Berimbau

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un berimbau moderno

O berimbau ou trompa é un instrumento musical clasificado como idiófono punteado, consistente nunha pequena lamela flexible fixada nun extremo a un marco. O marco sitúase entre os beizos e faise vibrar a lamela cunha man, empregando así a boca como caixa de resonancia.

Denominación[editar | editar a fonte]

En galego existen distintas variantes do nome: berimbán, bimbirimbau, birlimbán, birlimbau, berimbao... Na Fonsagrada, lugar onde se conserva como instrumento tradicional, coñécese como trompa, e quen o toca chámase trompeiro.[1] As distintas denominacións en outras linguas poden inducir a erro: en castelán chámase birimbao, mentres que berimbau nesa lingua emprégase para un instrumento africano tamén chamado hungu. O termo castelán trompe empregase en América do Sur para designar o instrumento. A pesares da denominación inglesa Jew's harp (arpa do xudeu), non ten ningún tipo de conexión con dita relixón.

Orixe e extensión[editar | editar a fonte]

Nun debuxo chino do século IV adC aparece a que puidera ser unha representación de un instrumento similar [2]. En xeral crese que a súa orixe e asiática, inda quen non existen evidencias de dita teoría, e súa expansión pode relacionarse coas rutas comercias entre Asia e Oriente Próximo. A Europa chegou nalgún momento do século XIII.

Características[editar | editar a fonte]

Trátase dun lamelófono que consiste nunha lamela de metal ou de bambú chamada palleta[1] fixada a un marco alongado. O marco colocase na boca do intérprete e púlsase para producir unha nota. O marco suxéitase contra os dentes lixeiramente separados de xeito que a palleta vibre libremente, suxeito cos beizos de modo que o aire que entra e sae o respirar pase só polo espazo interno do marco. A mandíbula e a cavidade vocal fan de caixa de resonancia, aumentando o volume do son emitido pola lamela. As partes carnudas da boca non deben tocar a palleta para evitar o amortiguamento das vibracións. A nota producido deste xeito ten ton constante, pero cambiando a forma da boca (e nalgunhas tradicións de peche da glote), o instrumentista varía o volume dos harmónicos da nota fundamental, e así crear melodías apoiadas nunha nota fundamental que fai as veces de bordón. O volume da nota pode modificarse tamén respirando dentro e fóra. Algunhas variantes poden constar de varios marcos e palletas, tocándose entón diante da boca aberta.

Uso[editar | editar a fonte]

Variante china de cinco follas.

Xeograficamente está moi estendido. Atópase en múltiples culturas musicais de toda Europa, Asia e Oceanía. Unha variante do instrumento de o Dan Moi vietnamita, moi empregado por varias minorías étnicas do país. Dado que o seu son facilita os estados de transe, o berimbau asóciase a maxia e é un instrumento común en rituais xamánicos.

Na música clásica tamén atopamos exemplos: arredor de 1765 Johann Georg Albrechtsberger, profesor de Ludwig van Beethoven, compuxo alomenos sete concerti para trompa, mandora e cordas, dos que se conservan tres. Na obra Holidays Symphony do compositor americano Charles Ives contén un pequeno solo para o instrumento no primeiro movemento ('Washington's Birthday').

Máis modernamente atopamos exemplos dentro da música folk, country e o bluegrass. Pode escoitarse en cancións de Leonard Cohen do disco Songs from a Room. Ten certo predicamento na música rock; chamou a atención do público cando Roger Daltrey, membro de The Who, tocouno na introdución de "Join Together". Tamén está presente na introduccion de "Blaze of Glory" de Bon Jovi, na canción "The Guns of Brixton" do grupo The Clash e en "Country Sad Ballad Man" dos Blur. Ten especial presencia nas cancións de "Lion in a Coma" de Animal Collective, e "Chicken Train" de Ozark Mountain Daredevils. John Lennon toca o berimbau na canción "The Fool on the Hill" dos Beatles. No cine aparece na banda sonora de Black Cat, White Cat de Emir Kusturica (1998).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Carpintero, Pablo (2009). Instrumentos tradicionales galegos. ISBN 978-84-937421-1-9. 
  2. Wright, Michael. "The Search for the Origins of the Jew’s Harp". http://www.silkroadfoundation.org/newsletter/vol2num2/Harp.htm. Consultado o 20 de xuño de 2010. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Berimbau

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]