Vira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vira
Zona de conservaciónNorte de Portugal
A Limia (Galiza)
Instrumentos típicosAcordeón
Derivado deXota

O Vira é un baile solto característico do norte de Portugal. Bailase tamén en Galiza onde se conservou principalmente na comarca da Limia.

Características[editar | editar a fonte]

O vira é un derivado da xota, un baile que se popularizou por toda a Península Ibérica no século XIX. Nos territorios do norte de Portugal, a xota deu lugar ao vira ou, visto doutro xeito, vira é nome co que se coñece á xota nestas terras. Neste sentido, o feito de que a copla de volta máis frecuente nas xotas galegas denomine "vira" o baile, fai pensar que posibelmente tamén fose o nome dado as xotas en Galiza antigamente.[1]

Acompañado sempre pola música do acordeón, o vira é un baile lúdico interpretado por un número variábel de parellas colocadas dúas fileiras, unha de homes e outra de mulleres. Ten dúas partes diferenciadas: punto e volta. Os puntos son pasos picados, valseados, embotados, etc; a volta adoita facerse en roda ou cruzando as filas con pasos valseados.[2]

En Portugal existen múltiples variantes tanto musicais como na maneira de bailar o vira dependendo das distintas áreas xeográficas: vira de roda, vira estrepassado, vira roubado, vira afandangado, vira valseado, vira-flor, vira de trempe, vira galego, vira ao desafío, vira poveiro (da Póvoa do Varzim), etc.[3]

En Galiza foi conservado nas comarcas ourensás da raia, en especial na vila limiense de Olelas onde mantén grande tradición.[4][5] Tamén aparece de xeito illado noutros lugares[6] como Bembibre, onde foi recollido polo grupo de baile e música tradicional Brincadeira no ano 1985. A actividade das canteiras da zona trouxo traballadores do norte portugués, sendo a mestura dos xeitos miñotos de tocar e bailar cos galegos a orixe a este baile.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Martínez San Martín (1998). pp.126-127
  2. Gómez Macias, Ignacio Portela (2018). "A nosa música. Achegándonos á tradición". Eduga: revista galega do ensino (76). 
  3. Ribas, Tomas. "O Vira. Danças do povo português". Folclore.PT. Consultado o 2021-03-19. 
  4. "Vira nas festas de Olelas (1991)". Youtube. Consultado o 18/03/2021. 
  5. "Vira nas festas de Olelas (2018)". Youtube. Consultado o 18/03/2021. 
  6. "Pasodobre de Manuel". Folkotecagalega. Consultado o 18/03/2021. 
  7. de la Ossa, Sergio (2009). Así fan os bailadores... Dos Acordes. p. 116. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]