Corpo basal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estrutura do flaxelo eucariota. 1-axonema, 2-membrana plasmática, 3-IFT (Transporte IntraFlaxelar), 4-corpo basal, 5-sección do flaxelo, 6-tripletes de microtúbulos do corpo basal.
Sección lonxitudinal de Chlamydomonas reinhardtii na que pode verse o inicio do flaxelo e o corpo basal.

Un corpo basal ou cinetosoma é unha estrutura que aparece na base dos undilopodios eucariotas (cilios ou flaxelos) e que serve como punto de nucleación para o crecemento dos microtúbulos do axonema, polo que funciona como un centro organizador de microtúbulos (COMT ou en inglés MTOC). Os corpos basais derivan dos centríolos a través dun proceso en gran parte descoñecido. Son estruturalmente iguais ao centríolo, cada un deles presenta unha configuración helicoidal de 9+0 tripletes de microtúbulos (9 exteriores e ningún no centro) formando un cilindro oco.

Os centríolos, a partir dos cales se forma o corpo basal, actúan na célula como puntos de fixación para as proteínas, nas que á súa vez se ancoran os microtúbulos nos centrosomas, outro tipo de centro organizador de microtúbulos. Estes microtúbulos proporcionan a estrutura e facilitan o movemento das vesículas e orgánulos dentro de moitas células eucarióticas. Os corpos basais, porén, son especificamente bases para os cilios e flaxelos, os cales se proxectan fóra da célula.

A regulación da produción do corpo basal e a súa orientación espacial é unha función do dominio de enlace dos nucleótidos da γ-tubulina (Shang et al, 2005).

Notas[editar | editar a fonte]

  • Y. Shang, C.-C. Tsao, and M. A. Gorovsky. 2005. Mutational analyses reveal a novel function of the nucleotide-binding domain of gamma-tubulin in the regulation of basal body biogenesis. J. Cell Biol. 171(6):1035-44. PMID 16344310

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]