Copa de Europa da EHCA 2022

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Copa de Europa da EHCA 2022, denominada oficialmente Golden Cup, será a primeira edición da Copa de Europa de hóckey a patíns organizada pola Asociación Europea de Clubs de Hóckey a Patíns (coñecida polas súas siglas en inglés "EHCA") de xeito paralelo á Liga Europea de hóckey a patíns 2021/22, organizada pola World Skate Europe, logo de que ambas organizacións non chegaran a un acordo sobre o formato da máxima competición continental de hóckey a patíns.

A competición celebrarase na cidade da Coruña do 11 e o 17 de abril de 2002, coincidindo co 50º aniversario do equipo local, o Liceo.

Organización da sede[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Aproveitando a disputa en Luso (Portugal) da final a catro da Liga Europea masculina 2020/21 durante os días 15 e 16 de maio, os representantes da Asociación Europea de Clubs de Hóckey a Patíns (coñecida polas súas siglas en inglés "EHCA") e dos comité de hóckey a patíns da World Skate mantiveron unha reunión para comezar a traballar conxuntamente na nova edición da máxima competición continental de hóckey a patíns, co obxectivo de mellorala e profesionalizala, así como darlle unha maior visibilidade á modalidade.[1]

Segundo os clubs da EHCA, a necesidade de modificar a Liga Europea obedecía á difícil situación económica do hóckey a patíns europeo, en palabras do portavoz da Asociación, Toni Miró:[2]

A nós cústanos cartos xogar en Europa. Gastamos nos desprazamentos mais non temos ningún ingreso.

— Toni Miró

Dous meses despois desta primeira reunión, durante a Asemblea Xeral da EHCA celebrada o 16 de xullo, os clubs membros da EHCA acordaron por unanimidade non inscribirse na Liga Europea 2021/22. Nun comunicado emitido o 26 de xullo sinalábase que logo de celebrarse varias reunións entre a asociación, o WSE-RH e o WSRH, o comité europeo de hóckey a patíns non se pronunciara sobre o recoñecemento da EHCA como coorganizador, como solicitara na derradeira reunión o 21 de xullo, nin dera a coñecer as características da nova edición da máxima competición do hóckey a patíns europeo. Neste punto semellaba que a EHCA organizaría a súa propia competición en setembro integrada polos clubs membros, así como aqueles que gañaran a súa participación por méritos deportivos.[3]

Con todo, as conversas continuaron e logo dunha reunión telemática celebrada o 29 de xullo, e na que participaron o Director de Sport Departmente de WS Francesco Zangarini, o Director de WS-RHTC e presidente de RFEP Carmelo Paniagua, o Director de WSE-RHTC Agostinho da Silva, o presidente da FPP, e o Presidente da EHCA Joao Nuno Araujo, a situación mudou. Todas as partes chegaron a un acordo sobre o modelo de competición para a Liga Europea 2021/22, na que participarían un máximo de 16 equipos en dous grupos de oito equipos cun formato de liga todos contra todos a dobre volta con partidos disputados os xoves, finalizando cunha final a oito na que participarían os catro mellores equipos de cada grupo. A inscrición de máis equipos na competición obrigaría a programar unha fase previa. A EHCA confiaba que o diálogo permitira chegar a un acordo definitivo para traballar conxuntamente na organización da máxima competición do hóckey a patíns continental.[4][5]

Lonxe de chegarse a unha solución, 48 horas despois de chegar a un acordo sobre o modelo de competición, WS Europe retractouse e mantivo o formato de catro grupos de catro equipos cada un a unha única volta. A EHCA anunciou o 9 de setembro que os seus integrantes, doce equipos en total,[a] só xogarían a Liga Europea baixo o sistema que acordaran as partes. A máxima competición do hóckey a patíns europeo encontrábase nunha situación similar á que viviu o baloncesto europeo cando a Euroleague organizou o seu propio torneo á marxe da FIBA.[5]

Finalmente ningún dos clubs membros da EHCA participou no sorteo da Liga Europea 2021/22.[6]

Elección da sede[editar | editar a fonte]

Logo da decisión de non participar na competición organizada pola WS Europe, os membros da EHCA comezaron a traballar para, en palabras de Toni Miró:

... procurar unha solución para os equipos ne quedamos fora de Europa esta tempada e para comezar a organizar a nova competición a partir do ano que vén.

— Toni Miró

O 14 de febreiro de 2022 anunciábase que a competición organzada pola EHCA tería lugar entre os días 11 e 17 de abril na cidade da Coruña, coincidindo co 50º aniversario do equipo local e membro da asociación, o HC Liceo. En palabras da alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey, A Coruña convertirase nese momento na "referencia do hóckey europeo".[7][8]

Logo de facer público o formato, os equipos e a sede da competición, a EHCA apresurouse a sinalar que a Golden Cup era un torneo "oficioso" que non entraba en conflito coa Federación Europea, ao mesmo tempo que sinalaba que os clubs membros estaban "totalmente abertos ao diálogo" e que "seguen comprometidos coa creación de competicións europeas inclusivas que fortalezan o hóckey a patíns".[9]

Na mesma semana da designación da Coruña como sede, o Liceo iniciou a venda de abonos para a competición. Os primeiros 500 abonos estiveron dispoñibles só para os 2 000 socios e os aproximadamente 5 000 abonados do club verde ata o 25 de febreiro, e posteriormente comezará a venda de abonos para o público xeral.[10]

Sede[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Pazo dos Deportes de Riazor.
A competición celebrarase integramente no Pazo dos Deportes de Riazor da Coruña.

Todos os partidos da fase de grupos e da fase final celebraranse no Pazo dos Deportes de Riazor, pavillón con capacidade para 4 425 espectadores e unha pista de xogo de parquet cunhas dimensións de 20 × 40 metros, e que é o fogar do principal equipo de hóckey a patíns da cidade herculina e de Galiza, o Hockey Club Liceo.[11][12] Por mor da pandemia de coronavirus a capacidade do pavillón viuse reducida inicialmente ao 75%, o que supón unhas 3 300 persoas, se ben dende o club herculino sinalábase que a capacidade podería aumentar dependendo a evolución da pandemia.[10]

A construción do pavillón comezou en novembro de 1968, precisamente cun partido de hóckey a patíns entre a selección española e un combinado de xogadores do resto do mundo, sobre unha superficie de 5.840 , baixo a dirección do arquitecto municipal Santiago Rey Pedreira[13][14] e foi remodelado en 2011 cun investimento de 2,4 millóns de euros.[15]

O recinto ten acollido en catro ocasións a Copa do Rei de hóckey a patíns,[16] e en tres ocasións competicións internacionais de seleccións absolutas de hóckey a patíns, logo de ter acollido dúas veces o Campionato do Mundo, en 1972 e 1988,[17] e unha vez o Campionato de Europa en 2018.[11]

Participantes e sistema de competición[editar | editar a fonte]

O torneo iniciarase cunha fase de grupos na que os 12 equipos serán encadrados en catro grupos de tres equipos cada un. Os dous mellores equipos de cada grupo clasificaranse para a segunda rolda, que se disputará en formato de final a oito, con cuartos de final, semifinais e final.[18][8]

A competición estará formada polos 12 equipos que conformaban no momento a EHCA:[7]

Equipo Cidade Adestrador
España HC Liceo A Coruña Juan Copa
España FC Barcelona Barcelona Edu Castro 
España Reus Deportiu Reus Jordi Garcia
España CH Caldes Caldes de Montbui Eduard Candami
España CE Noia Sant Sadurní d'Anoia Pere Varias
Portugal FC Porto Porto Edu Farrés
Portugal Sporting CP Lisboa Paulo Freitas
Portugal UD Oliveirense Oliveira de Azeméis
Portugal SL Benfica Lisboa Nuno Resende
Portugal Barcelos Barcelos
Italia Forte dei Marmi Forte dei Marmi
Francia SCRA Saint-Omer Saint-Omer

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nese momento a EHCA estaba integrada por cinco equipos da OK Liga (FC Barcelona, CH Caldes, HC Liceo, CE Noia e Reus Deportiu), cinco equipos portugueses (OC Barcelos, SL Benfica, UD Oliveirense, FC Porto e Sporting de Lisboa), o HC Forte dei Marmi italiano, e o SCRA Saint-Omer francés.[5]
Referencias
  1. "La EHCA y la WS empiezan a trabajar juntos en la nueva competición europea 2021-2022". Mundo Deportivo (en castelán). 16 de maio de 2021. Consultado o 5 de novembro de 2021. 
  2. "Crisis en el hockey patines: ha empezado la Champions sin Barça ni los otros grandes". Mundo Deportivo (en castelán). 25 de outubro de 2021. Consultado o 27 de xaneiro de 2022. 
  3. "Los clubes de la EHCA acuerdan no inscribirse en la Liga Europea 21/22" (en castelán). HC Liceo. 26 de xullo de 2021. Consultado o 5 de novembro de 2021. 
  4. "Los clubes de EHCA deciden inscribirse a la Liga Europea". Mundo Deportivo (en castelán). 18 de agosto de 2021. Consultado o 6 de novembro de 2021. 
  5. 5,0 5,1 5,2 "El Barça y los mejores clubs se desmarcan de la Liga Europea". Mundo Deportivo (en castelán). 10 de setembro de 2021. Consultado o 6 de novembro de 2021. 
  6. "El sorteo de la Liga Europea consuma la división del hockey continental". Mundo Deportivo (en castelán). 11 de setembro de 2021. Consultado o 27 de xaneiro de 2022. 
  7. 7,0 7,1 "A Coruña acogerá la Copa de Europa de hockey patines con clubes EHCA". Mundo Deportivo (en castelán). 14 de febreiro de 2022. Consultado o 23 de febreiro de 2022. 
  8. 8,0 8,1 "A Coruña acollerá a Golden Cup 50 aniversario Deportivo Liceo". HC Liceo. 14 de febreiro de 2022. Consultado o 23 de febreiro de 2022. 
  9. "La EHCA dice que el Golden Cup es un torneo "oficioso" y que no entra en conflicto con la Federación Europea". dxt (en castelán). 15 de febreiro de 2022. Consultado o 23 de febreiro de 2022. 
  10. 10,0 10,1 "A la venta a 50 euros los pases para la Golden Cup, primero para socios y abonados del Deportivo Liceo". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de febreiro de 2022. Consultado o 23 de febreiro de 2022. 
  11. 11,0 11,1 "A Coruña, sede del Campeonato de Europa" (en castelán). Real Federación Española de Patinaxe. 27 de febreiro de 2018. Consultado o 20 de xullo de 2018. 
  12. "#okcoruna: Informations, Meetings and Media" (en inglés). World Skate Europe. 11 de xullo de 2018. Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2018. Consultado o 21 de xullo de 2018. 
  13. "Corunha confirmada para o Europeu". hoqueipt.com (en portugués). 27 de febreiro de 2018. Consultado o 11 de agosto de 2018. 
  14. "Franco inauguró un Palacio de los Deportes en La Coruña". ABC (en castelán). 2 de agosto de 1970. p. 66. 
  15. "El Ayuntamiento ultima las obras del Palacio de Deportes de Riazor". La Opinión de A Coruña (en castelán). 16 de marzo de 2011. Consultado o 27 de xullo de 2018. 
  16. "A Coruña, sede de la próxima edición de la Copa del Rey y de la Reina" (en castelán). Real Federación Española de Patinaxe. 13 de novembro de 2019. Consultado o 23 de febreiro de 2022. 
  17. Varela, María (7 de febreiro de 2018). "A Coruña opta al Europeo". La Opinión (en castelán). Consultado o 15 de xullo de 2018. 
  18. "El Liceo competirá en casa frente a los otros once clubes de la EHCA". dxt (en castelán). 15 de febreiro de 2022. Consultado o 23 de febreiro de 2022.