Caspar David Friedrich
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
| Esta páxina está sendo editada nestes intres. Para axudar a evitar posibles conflitos de edición, non edite esta páxina mentres esta mensaxe siga aparecendo. Se precisa saber quen está traballando nela revise o historial de edicións. (O tempo máximo de presenza deste marcador é dun mes; pasado ese tempo debe retirarse.) |
| Caspar David Friedrich | |
|---|---|
| Nacemento: | 5 de setembro de 1774 |
| Falecemento: | 7 de maio de 1840 (65) |
Caspar David Friedrich, (* 5 de setembro de 1774 en Greifswald; - 7 de maio de 1840 en Dresde), foi o principal representante da pintura romántica alemá, xunto a Philipp Otto Runge, sendo a máis destacada no ámbito do paisaxismo.
[editar] Biografía
[editar] Primeiros anos (1774-1800)
Caspar David Friedrich era o sexto dos nove fillos de Adolf Gottlieb Friedrich, un fabricante de velas e xabóns de Greifswald, e a súa dona Sophie Dorothea Friedrich, de solteira Bechly. Greifswald pertencía, con toda Nova Pomerania Anterior e dende a guerra dos trinta anos á coroa sueca. Ambos os proxenitores procedían da cidade de Neubrandenburg, actual Mecklemburgo-Pomerania Occidental, que Friedrich visitou en varias ocasións.
Foi educado segundo a relixión protestante da súa familia. Varios falecementos acontecidos na súa familia ao longo da súa infancia fixeron que a Friedrich lle abordase intensamente o tema da morte. Así, en 1781 morreu a súa nai; ao ano seguinte, a súa irmá Elisabeth de vexigas; en 1787 o seu irmán Johann Christoffer, afogado ao tentar salvar ao propio Caspar quen se afundira no xeo, o que lle conmoveu tanto pola súa curta idade, 7 anos, como por crerse culpable de tal suceso; e, finalmente, a súa irmá María en 1791 polo tifo.
Cara 1790, cando tiña 16 anos, e quizá xa en 1788, recibiu clases de Johann Gottfried Quistrop, profesor de Debuxo da Universidade de Greifswald, quen probablemente lle transferiu o seu entusiasmo pola paisaxe da súa terra natal.
Entre 1794 e 1798 estudou na Academia Real de Belas Artes de Copenhague, fundada en 1754 segundo o modelo francés e considerada por entón unha das Academias máis modernas. Alí foi alumno de Nicolai Abildgaard e, sobre todo, de August Lorentzen e Jens Juel, un dos pintores dinamarqueses máis importantes do século XVIII. Pintou baleirados de xeso de esculturas clásicas, formándose máis como debuxante que como pintor.
En 1798 regresou a Greifswald, renovando a súa amizade co poeta e patriota «demagogo» Ernst Moritz Arndt e, no outono do mesmo ano, trasladouse a Dresde, o centro do movemento romántico alemán, onde acabou de formarse.
En Dresde viviu como pintor e mantivo a súa residencia ata a súa morte. Frecuentou sobre todo ao pintor e deseñador Philipp Otto Runge, formado coma el na Academia de Copenhague e aos escritores e poetas Ludwig Tieck e Novalis, formando xunto a eles o centro literario-artístico do romanticismo alemán. Foi Friedrich un pintor-filósofo, que contaba entre as súas amizades non só con pintores (Runge, Dahl, Kersting, Kügelgen, Ferdinand Hartmann, e Louise Seidler), senón tamén con escultores (Christian Gottlieb Kühn), poetas (Tieck, Heinrich von Kleist), o filósofo e naturalista Gotthilf Heinrich Schubert.
En 1799 expuxo por primeira vez a súa obra, debuxos de paisaxes, na Academia de Belas Artes de Dresde.