Veganismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O veganismo é un estilo de vida caracterizado polo rexeitamento do consumo e utilización de produtos de orixe animal tanto na alimentación ou no vestiario coma en calquera outra faceta da existencia. A maior parte das motivacións que levan as persoas ao veganismo adoitan ser principalmente postulados éticos e morais sobre os dereitos animais, mais tamén sobre a defensa do medio ambiente, a saúde e cuestións de tipo espiritual ou relixioso. Os veganos soen dirixir boa parte das súas críticas contra os modelos contemporáneos de granxas industrializadas, nas que, segundo estes colectivos, se trata brutalmente aos animais, e as probas de diverso tipo sobre animais (por parte das industrias químicas dedicadas por exemplo á cosmética ou á industria farmacéutica).

Dieta[editar | editar a fonte]

A dieta alimenticia das persoas veganas é coñecida coma vexetariana pura ou estrita e elimina da dieta non só as carnes senón tamén calquera derivado (leite, ovos, etc.). Debido ao estrito desta dieta cómpre realizar unha boa planificación para conseguir satisfacer todas as necesidades nutricionais e, se ben algunhas persoas conseguen levar unha dieta perfectamente equilibrada, outras poden presentar déficits de calcio, iodo, vitamina B12 e vitamina D. Por tanto a planificación e os suplementos alimenticios son dous elementos moi presentes entre os veganos.

Orixes do veganismo[editar | editar a fonte]

O termo veganismo naceu en 1944 no ámbito anglosaxón a partir do vexetarianismo. Elsie Shrigley e Donald Watson, cansados de que o termo vexetarianismo chegase a abranguer o consumo de derivados lácteos fundaron a Vegan Society (Sociedade Vegana). Uniron as tres primeiras letras de «vegetarian» coas tres últimas e formaron «vegan» no que eles consideraban «o principio e o fin do vexetariano». A Vegan Society definía o veganismo como:

A palabra "veganismo" significa unha filosofía e modo de vida que procura excluír, na medida do posíbel e práctico, todas as formas de explotación e crueldade cos animais para producir comida, roupa ou con calquera outro propósito e, por extensión, promove o desenvolvemento e uso de alternativas libres de animais para o beneficio dos humanos, dos animais e do medio ambiente. En termos de dieta significa renunciar ao consumo de produtos derivados total ou parcialmente de animais.

Outras organización veganas utilizan definicións semellantes.

Definición de produto de orixe animal[editar | editar a fonte]

Dentro das teses veganas o produto de orixe animal é calquera material derivado de animais que sexa utilizado polos humanos. Dentro desta definición entrarían todos os tipos de carnes, peixes e mariscos, ovos, lácteos, mel, peles e coiros, la e seda. Tamén outros produtos derivados coma a xelatina, a lanolina, o callo, soro do leite, a cera estampada, a caseína ou a goma laca.

Os produtos de orixe animal están presentes como ingredientes en grande cantidade de produtos e utilízanse na produción doutros moitos. Ás veces resulta particularmente difícil coñecer a composición exacta dun produto polo que resulta complicado saber a cantidade real de cousas que están elaboradas a partir de elementos animais.

Algún veganos non concordan totalmente con estas teses e ven aceptábel o consumo de produtos derivados de insectos coma o mel ou a seda.

Estilos de vida semellantes[editar | editar a fonte]

Existen varios tipos de estilo de vida semellantes que comparten alguns aspectos do veganismo, mais que presentan certas diferenzas, como poden ser o fruxivorismo, o veganismo crú ou o propio vexetarianismo.

Algunhas relixións teñen prácticas regulares ou ocasionais próximas ás veganas, sobre todo no concernente á alimentación: budismo, cristianismo ortodoxo, xainismo, hinduísmo, sikhismo, rastafarianismo ou a Igrexa Adventista do Sétimo Día.

Así mesmo, dentro do punk, a filosofía Straight Edge abraza en moitos casos o veganismo.

Cociña[editar | editar a fonte]

Dentro das diferentes cociñas tradicionais abundan os pratos que non utilizan produtos animais ou que poden ser adaptados á filosofía vegana, porén na cociña vegana é moi común a utilización de produtos e receitas de orixe oriental coma o tofu, o tempe ou o seitán. Tamén é característico o uso de leites de soia, cereais ou noces como substitutos dos leites animais. Así mesmo, existen no mercado produtos de "carne artificial" feita a base de produtos vexetais coma a soia ou o glute que imitan salchichas, hamburguesas, etc.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]