Partido Liberal Fusionista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Partido Liberal foi un partido político español creado en 1880 por Sagasta e que, co Partido Conservador de Cánovas, constituiría o sistema bipartidista con alternancia no goberno que caracterizaría á Restauración española durante o tramo final do século XIX e o inicial do século XX.

Nacido como Partido Fusionista pasou a denominarse Partido Liberal Fusionista e por fin unicamente Partido Liberal. Agrupaba no seu seo aos sectores non republicanos do momento que aceptaban a nova legalidade reflectida na Constitución de 1876 e entre os que incluían monárquicos, membros do Partido Constitucional do xeneral Serrano, do Partido Radical de Ruiz Zorrilla, os “posibilistas” de Castelar e a algúns sectores militares.

O seu programa político incluía a consecución do sufraxio universal masculino (obxectivo que vería cumprido en 1890), a liberdade de asociación relixiosa e a separación de poderes; e aínda que cabería cualificalo como un partido dinástico, a principios do século XX algúns políticos que máis tarde serían republicanos militaron nas súas filas, como Niceto Alcalá Zamora.

O sistema de alternancia política característico da Restauración iníciase cando Cánovas cede o poder a Sagasta e este forma o primeiro goberno o 8 de febreiro de 1881 iniciando unha primeira etapa do sistema que coñecerá ata tres gobernos liberais (dous presididos polo propio Sagasta e un por Posada Herrera).

A segunda etapa iníciase coa institucionalización do sistema en 1885 cando ambos os partidos asinan o Pacto do Pardo que establecía que ambos partidos se alternarían no poder á morte de Afonso XII, o cal foi garantido grazas ás redes caciquís con que ambos partidos contaban por toda España. Este pacto impedía o acceso ao poder de ideoloxías radicais naquel momento (anarquismo, socialismo, republicanismo) que podían pór en perigo o réxime monárquico.

En 1898 prodúcese un primeira escisión no Partido Liberal cando Germán Gamazo Calvo abandona o partido, encabezando un grupo disidente que terminaría uníndose ao Partido Conservador.

Tras a morte de Sagasta, en 1903, produciuse un enfrontamento entre Eugenio Montero Ríos e Segismundo Moret por tomar as rendas do Partido Liberal que ao cabo levaría a José Canalejas a dirixilo e aínda que intentou reformalo para achegalo á realidade do país, o seu asasinato truncou calquera evolución do partido.

A morte de Canalejas, en 1912, reabriu a loita polo poder con dous novos protagonistas: o Conde de Romanones e Manuel García Prieto e que levarían ao partido a unha profunda crise que unida á do propio sistema político que protagonizara a unha fase de disgregación que finalizou en 1931, logo da ditadura de Primo de Rivera e co final da monarquía de Afonso XIII.

Líderes do Partido Liberal[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]