Leucoplasto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Leucoplastos.

Os leucoplastos son plastidios que almacenan substancias incoloras ou pouco coloreadas. De acordo coa principal substancia de reserva son clasificados en:

  1. amiloplastos, que almacenan amidón ,
  2. elaioplastos ou oleoplastos, que almacenan lípidos, e
  3. proteinoplastos , que almacenan proteínas.

Pola súa ausencia de pigmentos, os leucoplastos non son verdes, polo que se localizan preferentemente en tecidos non fotosintéticos da planta, como por exemplo as raíces. Poden especializarse no almacenamento masivo dalgunha substancia, como amidón, lípidos ou proteínas. Porén, en moitos tipos celulares, os leucoplastos non parecen ter como función principal ou única o almacenamento, e desempeñan un amplo rango de funcións biosintéticas, incluíndo a síntese de ácidos graxos, moitos aminoácidos, e compostos tetrapirrólicos como os grupos hemo. En xeral, os leucoplastos son moito máis pequenos ca os cloroplastos e teñen unha morfoloxía variable, a miúdo descrita como ameboide.

Os leucoplastos poden estar conectados por extensas redes de estrómulos (túbulos membranosos), como foi observado en células epidérmicas das raíces, hipocótilos e pétalos, e en cultivos de células de tabaco en suspensión. Nalgúns tipos celulares en certos estadios do desenvolvemento, os leucoplastos están agrupados arredor do núcleo celular con moitos estrómulos estendidos cara á periferia da célula, como se observou en proplastidios no meristema da raíz.

Os etioplastos, os cales son cloroplastos pre-granais e inmaduros, pero que se poden orixinar a partir de cloroplastos privados de luz, carecen de pigmentos activos e tecnicamente poden considerarse tamén leucoplastos. Despois de varios minutos de exposición á luz, os etioplastos empezan a transformarse en cloroplastos funcionais e deixan de ser leucoplastos incoloros.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Henri Camefort, Morphologie des végétaux vasculaires : cytologie.anatomie.adaptations, Doin, 1996, 2ª edición (7ª reimpresión), 432 p., p.32-49 ISBN 2-7040-0395-5
  • [1] curso de DEUG.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]