Microcorpo
- Non se debe confundir con Microsoma.
Os microcorpos son orgánulos citoplasmáticos eucarióticos de forma máis ou menos globular, xeralmente de entre 0,1 e 1,5 μm de diámetro, rodeados de membrana simple, que conteñen un conxunto de encimas que interveñen no metabolismo celular. A súa función varía segundo o tipo de microcorpo de que se trate. Foron atopados por primeira vez por Rhodin en 1954 e na década de 1960 os traballos de de Duve e Baudhuin (1966-69) caracterizaron estes orgánulos. Por todos estes traballos de illamento e descubrimento de orgánulos subcelulares (microcorpos, lisosomas) Christian de Duve recibiu o premio Nobel.[1] Máis tarde foise descubrindo que o contido encimático e función non eran iguais en todos os microcorpos, polo que se estableceron tipos diferentes. Os microscopistas son os que máis seguen usando actualmente o termo microcorpo, como un termo xeral, xa que teñen un aspecto parecido; pero cando se coñecen as propiedades bioquímicas encimáticas do microcorpo xa se utilizan termos máis específicos como peroxisoma (termo proposto por de Duve) ou glioxisoma (termo proposto por Breidenbach e Beevers). Os glicosomas e corpos de Woronin parece que derivan evolutivamente dos peroxisomas.
Tipos e funcións [editar]
Entre os microcorpos inclúense os seguintes orgánulos: peroxisomas, glioxisomas,[2] glicosomas e os corpos de Woronin.
Os peroxisomas conteñen encimas que interveñen principalmente no metabolismo oxidativo da célula, detoxificación do alcohol e na β-oxidación dos ácidos graxos.
- Artigo principal: Peroxisoma.
Os glioxisomas poden considerarse como un tipo especial de peroxisoma das plantas, que realiza o ciclo do glioxilato.
- Artigo principal: Glioxisoma.
Os glicosomas son típicos dos protozoos cinetoplástidos, como os tripanosomas. Xunto con moitos encimas peroxisómicos teñen tamén encimas da glicólise.
- Artigo principal: Glicosoma.
Os corpos de Woronin (ou de Voronin) atópanse só nos fungos filamentosos. Unha das súas funcións é tapar o poro septal cando se producen danos nas hifas, restrinxindo a perda de citoplasma ao lugar do dano.[3]
- Artigo principal: Corpo de Woronin.
Notas [editar]
- ↑ N.E. Tolbert & E. Esner (1981). "'". http://jcb.rupress.org/content/91/3/271s.full.pdf. (en inglés)
- ↑ Microcorpos en MeSH
- ↑ Managadze, D.; Würtz, C.; Sichting, M.; Niehaus, G.; Veenhuis, M.; Rottensteiner, H. (xuño 2007). "The peroxin PEX14 of Neurospora crassa is essential for the biogenesis of both glyoxysomes and Woronin bodies". Traffic (Copenhague, Dinamarca) 8 (6): 687–701. DOI:10.1111/j.1600-0854.2007.00560.x. ISSN 1398-9219. PMID 17461798.
|
||||||||||||||||||||