Edward Hopper

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Autorretrato de Edward Hopper

Edward Hopper, nado en Nyack o 22 de xullo de 1882 e finado en Nova York o 15 de maio de 1967, foi un famoso pintor estadounidense, célebre sobre todo polos seus retratos da soidade na vida norteamericana contemporánea.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Os Comezos[editar | editar a fonte]

Nado en Nyack, unha pequena cidade á beira do río Hudson no seo dunha familia culta e burguesa, de orixe inglesa e holandesa. No 1900 Hopper entra na New York School of Art. Nese instituto coincidirá con outros futuros protagonistas do arte americano de principios dos años 1950: Guy Pène du Bois, Rockwell Kent, Eugene Speicher e George Bellows.

Con todo, os contactos que resultarán fundamentais para a súa formación e para o seu desenvolvemento como pintor serán tres dos profesores da escola: William Merrit Chase, que lle animou a estudar e a copiar o que vía nos museos; Kenneth H. Miller, que lle educou no gusto por unha pintura nítida e limpa, organizada nunha composición espacial ordenada; Robert Henri, que contribuíu a liberar a arte da época do peso das normas académicas, ofrecendo dese xeito un exemplo activo ó xoven Hopper.

Tras consegui-lo seu título, Hopper obtivo o seu primeiro traballo como ilustrador publicitario na C. Phillips & Company.

As viaxes ó estranxeiro[editar | editar a fonte]

Girl at Sewing Machine (1921), Edward Hopper

En 1906 viaxa a Europa por primeira vez, visitando París, onde experimentará cunha linguaxe formal próximo ó dos impresionistas, a súa segunda viaxe 1907 a Londres, Berlín e Bruxelas.

O estilo persoal e inconfundible de Hopper, formado por eleccións expresivas precisas, emerxe e fórmase en 1909, cando decide regresar a París durante seis meses, pintando en Saint-Gemain e Fontainebleau.

A súa pintura caracterízase por un peculiar e rebuscado xogo entre as luces e as sombras, pola descrición dos interiores, que aprende con Degas e que perfecciona na súa terceira e última viaxe ó estranxeiro, a París e a España, en 1910 e polo tema central da soidade.

Mentres en Europa consolidábase o fauvismo, o cubismo e a arte abstracta, Hopper síntese máis atraído por Manet, Pissarro, Monet, Sisley, Courbet, Daumier, Toulouse-Lautrec e por un pintor español anterior a tódolos anteriores: Goya.

O regreso ós Estados Unidos[editar | editar a fonte]

De regreso definitivo ós Estados Unidos, onde xa non sairá, Hopper abandona as nostalxias europeas que lle influíran ata entón e comeza a elaborar temas unidos á vida cotiá norteamericana, modelando o seu estilo á vida cotiá. Entre os temas que aborda hai sobre todo representacións de imaxes urbanas de Nova York e dos cantís e praias da próxima Nova Inglaterra.

No 1918 convértese nun dos primeiros integrantes do Whitney Studio Club, ó centro para os artistas independentes da época máis dinámica.

Entre 1915 e 1923 abandona temporalmente a pintura, adicándose a novas formas expresivas como o gravado, empregando a punta seca e a augaforte, cos que obterá numerosos premios e recoñecementos, incluso algún da prestixiosa National Academy.

O éxito[editar | editar a fonte]

O éxito conseguido cunha exposición de acuarelas (1923) e outra de lenzos (1924) fan de Hopper o autor de referencia dos realistas que pintaban escenas americanas.

A súa evocadora vocación artística evoluciona cara un forte realismo, que resulta ser a síntese da visión figurativa unida ó sentimento poético que Hopper percibe no seus obxectos.

Imaxes urbanas ou rurais, inmersas no silencio, nun espazo real e metafísico á vez, que comunica ó espectador un sentimento de alonxamento do tema e do ambiente no que está inmerso bastante forte. Hopper conseguiu isto por medio dunha esmerada composición xeométrica do lenzo, por un sofisticado xogo de luces, frías, cortantes e intencionadamente "artificiais", e por unha extraordinaria síntese dos detalles. A escena aparece case sempre deserta; no seus cadros case nunca se atopan máis dunha figura humana, e cando hai máis dun o que destaca é a alienación dos temas e a imposibilidade de comunicación resultante, que agudiza a soidade. Un exemplo deste tipo de obras é Nighthawks.

En 1933 o Museo de Arte Moderno de Nova York consagrou a primeira retrospectiva, e o Whitney Museum a segunda, no 1950.

Hopper morre o 15 de maio de 1967 no seu estudo neoiorquino, preto do Washington Square.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]