Mauricio, emperador

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Solidus bizantino do reinado de Mauricio

Flavio Mauricio Tiberio Augusto ou Mauricio I (539 - novembro de 602) foi emperador de Bizancio de 582 a 602. Malia as súas excelentes calidades para o mando só puido diferir por un tempo a desintegración do grande imperio de Xustiniano I.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixinario da rexión de Capadocia, Mauricio foi nomeado sucesor por Tiberio II unha semana antes de morrer (segundo parece, envelenado por un prato de amoras).

Pouco logo da súa subida ao trono, interveu na guerra de sucesión que enfrontaba aos membros da dinastía sasánida en Persia. O rei Hormisdas foi deposto e asasinado nun golpe de estado en 590, e o seu fillo, o futuro Cosroes II refuxiouse en territorio bizantino. Mauricio prestoulle axuda militar para recuperar o trono, o que logrou ao ano seguinte. A cambio da axuda bizantina, Persia cedeu ao imperio a Armenia persa e a Mesopotamia oriental, ademais de asinar un tratado de paz que se mantería durante todo o goberno de Mauricio.

Con todo, os eslavos e os ávaros devastaron durante o seu reinado a rexión dos Balcáns, atacaron Tesalónica (en 584 e 586), e chegaron nas súas incursións ata o Peloponeso. Mauricio dirixiu contra eles varias campañas, que tiveron éxito, pero deixaron exhaustos os recursos do Imperio. No oeste, organizou os exarcados de Rávena e de Cartago para a mellor defensa dos dominios bizantinos en Italia e no norte de África. A importancia que concedía aos territorios de Occidente faise evidente no testamento que redactou en 597, ao sentirse gravemente doente, no que legaba o goberno de Constantinopla ao seu primoxénito, Teodosio, en tanto que Tiberio, o seu segundo fillo, recibía o dominio de Italia e as illas occidentais, con sé en Roma.

Durante o reinado de Mauricio, o Imperio debeu soster guerras case interminábeis en todas as fronteiras. A escaseza de fondos ocasionou varios levantamentos militares: xa en 588 tivo lugar unha rebelión en Oriente por mor da redución das racións militares, e en 599 12.000 soldados bizantinos prisioneiros foron executados polos ávaros ao negarse o emperador a pagar un rescate. En 602, cando ordenou que o exército dos Balcáns pasase o inverno alén do Danubio, produciuse unha rebelión que terminou co reinado de Mauricio. Os soldados amotinados avanzaron cara a Constantinopla baixo o mando dun dos seus centurións, Focas. Mauricio creu que varios dos membros da súa familia o traizoaran, e ordenou deter ao seu fillo, Teodosio, e ao seu sogro, Xermano. Teodosio foi azoutado publicamente, e Xermano refuxiouse en Santa Sofía. Entón producíronse revoltas na cidade, e Mauricio, xunto coa súa esposa e os seus oito fillos, cruzou o Mar de Mármara e refuxiouse en Nicomedia. O seu fillo Teodosio fuxiu a Persia, ou, polo menos, un personaxe que pretendía ser Teodosio refuxiouse na corte de Cosroes II, quen aproveitaría posteriormente a situación para declarar a guerra ao Imperio Bizantino. Cando as tropas de Focas entraron na capital, enviouse de inmediato unha forza en busca de Mauricio, e tanto el como os seus catro fillos menores foron sumariamente executados e decapitados.

É tamén coñecido por ser o autor do tratado militar Strategikon, en doce libros, baseado na súa experiencia militar e considerado como a única obra de importancia sobre armas combinadas anterior á Segunda Guerra Mundial. Segundo algúns autores, o tratado non é obra súa, senón dun dos seus xenerais.

O emperador Mauricio é venerado como santo na Igrexa Ortodoxa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Norwich, John Julius: Breve historia de Bizancio. Cátedra, 2000.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Mauricio


Imperio Bizantino

Segue a:
Tiberio II
Mauricio, emperador
Precede a:
Focas
Dinastía Xustiniana