Friedrich Gerhard Rohlfs

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Friedrich Gerhard Rohlfs.

Friedrich Gerhard Rohlfs, nado en Vegesack (Bremen) o 14 de abril de 1831 e finado en Bonn o 3 de xuño de 1896, foi un xeógrafo e explorador alemán que se converteu no primeiro europeo que logrou cruzar África dende o Mediterráneo até o Golfo de Guinea, pero sen conseguir entrar no panteón dos grandes descubridores do continente africano porque as rutas que percorreu xa foran trazadas anteriormente por outros exploradores europeos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Os inicios[editar | editar a fonte]

Nace en Vegesack, un pequeno porto preto de Bremen. É o terceiro fillo dun doutor en medicina, quen confía a súa educación a titores privados. Non sobresae pola súa aplicación e tan só mostra interese pola historia, a xeografía e as linguas. Con 15 anos comeza a estudar nunha escola, pero os resultados non son máis positivos. Deixa a escola e fuxe ó mar, pero os seus pais alcánzano en Amsterdam (Países Baixos). Como tampouco un segundo período de formación deu mellores resultados, Rohlfs abandona definitivamente os estudos e ingresa no exército de Prusia. Aínda que se ve na obriga de deixar o exército, o seu interese polo militar acompañarao toda a súa vida. O seu desexo de estudar Medicina é un fracaso. Frecuenta varias Universidades, mais case non pisa as aulas e a súa preparación será moi elemental.

Cirurxián[editar | editar a fonte]

O seu carácter emprendedor levoulle a viaxar a Europa central e mediterránea. Primeiro alístase no exército austríaco, pero deserta pouco tempo despois e, atravesando Suíza e Italia, chega a Francia, onde entra a formar parte da Lexión Estranxeira. En 1855 pasa a Alxeria, onde aprende o árabe e se familiariza cos seus costumes.

Fóra xa da Lexión, Rohlfs trasládase a Marrocos en 1861, coa intención de traballar como cirurxián. Disfrazado de árabe e grazas ós seus coñecementos en medicina, granxéase a amizade do gran "xerife", considerado a testa da irmandade musulmá, quen exercía unha grande influencia na maior parte do noroeste de África. Poucos meses de traballo son suficientes para comprender que non pode facer fortuna traballando como médico. Aínda que se esforza por aprender tódolos costumes musulmáns, Rojlfs sente que o espían e que sospeitan del. Abandona o seu oficio de cirurxián e obtén o permiso para viaxar libremente, decidindo preparar unha gran viaxe de exploración a través do Sáhara marroquí.

Graves dificultades[editar | editar a fonte]

Perfecciona os seus coñecementos da lingua e os costumes árabes e na primavera de 1862 diríxese até chegar a Agadir e visitar Marrakech. Rematadas as súas provisións de quinina, sofre un violento ataque de malaria, mentres que os seus guías lle rouban case todas as súas provisións.

Dende Agadir viaxa cunha caravana de mercadores até Tafilat. Días máis tarde os guías déixanlle ferido e medio morto, despois de roubarlle os cartos. Dous días despois, dous homes que pasan por aquel lugar, atópano e condúceno a un oasis. Alí permanece durante case dous meses até que unha vez recuperado pode proseguir o seu camiño. Diríxese de novo cara o deserto. Confía en chegar ó oasis de Tuat, que non fora visitado nunca por ningún europeo, e chegar a Tombuctú, atravesando o deserto, Pretende conservar a súa identidade musulmá pero unhas cartas que chegan de Europa revelan a súa verdadeira identidade polo que se ve na obriga de volver a Orán, para comezar unha nova viaxe dende Tánxer.

A través do deserto[editar | editar a fonte]

Emprende a súa segunda viaxe en marzo de 1864. A viaxe, que dura un ano, realízao con caravanas de mercadores ou peregrinos, pero ás veces marcha só, en compañía dun servo. Pasando a través de Tafilalt chega ó oasis Tuat. Ante a imposibilidade de ir a Tombuctú, ó inicio de 1865 volta a Alemaña, despois de ter pasado por Ghadames e Trípoli. O frío intenso do inverno afecta á súa saúde e desexa regresar canto antes a África. En febreiro xa está en camiño.

A nova expedición, que sae de Trípoli en maio, está composta de cinco servos e seis camelos e chega sen incidentes a Ghadames. A finais de agosto deixa Ghadames e regresa a Mizdah, e dende alí marcha cara o sur, dirixíndose a Murzuk. O 25 de marzo de 1866 sae de Murzuk e, pasando por Kuka, chega até Lokoja. Seguindo o curso do rio Níxer, alcanza a costa de Lagos en 1867.

Honores e medallas[editar | editar a fonte]

Ó seu regreso a Europa, Rohlfs é recibido con grandes honores polo rei de Prusia e o chanceler Otto Von Bismarck. As sociedades xeográficas noméano membro honorario e concédenlle medallas. Rohlfs fora o primeiro europeo en cruzar África dende o Mediterráneo até o Golfo de Guinea.

En 1868 acompaña á expedición inglesa que dirixiu Robert Napier a Magdala, en Abisinia, para rescatar aos europeos que foran feitos prisioneiros polo emperador Teodros. No verán de de 1868, está de volta en Europa, pero poucos meses despois atópase en Trípoli. De novo en Europa, dedícase a pronunciar conferencias. Coñece a Lony Behrens, unha moza de 18 anos, con quen casa. As súas actividades como publicista e conferenciante permítenlle vivir acomodadamente.

Derradeiras expedicións[editar | editar a fonte]

Rohlfs estaba disposto a explorar o deserto libio. A caravana que emprende esta expedición é a máis numerosa e a mellor equipada de todas, composta por 95 persoas e 105 camelos. Pero ningún dos europeos tiña estado antes en África, e ningún deles, naturalmente, sabía árabe. Non sendo posible atravesar o gran deserto de area, diríxese cara o norte e chega a Siwa en febreiro de 1874. Todos consideran que a expedición foi un fracaso. A súa maior viaxe ten como obxectivo explorar todo o interior do África setentrional, abarcando a extensa rexión comprendida entre o Mediterráneo, o lago Chad e o Nilo. Os preparativos para esta viaxe téñeno ocupado gran parte do ano 1878. Os carros que preparou para cruzar o deserto non serven e ten que abandonalos. Ó chegar ó oasis de Kufra, Rohlfs é feito prisioneiro pero logra escapar. A súa expedición queda destruída.

Diplomático e escritor[editar | editar a fonte]

Volta a Europa. Viaxa a Abisinia, en 1880, para levar unha carta do emperador alemán ao Negus Yohannes. En 1885 é nomeado cónsul xeral de Alemaña en Zanzíbar, mais volta pronto a Europa e reside en Godesberg am Rhein, Bonn, dende 1890, onde morre.

Rohlfs pertenceu a moitas sociedades científicas e obtivo a medalla de ouro da Sociedade Xeográfica de Londres. Os seus prexuízos impedíronlle comprender e describir aos pobos musulmáns do Norte de África. Pero se Rohlfs non sobresaíu como xeógrafo, etnógrafo ou diplomático, distinguiuse como un escritor incansable e un publicista de éxito, que contribuíu cos seus artigos a formar a opinión dos alemáns respecto a África.