Pronunciamento de Sagunto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xeneral Arsenio Martínez Campos.

Coñécese como Pronunciamento de Sagunto ou Pronunciamento de Martínez Campos ao pronunciamento feito polo xeneral Arsenio Martínez Campos en Sagunto o 29 de decembro de 1874, que supuxo a Restauración borbónica en España e o fin do Sexenio Democrático (1868-1874) e da Primeira República Española (1873-1874).[1]

Historia[editar | editar a fonte]

O 27 de decembro de 1874, o xeneral Martínez Campos saíu de Madrid cara a Sagunto, requirido polos afonsinos valencianos para que se pronunciase, recibindo un telegrama co texto Laranxas en condicións, expresión en clave ideada polos conservadores valencianos, para que dirixise o movemento.

Ese mesmo día, o xeneral de brigada Luis Dabán, xefe da brigada de Segorbe (Castelló), trasladou parte da súa tropa (dous batallóns de infantaría, varios escuadróns e algunhas pezas de artillaría, en total uns 1.800 homes) até Sagunto.

O 29 de decembro, Martínez Campos púxose á fronte da brigada e, cos soldados formando un cadro nun lugar chamado «As Alquerietas», preto de Sagunto, onde se inicia a estrada Sagunto-Burgos, arengou á tropa, demostrando a necesidade de efectuar a restauración borbónica na persoa do príncipe Afonso, fillo de Isabel II como Afonso XII, Rei de España e Indias. Afonso herdara os dereitos de sucesión da Coroa de España, ao abdicar Isabel II no exilio (1870). Finalmente, rematou co berro de Viva don Afonso XII rei de España!, sendo contestado por toda a tropa. Finalizado o pronunciamento, as tropas dirixíronse a Valencia. Ás 12 horas e 16 minutos da mañá, o goberno de Madrid recibe o seguinte telegrama:

"Sagunto 29, 10 e 10 minutos da mañá. -Urxentísimo- Xeneral Martínez Campos ao presidente do Consello de Ministros e ministro da Guerra: Participo a V.E. que, neste momento, veño de proclamar coa Brigada Dabán, e máis forza que espero, rei constitucional de España a D. Afonso XII. O noso programa é o manifesto do Príncipe de Asturias e o Goberno, que non é republicano, debe aceptar esta solución que anhela vivamente o país."[2]

Ás poucas horas o pronunciamento a favor do príncipe Afonso é comunicado aos xefes militares, ao líder do afonsismo Antonio Cánovas del Castillo e ao propio goberno, entón presidido polo líder do Partido Constitucional, Práxedes Mateo Sagasta. Este púxose en contacto por telégrafo co Presidente do Poder Executivo da República, o xeneral Serrano, que se atopaba en Tudela dirixindo as operacións militares na fronte do Norte en plena Terceira guerra carlista. Nesa conferencia telegráfica o xeneral Serrano rexeitou abandonar a fronte e volver a Madrid para se enfrontar aos militares que na capital se adheriran ao pronunciamento, «declinando toda resistencia».[3]

Ese mesmo día 29 ás tres e media da tarde, o xeneral Jovellar, xefe do exército do centro, escribiu un telegrama ao Ministerio da Guerra, indicando que se unía ao pronunciamento. O mesmo 29, os xenerais De la Pezuela, Reyna, Gasset, San Román, Quesada, Macías, Larrocha e Moltó, reunidos na casa do primeiro, tamén acordaron apoia-lo movemento. O ministro da Guerra telegrafiou ao xeneral Serrano: «Isto non ten remedio». Como destacou Ramón Villares, «o goberno de Sagasta... nin quixo nin tampouco puido defenderse ante o feito consumado de Sagunto. A maioría dos oficiais militares que non estaban na fronte do Norte apoiouno de forma tácita ou expresa».[4]

Na mañá do 30 de decembro, o xeneral Fernando Primo de Rivera, capitán xeneral de Madrid, aceptou o pronunciamento e presentouse no Consello de Ministros convocado para analiza-la situación, mostrando a adhesión da tropa de Madrid. Os ministros protestaron pero aceptaron formalmente as consecuencias do pronunciamento e entregaron o poder ao xeral Primo de Rivera.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Gravado que mostra a entrada do rei Afonso XII en Madrid ao seu paso baixo un arco de triunfo levantado na rúa de Alcalá o 15 de xaneiro de 1875.

Primo de Rivera constituíu un goberno provisional o 31 de decembro de 1874 baixo a dirección de Cánovas, que decreta a restauración da monarquía, pondo fin á Primeira República Española.

Cánovas del Castillo, que fora inicialmente detido, foi finalmente agasallado na sede do goberno civil de Madrid. Despois nomeou aos membros do Ministerio-Rexencia que asumiu o poder conferido por Primo de Rivera até a volta do exilio do príncipe Afonso, agora xa proclamado rei. No momento de producirse o pronunciamento este atopábase de viaxe a París, onde residía a súa nai a raíña Isabel II, dende a Academia de Sandhurst, en Inglaterra, e foi informado do ocorrido en España a última hora do día 30 mediante unha nota que dicía en francés: «Votre Majesté a été proclamei Roi hier soir par l'Armée espagnole» (en galego: Vosa Maxestade foi proclamado Rei onte pola tarde polo Exército español). Poucas horas despois Cánovas enviaba un telegrama á raíña Isabel II no que lle comunicaba «este gran triunfo, alcanzado sen loita nin derramamento de sangue».[5]

Daquela, organizouse rapidamente a viaxe de regreso a España do príncipe Afonso vía Marsella. Mentres tanto celebráronse Te Deums e repartiuse pan aos pobres nas principais cidades. O novo rei desembarcou en Barcelona, o 9 de xaneiro, onde foi recibido con gran xúbilo pola Deputación Provincial,[6] moito maior que o que se dispensara ao rei Amadeu I catro anos antes. O 15 de xaneiro entraba en Madrid de forma «apoteósica» segundo as crónicas.[7]

Carta[editar | editar a fonte]

Carta de Martínez Campos a Cánovas do 27 de decembro de 1874, xustificando o pronunciamento

Excmo. Sr. D. Antonio Cánovas del Castillo.
Madrid 27 de decembro de 1874.
Moi señor meu e de todo o meu respecto: Cando reciba Vd. esta iniciaría o movemento en favor de Afonso XII: cargo coa responsabilidade deste acto, ao cal arrastro aos meus amigos: non teño dereito á protección do partido: vostedes son os xuíces quen deben ou non darma: a desexo, pero perdín, separándome da opinión de vostedes, ata a triste satisfacción de queixarme ou desculparme. Teño menos elementos de forza para o primeiro momento que hai mes e medio; case estou por dicir que teño menos da terceira parte, pois fun perdéndoos paso a paso, eu creo que por dilacións; talvez estea equivocado: hai mes e medio podía iniciar á vez Almería, Cádiz, Badaxoz, Lérida, Valencia e exército do Centro; hoxe só podo facelo no exército do Centro: non culpo a ninguén; a decisión que tomo hoxe debina tomar fai corenta e cinco días. Non me lanzo por amor propio nin por despeito; fágoo pola fe e convicción que teño; fágoo porque vostedes aseguran que a opinión está feita. Non me mesturo en política: darei por manifesto a contestación de S.A.: esixo, si, que se o movemento triunfa en Madrid, sexa Vd. o que se poña á fronte do Goberno; rogo que se é posible, encárguese do Ministerio da Guerra o xeneral... persoa dignísima e moi competente, e que haxa ademais deste tres Ministros do antigo partido moderado, os outros catro do partido máis liberal; é necesario que haxa conciliación, polo menos nos primeiros momentos... Desexo que xa voluntarios, xa sorteados, vaian 60 homes por batallón a aquela Antilla, sen excluír os de provinciais e reserva; debendo saír no mes de xaneiro, único modo de contrarrestar a mensaxe de Grant e salvar a illa. Se me consideran Vds. un estorbo, estou pronto a ir alí a mandar unha división; aínda que desexo que se me deixe de cuartel en Barcelona, e que teño o firme propósito de non aceptar mando, nin ascenso, nin título, nin remuneración algunha. Se consigo o meu obxecto, o poñer a este país en vías de tranquilidade, a miña ambición queda satisfeita. Non hai de min a Vd. antipatía política algunha, e comprenderao Vd. cando lle diga que non estudou o meu pensamento, e non quero entender destas cousas. A diferenza entre Vd. e máis eu estaba nos distintos modos de procedementos na cuestión de alzamento.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lafuente, Modesto; Valera, Juan (1890). Historia general de España (en castelán) 25. (desde los tiempos primitivos hasta la muerte de Fernando VII por don Modesto Lafuente; continuada desde dicha época hasta nuestros días por don JuanValera ). Barcelona: Montaner y Simón, editores. 
  • Segovia, Ángel María (1878). Figuras y figurones biografías de los hombres que más figuran actualmente en España (en castelán). Madrid: Imprenta de Fernando Cao. 
  • Villares, Ramón (2009). "Alfonso XII y Regencia. 1875-1902". En Villares, Ramón; Moreno Luzón, Javier. Restauración y Dictadura. Historia de España, dirixida por Josep Fontana e Ramón Villares (en castelán) 7. Madrid: Crítica / Marcial Pons. ISBN 9788416771080.