Centro organizador de microtúbulos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O centro organizador de microtúbulos ou centro de organización microtubular (abreviado como COMT ou coas siglas inglesas MTOC) é unha estrutura atopada nas células eucariotas da cal emerxen e na cal se nuclean os microtúbulos. Os COMT desempeñan dúas funcións principais: organizan os flaxelos e cilios eucarióticos e organizan o fuso acromático da mitose e a meiose, separando os cromosomas durante a división celular. O COMT é o lugar onde se realiza a nucleación dos microtúbulos e pode visualizarse nas células por medio da detección immunohistoquímica da γ-tubulina. Nos animals os dous tipos de COMT máis importantes son o centrosoma, asociado coa formación do fuso acromático, e o corpo basal, asociado cos cilios e certas unións intercelulares en células epiteliais.

Centrosoma[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Centrosoma.

A maioría das células animais interfásicas teñen un centrosoma, normalmente localizado preto do núcleo celular, e xeralmente moi asociado co aparato de Golgi. O centrosoma comunmente ten un par de centríolos. Os microtúbulos están ancorados polos seus extremos "menos" ao centrosoma, e dado que os microtúbulos se disocian preferentemente por ese extremo, esta ancoraxe ten un efecto estabilizante para eles, e os microtúbulos asociados ao COMT poden crecer moi rapidamente. A polaridade dos microtúbulos é importante no transporte unido a membranas, xa que as proteínas motoras cinesina e dineína adoitan moverse ao longo do microtúbulo nunha dirección preferente, ou ben na dirección do extremo "máis" ou ben na do extemo "menos", permitindo que as vesículas transportadas ao longo dos microtúbulos se dirixan ao retículo endoplasmático ou ao aparato de Golgi.

Corpo basal[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Corpo basal.

Nas células epiteliais o centro organizador de microtúbulos tamén fixa e organiza os microtúbulos que van a constituír os cilios. Igual que sucedía nos centrosomas, estes centros organizadores de microtúbulos estabilizan e danlle unha dirección aos microtúbulos, neste caso para permitir o movemento unidireccional do propio cilio, en lugar de facilitar o movemento de vesículas ao longo dos microtúbulos.

Corpo polar do fuso[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Corpo polar do fuso.

Nos lévedos e nalgunhas algas, o centro organizador de microtúbulos está inserido dentro da envoltura nuclear en forma do chamado corpo polar do fuso. Nestes organismos, a envoltura nuclear non se desfai durante a mitose e o corpo polar do fuso serve para conectar os microtúbulos citoplásmicos e os nucleares, que se presentan na súa mitose.

COMT nas plantas[editar | editar a fonte]

As células das plantas carecen de centríolos ou de corpos polares do fuso. No seu lugar, a propia envoltura nuclear parece funcionar como o principal centro organizador de microtúbulos na nucleación dos microtúbulos e na organización do fuso durante a mitose da célula vexetal.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]