Complutense de Madrid.
Sobriño e curmán, respectivamente, dos cineastas Jess e Ricardo Franco, colaborou con eles na súa xuventude traducindo ou escribindo guións, e mesmo aparecendo como extra nalgunha longametraxe.
En 1970 escribiu a súa primeira novela, Los dominios del lobo, que sería publicada ó ano seguinte. Entre a escritura da obra e a súa publicación, coñeceu ó escritor Juan Benet moi importante na súa vida persoal e literaria.
En 1972 publicou a súa segunda novela, Travesía del horizonte, e en 1978 a terceira, El monarca del tiempo. Ese mesmo ano apareceu a súa tradución da novela de Laurence Sterne: "La vida y opiniones del caballero Tristram Shandy", pola que lle foi concedido o ano seguinte o Premio Nacional de Tradución. En 1983 publicou a súa cuarta novela, El siglo.
Entre 1983 e 1985 impartiu clases de Literatura Española e Teoría da Tradución na Universidade de Oxford. En 1984 faríao no Wellesley College en Boston e entre 1987 e 1992 na Universidade Complutense de Madrid.
En 1986 publicou a novela El hombre sentimental e, en 1988, Todas las almas. Esta última, aínda que obra de ficción, narra a historia dun profesor español que imparte clases en Oxford, o que deu lugar a algún equívoco ó ser identificado de forma errónea o narrador co autor.
En 1990 publicouse a súa primeira recompilación de relatos breves, Mientras ellas duermen e en 1991 a súa primeira recompilación de artigos a súa obra publicada en prensa e revistas.
A novela Corazón tan blanco (1992) tivo un grande éxito tanto de público coma de crítica, e significou a súa definitiva consagración como escritor. Foi traducida a decenas de linguas, e o crítico alemán Marcel Reich-Ranicki, auténtico gurú literario no seu país, mencionou a Marías coma un dos máis importantes autores vivos de todo o mundo. Á súa seguinte novela, publicada en 1994, Mañana en la batalla piensa en mí (título tomado dun verso de Shakespeare, ó igual que Corazón tan blanco), chovéronlle os premios en Europa e América.
En 1998 apareceu Negra espalda del tiempo, novela na que Javier Marías detalla os cruces entre ficción e vida real producidos pola falsa interpretación de Todas las almas como un roman à clef. É tamén nesta obra onde se conta a historia do "lendario, real e ficticio" Reino de Redonda, do que Marías se acababa de converter en soberano, co nome de Xavier I, trala abdicación de Jon Wynne-Tyson. Con evidente tono lúdico, Marías (pese ó seu republicanismo confeso) aceptou o título co obxecto de defender o legado literario do Reino, nomeou unha corte formada por personaxes da cultura nacional e internacional e convocou un premio anual. No ano 2000 creou a editorial Reino de Redonda.
En 2002 comezou a publicar a que podería cualificarse coma a súa novela máis ambiciosa, Tu rostro mañana. Aínda que de lectura independente, continúa con algúns dos personaxes (en particular, o narrador) de Todas las almas. Debido á súa extensión, o autor tiña previsto publicala en dous tomos, aínda que serán tres como mínimo, xa que tras os dous primeiros (Fiebre y lanza, 2002 e Baile y sueño, 2004) está aínda inconclusa.
En 2006 foi elixido membro da Real Academia Española de la Lengua, na que, tras ler o seu discurso de ingreso, ocupará a cadeira R, vacante trala morte de Fernando Lázaro Carreter. Anteriormente declinara pertencer á institución porque o seu pai xa ocupaba unha praza.
É considerado un dos escritores vivos máis relevantes en lingua española. As súas Corazón tan blanco e Mañana en la batalla piensa en mí foron catalogadas por moitos entre os clásicos da literatura castelá case desde a súa publicación. O seu labor como articulista foi moi influente tanto en España como en América Latina e apareceu en medios moi relevantes coma os xornais españois El País, El Semanal (ó que renunciou despois de ser censurado) e a revista mexicana Letras Libres.
Ademais (exclusivamente en termos literarios) é rei de Redonda baixo o nome de King Javier I (a historia do nomeamento aparece en Negra espalda del tiempo). Coa súa investidura outorgou títulos nobiliarios (ficticios) a unha grande cantidade de personaxes das artes e las letras, entre eles Pedro Almodóvar, Arturo Pérez-Reverte, Francis Ford Coppola e John Maxwell Coetzee.
Malia o seu éxito de crítica e público (ou quizais a causa disto), a Marías non lle faltan detractores. A nivel literario, algúns considérano pouco español e estranxeirizante. Outros, un tanto sobrevaluado. Ademais, foron públicas as súas diferenzas e enfrontamentos, entre outros, con Jorge Herralde (editor de Anagrama, na que Javier Marías publicou algunha das súas primeiras obras), Elías e Gracia Querejeta, pola adaptación cinematográfica de Todas las almas, co suplemento de prensa El Semanal, que se negou a publicar un dos seus artigos, ou coa Asociación de Víctimas do Terrorismo, a raíz da publicación do artigo Un país demasiado anómalo.
Obras[editar]
Novelas[editar]
- Los dominios del lobo (1971).
- Travesía del horizonte (1972).
- El monarca del tiempo (1978).
- El siglo (1983).
- El hombre sentimental (1986).
- Todas las almas (1989).
- Corazón tan blanco (1992).
- Mañana en la batalla piensa en mí (1994).
- Negra espalda del tiempo (1998).
- Tu rostro mañana (2002 - 2007):
Relatos[editar]
- Mientras ellas duermen (1990; edición ampliada en 2000).
- Cuando fui mortal (1996).
- Mala índole (1998).
Coleccións de artigos[editar]
- Pasiones pasadas (1991).
- Literatura y fantama (1993; edición ampliada en 2001).
- Vida del fantasma (1995; edición ampliada en 2001).
- Mano de sombra (1997).
- Seré amado cuando falte (1999).
- Salvajes y sentimentales (2000).
- A veces un caballero (2001).
- Harán de mí un criminal (2003).
- El oficio de oír llover (2005).
- Donde todo ha sucedido: al salir del cine (2005).
- Demasiada nieve alrededor (2007).
Traducións[editar]
Obras (excluídos artigos) traducidas por Javier Marías:
- El brazo marchito y otros relatos de Thomas Hardy (1974).
- La vida y las opiniones del caballero Tristram Shandy. Los sermones de Mr. Yorick de Laurence Sterne (1978).
- De vuelta del mar de Robert Louis Stevenson (1980).
- El espejo del mar de Joseph Conrad (1981).
- Ehrengard de Isak Dinesen (1984).
- El crepúsculo celta de William Butler Yeats (1985).
- Religio Medici. Hydriotaphia de Thomas Browne (1986).
- Autorretrato en espejo convexo de John Ashbery (1990).
- Un poema no escrito de W. H. Auden (1996).
- Notas para una ficción suprema de Wallace Stevens (1996).
- Si yo amaneciera otra vez de William Faulkner (1997).
- Desde que te vi morir de Vladimir Nabokov (1999).
Outros[editar]
- Vidas escritas (1992).
- El hombre que parecía no querer nada (1996).
- Miramientos (1997).
- Si yo amaneciera otra vez (1997).
- Desde que te vi morir (1999).
Si yo amaneciera otra vez e Desde que te vi morir inclúen traducións de poemas de, respectivamente, Faulkner e Nabokov e ensaios de Javier Marías, polo que se incluíron en dúas categorías.
Galardóns[editar]
- Premio Nacional de Traducción por La vida y las opiniones del caballero Tristram Shandy (1979).
- Premio Herralde de Novela por El hombre sentimental (1986).
- Premio Cidade de Barcelona por Todas las almas (1989).
- Premio da Crítica por Corazón tan blanco (1993).
- Prix L'Œil et la Lettre por Corazón tan blanco (1993).
- Premio Rómulo Galegos por Mañana en la batalla piensa en mí (1995).
- Premio Fastenrath (Real Academia Española de la Lengua) por Mañana en la batalla piensa en mí (1995).
- Prix Femina Étranger (Francia) á mellor novela estranxeira por Mañana en la batalla piensa en mí (1996).
- Premio Nelly Sachs (Dortmund) polo conxunto da súa obra (1997).
- IMPAC International Dublin Literary Award (Trinity College de Dublín) por Corazón tan blanco (1997).
- Premio Letterario Internazionale Mondello-Città di Palermo por Mañana en la batalla piensa en mí (1998).
- Premio Comunidade de Madrid á creación artística polo conxunto da súa obra (1998).
- Premio Internazionale Ennio Flaiano por El hombre sentimental (2000).
- Premio Grinzane Cavour (Turín) por el conjunto de su obra (2000).
- Premio Internacional Alberto Moravia de narrativa estranxeira (Roma) polo conxunto da súa obra (2000).
- Premio Nacional de Periodismo Miguel Delibes polo artigo El oficio de oír llover (2003).
- Premio Salambó ó mellor libro de narrativa por Tu rostro mañana, 1: Fiebre y lanza (2003).