Arthur Phillip

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estatua de Arthur Phillip nos Reais Xardíns Botánicos de Sidney.

Arthur Phillip, nado en Fulham (Londres) o 11 de outubro de 1738 e falecido en Bath o 31 de agosto de 1814, foi un almirante oficial da mariña británica e un administrador colonial. Foi o gobernador da colonia de Nova Gales do Sur e o fundador da cidade de Sidney.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era fillo de Jacob Phillip, alemán e mestre desa lingua, e de Elizabeth Breach, británica e ama de casa. A súa mai estaba casada en segundas nupcias despois da morte do seu primeiro marido, un capitán da Mariña Real Británica.

Foi educado no colexio do Hospital de Greenwich e a idade de 13 anos entrou como aprendiz na mariña mercante.

Período como oficial da Mariña Real Británica[editar | editar a fonte]

En 1756, á idade de 15 anos ingresa na mariña e participa na Batalla de Menorca ao declararse a Guerra dos Sete Anos no Mediterráneo. En 1762 é ascendido a tenente aínda que en 1763 pasa a reserva a medio xornal cando a Guerra dos Sete Anos finaliza.

Durante o período na reserva casou e fíxose granxeiro en Lyndhurst, Hampshire, até que en 1774 ingresa na mariña portuguesa como capitán para servir na guerra contra España. Durante este período na mariña tivo que guiar una flota de barcos que trasladaban reos convictos de Portugal a Brasil, na que tivo un índice de mortalidade moi baixo, razón na que probabelmente se baseou a sorprendente elección de que guiase a expedición para estabelecer una colonia penal británica na Australia.

En 1778, con 36 anos é chamado ao servizo activo posto que Inglaterra está en guerra outra vez. En 1779 obtén o mando do Basilisk e en 1781 ascéndeselle a capitán dándoselle o mando do Europe. Para posteriormente volver de novo a reserva con media paga, en 1784.[1]

Período como gobernador de Nova Gales do Sur[editar | editar a fonte]

Fundación do asentamento[editar | editar a fonte]

En outubro de 1786 é designado capitán do HMS Sirius e nomeado gobernador de Nova Gales do Sur, as terras orientais de Australia reclamadas para o Reino Unido por James Cook en 1770 e propostas como colonia penal polo entón ministro do interior Thomas Townshend. A súa elección puido estar fortemente influenciada por George Rose, subsecretario do tesouro e veciño de Arthur Phillip durante a súa etapa de granxeiro en Hampshire.

Nesta empresa tivo que facer fronte a serios e múltiples problemas. Tiña que recrutar unha frota coa que facer os oito meses de travesía a Nova Gales do Sur, lugar no que todo estaba por facer e do que non se facía nen unha idea real do que se ía topar; tiña moi poucos fondos dispoñíbeis para equipar a expedición; e, alén, a súa proposta de que granxeiros, constructores e artesáns fosen incluídos na expedición foi rexeitada. Así, ao final os pasaxeiros a bordo foron un puñado de oficiais, que administrarían a colonia, un continxente de mariñeiros e 1787 reclusos, na súa maioría pequenos ladróns dos bairros baixos de Londres.

A First Fleet, de 11 barcos, partíu o 13 de maio de 1787. O lugar designado para estabelecer o asentamento, a Baía de Botany, foi alcanzada o 18 de xaneiro de 1788. Porén, pronto decidíuse que o sitio non era o apropiado ao non ter nen unha fonte da auga fresca nen un punto no que ancorar de maneira segura. Despois de explorar a zona decidíuse por unha pequena cala na Baía de Jackson. Así, o 26 de xaneiro tripulación e presos desembarcaron na Enseada de Sidney, nomeada así na honra de Thomas Townshend, Lord Sidney.

Pouco despois de estabelecer o asentamento na Baía de Jackson, o 15 de febreiro de 1788, Arthur Phillip mandaría ao tenente Philip Gidley King con sete homes libres e once reclusos a estabelecer unha colonia nas Illas Norfolk, a segunda colonia británica no Pacífico, motivado en parte pola potencial perda das illas a mans dos franceses e en parte por servir como fonte de suministros alternativa para a nova colonia.

Os primeiros días do asentamento foron moi caóticos e complicados. Con suministros tan limitados como os que tiñan, o cultivo de comida era unha necesidade imperativa, mais todo eran problemas. Aos feitos de que a terra aos redores de Sidney era moi pouco fértil e que o clima no era familiar, uníanselle que os aparellos de labranza eran escasos e que os reclusos eran poucos os que tiñan algún coñecemento de agricultura e moitos os que eran reticentes a traballar no campo. Pola outra parte, os mariñeiros, pouco disciplinados en moitos casos, no estaban interesados tampouco en aplicar disciplina aos convictos. Isto levou a Arthur Phillip a ter que chegar a nomear capataces entre os presos para conseguir que outros traballasen, iniciándose así o proceso de emancipación dos presos que culminou coas reformas feitas por Lachlan Macquarie despois de 1811. Tamén tivo problemas cos seus oficiais ya que estes querían grandes concesións de terra que el non podía conceder ao non ter autoridade para iso. Por outra parte estes esperaban tamén cultivar e obter comida, mais consideraban que esta era unha tarefa inferior aos seus rangos. O resultado a todo isto foi a aparición do escorbuto e da fame, e víuse obrigado, en outubro de 1788 a enviar ao Sirius até a Cidade do Cabo a por suministros, a introducir un estrito racionamento e a castigar o roubo de comida coa forca. Durante un período extenso de tempo a colonia estivo a piques da fame total.

Arthur Phillip demostrou que Nova Gales do Sur non podía ser un simple campo de prisioneiros. Lord Sidney, frecuentemente criticado como incompetente, tomou unha decisión fundamental sobre o asentamento que o influiría desde o principio. Asín en lugar de estabelecer unha prisión militar, promoveu unha administración civil.

En canto aos aboríxenes australianos que vivían aos redores da baía, adoptou unha política de amizade. Ordenou que estes deberían de ser ben tratados e que quen cometese un asasinato contra eles podería ser axustizado coa pena máxima. Tamén entablou amizade co aboríxene chamado Bennelong, a quen coñeceu tras un malentendido na praia de Manly. Neste aspecto foi pouco a pouco gañando a confianza dos Eora, o clan aboríxene que vivía aos redores da baía, mais os colonos mantivéronse extremadamente cautelosos e desconfiados con eles. De maneira global as relacións entre ambas comunidades eran relativamente tensas.

Estabilización do asentamento[editar | editar a fonte]

Para 1790 a situación do asentamento era xa estábel. A poboación, de entorno as 2 mil persoas, estaba adecuadamente instalada e cultivaba alimentos frescos. Para aquel entón concedeu ao recluso James Ruse o terreo de Rouse Hill, agora Parramatta, para estabelecer un cultivo. Cando este accedeu converteuse na primeira persoa en receber un terreo concedido na colonia. Mais tarde outros convictos seguiron o seu exemplo. En marzo de 1790 o Sirius naufragaba perto da Illa de Norfolk, privando á colonia de recursos vitais. En xuño a Second Fleet arrivaba con centos de presos máis. E, en decembro de 1790 prepárase para retornar a Inglaterra xa que fai tempo que parece que a colonia ten sido esquecida por Londres.

En 1791 informa de que o goberno faría dous envíos anuais e con suministros suficientes. Mais en xullo os navíos da Third Fleet chegaron con máis de 2 mil reclusos e moi pouca comida, véndose na obriga de enviar un barco a Calcuta a por alimentos.

Capela de Australia na Igrexa de San Nicolás en Bathampton. O memorial a Arthur Phillip está na parede dereita.

En 1792 a colonia xa estaba ben estabelecida, aínda que Sidney non deixaba de ser un desordeado pobo de cabanas. A industria baleeira era recoñecida, os barcos visitaban Sidney para comerciar e os presos que acababan de cumprir coa sentenza imposta traballaban como granxeiros. Jon Macarthur e outros oficiais importaron ovellas e dedicáronse á la. Aínda que moi pequena era unha colonia de habilidosos granxeiros, comerciantes e artesáns na que os presos continuaron a trabajar tan pouco como era posíbel, aún cando eles traballaban principalmente para obter a súa propia comida.

A finais de 1792, Arthur Phillip, cuxa saúde resentíase a causa dunha dieta pobre, recibiu permiso para deixar a colonia, e o 11 de decembro de 1792 parte no Atlantic, levándose a Bennelong e moitas especies de plantas e animais. A poboación europea de Nova Gales do Sur á súa partida era de 4221 persoas, das cales 3099 eran presos. Os primeiros anos foron anos de luita e penurias, mais agora xa non había máis fame na colonia. Chegou a Londres en maio de 1793. Despois, presentou formalmente a súa dimisión, sendo aceptada e concedéndoselle unha pensión de 500 libras o ano.

Vellez e morte[editar | editar a fonte]

Após a morte en 1792 da súa primeira muller casa, en 1794, con Isabella Whitehead coa que se traslada temporalmente a vivir a Bath. Alí recupera gradualmente a súa saúde e volve o mar en 1796 para asumir unha serie de mandos y postos de responsabilidade na guerra contra os franceses. Labor pola que en xaneiro de 1799 foi ascendido a contra-almirante. En 1805, a idade de 67 anos, retírase tamén da mariña con rango de almirante e volve a Bath onde pasará o resto dos seus días.

Arthur Phillip morreu no ano 1814 e foi enterrado na Igrexa de San Nicolas en Bathampton. Esquecida durante moitos anos, a súa tomba foi descoberta en 1897 financiando a súa restauración o entón Presidente de Nova Gales do Sur, Sir Henry Parkes.

No ano 1937 inagurouse na igrexa da abadía de San Pedro en Bath un monumento a súa honra. Xa, en 1932, inagurárase outro monumento á súa memoria na igrexa de San Mildred en Londres mais a igrexa xunto con memorial foi destruído durante os bombardeos de Londres en 1940, aínda que os principais restos do mesmo recolocáronse na igrexa de Santa Maria-Le-Bow en Londres, perto da Catedral de San Paulo, en 1968. Del hai tamén, unha estatua nos Reais Xardíns Botánicos de Sidney e un excelente retrato na Galería Nacional de Retratos de Londres. En súa honra, teñen tamén o seu nome en Australia a Baía de Phillip, a Illa de Phillip (Victoria), a Illa Phillip (Illas Norfolk), a un barrio de Canberra e a moitas rúas, parques e escolas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Robert J. King, "Arthur Phillip Defensor de Colónia, Governador de Nova Gales do Sul", Anais de História de Além-Mar, 2005 (6), pp.339-349: http://derroteros.perucultural.org.pe/textos/derroteros9/king.doc