Filamento intermedio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dous desmosomas amosando uns conspicuos filamentos intermedios

Os filamentos intermedios son compoñentes do citoesqueleto, formados por agrupacións de proteínas fibrosas. O seu nome deriva do seu diámetro, de 10 nm, menor có dos microtúbulos, de 24 nm, pero maior có dos microfilamentos, de 7 nm. Son ubicuos nas células animais, e non existen en plantas nin fungos.

Estrutura[editar | editar a fonte]

Compóñense de proteínas en alfa-hélice, que se agrupan de forma xerárquica para dar lugar aos filamentos intermedios:

  • Dúas proteínas asócianse de forma paralela, é dicir, cos extremos amínico e carboxílico cara ao mesmo lado.
  • Dous dímeros asócianse de forma antiparalela para dar un tetrámero
  • Os tetrámeros asócianse cabeza con cola para dar longas fibras, que, ademais, se asocian lateralmente para dar:
  • O filamento intermedio, que asemella a unha corda formada polas fibras de tetrámeros unidos cabeza con cola.

A unidade funcional que se considera precursora, pola súa elevada estabilidade no citosol, é o tetrámero.

Tipos de proteínas dos filamentos intermedios[editar | editar a fonte]

  1. Laminas nucleares, que se sitúan baixo a envoltura nuclear formando a lámina nuclear
  2. Queratinas, fundamentais en tecidos epiteliais
  3. Vimentinas e desminas, en células musculares e en fibroblastos
  4. Neurofilamentos, en neuronas
  5. Recentemente, descubriuse un quinto tipo de filamentos intermedios, presentes nas células nai, constituídos por proteína nestina.

A súa agregación é homo ou heteropolimérica segundo o tipo de proteína: por exemplo, as queratinas son heteropoliméricas e están constituídas por queratinas ácidas e básicas en relación 1:1.

Función dos filamentos intermedios[editar | editar a fonte]

A súa función principal é darlle rixidez á célula. A función depende da composición e a localización dos filamentos. As láminas nucleares ademais de lle dar rixidez ó núcleo participan na regulación de transcrición. Outros membros, as queratinas, participan nalgunhas unións celulares (desmosomas).

Irregularidades na expresión xenética das proteínas dos filamentos intermedios causan fraxilidade e distrofias celulares (como é o caso de certas cardiomiopatías).

Estabilidade[editar | editar a fonte]

Os filamentos intermedios, a diferenza da actina F ou os microtúbulos, son moi estables. Para a súa dinámica requírese a fosforilación e defosforilación dos seus compoñentes por medio de cinases e fosfatases, respectivamente.

Relación con outros elementos do citoesqueleto[editar | editar a fonte]

Existen proteínas asociadas a filamentos intermedios que establecen enlaces cruzados con microtúbulos e actina.