Centro social okupado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Centro social okupado (CSO) ou centro social okupado autoxestionado (CSOA) son os nomes que reciben en varios países de Europa e América Latina os edificios ou locais okupados para a realización de diferentes tipos de actividades.[1] É máis frecuente entre os membros do movemento a denominación «movemento de centros sociais» que «movemento okupa», esta última espallada pola prensa.

CSOA Ca la Ramona en Cerdanyola del Vallès

A denominación «centro social» é a utilizada habitualmente en España, coas excepcións dos casos catalán e vasco. Ao parecer, a denominación foi importada de Italia, onde o movemento conta cunha longa historia. Porén, en España, os ateneos libertarios do primeiro terzo do século XX poden ser entendidos como o precedente histórico do movemento.

Nos lugares de fala catalá, a denominación «centro social» convive coa catalá «casal». Nas áreas euscaldunas utilízase «gaztetxe», literalmente, «casa da mocidade».

É común que o nome faga referencia, por exemplo, á rúa en que se sitúa (como Lavapiés 15, en Madrid) ou ao uso anterior do edificio (Fábrica Hamsa, en Barcelona). En Cataluña son frecuentes os nomes precedidos de «can» ou «ca n'», que significa «casa de», como Can Vies (Barcelona) ou Ca n'Anglada (Terrassa).

Actividades[editar | editar a fonte]

Os centros sociais okupados tentan satisfacer a necesidade de parte da mocidade de desenvolver alternativas ao lecer relacionado co consumo que se practica, por exemplo, en centros comerciais.

Neles desenvólvense obradoiros (música, pintura...), concertos (de balde ou moi baratos), comedores populares (normalmente vexetarianos ou veganos) ou faladoiros sobre diversos temas. Algunhas das actividades teñen o obxectivo de realizar colectas. Estas poden ser a prol do propio centro, ou ben en beneficio de persoas detidas ou multadas en manifestacións, presas políticas ou colectivos que o soliciten e se comprometan a organizar dita actividade.

Os edificios en que estabelecen estes espazos pertencen legalmente a persoas físicas ou xurídicas. Debido a isto, son moitos os desaloxos, sen incidentes ou violentos. Algúns desaloxos coñecidos son os de Euskal-Jai, en Pamplona, Kukutza, en Bilbao, ou Can Vies, en Barcelona.[2]

Espazos alternativos de actividades[editar | editar a fonte]

Ao redor dos centros sociais atópanse diversos tipos de grupos veciñais e movementos sociais. Frecuentemente se organizan mediante unha asemblea. Poden ser:

Algunhas destas formas de asociación buscan organizarse ao redor de centros sociais. Adoitan ser edificios, locais e mesmo aldeas abandonadas. Para tentar recuperar estes espazos, decláranse lugares de reunión popular. Neles pódense desenvolver iniciativas sen atención institucional, ou para as que se desexa abrir un sitio entre as rutinas das clases traballadoras.

Estas organizacións poden pór en marcha actividades tales como:

Edificio do desaparecido @Info/Shop, no Carrer del Perill en Barcelona

Autoxestión[editar | editar a fonte]

Búscase sempre deseñar algún modelo de autoxestión entendida baixo os seguintes aspectos:

  • Organización horizontal a través de asembleas
  • Autofinanciación mediante vías como a venda de material editorial ou producido nas actividades programadas, entradas a actividades lúdicas ou consumicións
  • Trátase de evitar o financiamento mediante subvencións a asociacións e, en xeral, toda débeda cara ás institucións públicas

Nas asembleas escóllense persoas encargadas para diferentes seccións: [Cómpre referencia]

  • Tesouraría: contabilidade, ganancias ou distribución do diñeiro para actividades
  • Propaganda: deseño de carteis e difusión das actividades
  • Música: contactar con grupos, acordar se hai que pagarlles (aínda que adoitan tocar de balde, ás veces acórdase unha entrada de baixo custo e págaselles unha porcentaxe, ou ben dánselles as achegas do público). No caso de viñeren de fóra da vila ou cidade, pódeselles custear a viaxe e/ou buscarlles aloxamento
  • Obradoiros: distribuír o tempo e días para estes, contactar coas persoas necesarias para as actividades, conseguir materiais

Espazos de convivencia[editar | editar a fonte]

Tamén se utiliza o espazo coa intención de crear redes veciñais con formulacións alternativas afíns, ou pola necesidade de solucións a problemas de acceso á vivenda.

Os colectivos inclúen pequenas asociacións ou asembleas destas, grupos veciñais de okupas ou de recuperación de aldeas. Poden empregar pequenos locais, edificios enteiros, ou mesmo rúas, barrios ou pobos.

Vista de Christiania

Algúns exemplos son as comunidades alternativas de países do norte de Europa como Alemaña, Países Baixos ou os países nórdicos. Alí, os movementos sociais alternativos adquiren formas moi extensas e cohesionadas.

Dous casos famosos son a comunidade de Christiania en Dinamarca ou algúns anos dos barrios okupados de Hannover:

  • Christiania é unha comunidade duns 800 habitantes estabelecida de forma semilegal, mais con acordos co Estado e o Ministerio de Defensa dinamarqueses. As decisións colectivas e a aceptación de novos habitantes tómanse en asemblea.
  • Na cidade de Hannover houbo barriadas de formas de vida alternativas, frecuentadas por xente afín ao movemento punk. Como manifestación contra as inxerencias de grupos de presión, comezáronse a celebrar as chamadas “Xornadas do Caos”. Segundo esta idea, un sector con intereses financeiros intercedería ante as institucións para que o goberno e as forzas de seguridade expulsasen un colectivo de okupas dun barrio.[Cómpre referencia] O colectivo punk respondeu con disturbios convocados cada verán aos que se sumaban moitas persoas de diferentes países. As institucións responderon cunha gran represión policial e militar. Tamén acudiron grupos de ultradereita, que viron unha oportunidade de lexitimar os enfrontamentos violentos contra os grupos punks.

Oposición aos espazos alternativos[editar | editar a fonte]

Malia ser frecuente a aceptación e a convivencia, estas comunidades de actividade alternativa ás veces atópanse coa oposición veciñal, institucional ou de grupos ideolóxicos contrarios:

Manifestación polo centro social Ungdomshuset (Copenhague) en 2006
  • Por oposición do resto da veciñanza
  • Por presión de grupos con intereses inmobiliarios ou empresariais.
  • Acusacións de seren focos de delincuencia ou posíbeis disturbios, especialmente en cidades de grande actividade financeira ou comercial
  • Nalgúns casos, por ilegalidades respecto de impostos sobre o solo, a toma de enerxía eléctrica ou as formas de comercio
  • Frecuentemente, por constituíren unha fonte de oposición a políticas locais
  • Ás veces sofren ameazas ou agresións de grupos de ultradereita

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bloomfield, Fabian A. (2021). "Ethnography of the uses, practices, and socio-spatial interaction in okupa (squatted) spaces". Arquivado dende o orixinal o 18-09-2021. Consultado o 17-10-2021. 
  2. "Copia archivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2012. Consultado o 3 de xuño de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]