Alfredo Bryce Echenique

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaAlfredo Bryce Echenique

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(es) Alfredo Marcelo Bryce Echenique Editar o valor em Wikidata
19 de febreiro de 1939 Editar o valor em Wikidata (85 anos)
Lima, Perú Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadePerú Editar o valor em Wikidata
EducaciónFaculty of Arts of Paris (en) Traducir
Universidade Nacional Maior de São Marcos (pt) Traducir
Universidade de París 8 Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritor , poeta avogado , novelista , avogado Editar o valor em Wikidata
EmpregadorUniversidade de Paris X - Nanterre (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Xénero artísticoNovela Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Premios

Dialnet: 140088


Alfredo Marcelo Bryce Echenique, nado en Lima o 19 de febreiro de 1939, é un escritor peruano, coñecido por novelas como Un mundo para Julius, La vida esagerada de Martín Romaña ou No me esperen en abril.[1][2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nota de El Comercio, despois do incidente no colexio Santa María, que terminou con Alfredo Bryce hospitalizado, despois de que un profesor militar lle fixese practicar certos exercicios como castigo, 1958.

Nacido no seo dunha prominente familia de banqueiros, os seus pais foron Francisco Bryce Arróspide e Elena Echenique Basombrío; o seu tataravó, o puneño José Rufino Echenique, chegou a ser presidente do Perú (1851-1855), e a súa familia está relacionada coa francesa Flora Tristán e co barón Clemente Althaus de Hesse.

Bryce Echenique cursou os seus estudos primarios no Inmaculado Corazón, e secundarios, na Santa María Marianistas primeiro e, logo, tras un incidente neste colexio polo que houbo de ser hospitalizado, ingresou ao San Pablo, un internado británico en Lima. En 1957, ingresou á Universidade de San Marcos, onde se licenciou en Dereito; obtivo así mesmo máis tarde o título de doutor en Letras (1977). Foi profesor durante algún tempo no Colexio San Andrés (ex Anglo-Peruano), onde ensinou Castelán e Literatura.

Viaxe e estadía en Francia[editar | editar a fonte]

En 1964, trasladouse a Europa e residiu en Francia —en París diplomouse na Sorbona en Literatura francesa clásica (1965) e contemporánea (1966), Magíster en Literatura pola Universidade de Vincennes (1975)—, Italia, Grecia e Alemaña. Desde 1984 até 2010 viviu en España, aínda que adoitaba pasar longas tempadas na súa terra natal.

En 1968, o xeneral Juan Velasco Alvarado asumiu o poder no Perú e dous anos despois, en 1970, nacionalizaba o Banco Internacional do Perú, do que o seu pai fora xerente e o seu avó presidente, o que prexudicou enormemente á súa familia.

Regresou brevemente ao Perú en 1999, e abandonou o país ante o clima político reinante. Volveu a Barcelona en 2002 e publicou tres anos máis tarde o seu segundo libro de memorias, Permiso para sentir, no que denuncia acedamente a transformación de Perú.

Bryce Echenique declarouse seguidor dos arxentinos Julio Cortázar e Manuel Puig, e dos peruanos Julio Ramón Ribeyro e César Vallejo, porque "introduciron e produciron o mundo dos sentimentos e o humor, tópicos moi escasos dentro da literatura latinoamericana de entón".

A narrativa de Bryce Echenique, entre o delirante, o morriñento e o grotesco, está poboada de simpáticos personaxes que se moven como un pouco perdidos nun mundo labiríntico, no medio do humor máis fino e a ironía máis tenra. Bryce Echenique é un mestre da palabra, á que domina e recrea, concedéndolle novos significados. O seu fino humor é recoñecido tanto en América Latina como en Europa. Todas as súas obras están cheas de personaxes que el coñeceu persoalmente.

O escritor está de acordo cos críticos que dixeron que os catro temas principais da súa obra son "o amor, a soidade, a enfermidade (a depresión, moi concretamente) e a felicidade" e por iso os ensaios recolleitos en Entre a soidade e o amor pretenden ser, segundo as súas propias palabras, "unha meditación cando menos fonda sobre o núcleo ardente dos meus libros pero tamén sobre o que eu considero catro experiencias fundamentais de todo ser humano".[3]

Traballou como profesor nas universidades de Nanterre, A Sorbona, Vincennes, Montpellier, Yale, Austin, Porto Rico e outras. Deu conferencias e fixo relatorios en congresos de escritores en Arxentina, Bulgaria, Canadá, Cuba, España, Estados Unidos, Francia, Italia, México, Perú, Porto Rico, Suecia, Venezuela.

A súa obra recibiu importantes premios e foi traducida a diversos idiomas.

A súa irmá, Clementina Bryce Echenique, está casada co xornalista Francisco Igartua Rovira, fundador e deseñador dos dous principais semanarios do Perú, Oiga (1948-1995) e Caretas (1950). Desde o comezo da segunda etapa de Oiga , a finais de 1962, Alfredo Bryce Echenique iniciou unha serie de colaboracións xornalísticas que finalizaron en agosto de 1995, co peche definitivo da revista debido ao acoso publicitario e tributario do goberno ditatorial de Alberto Fujimori. A través destas colaboracións pódense coñecer moitas facetas do carácter de Bryce, como a súa posición antiditadura e de enfrontamento contra todo abuso. A súa resolución a dicir as cousas como son, mereceulle ser chamado o Neno Terrible ou Julius, como o personaxe principal dunha das súas obras.

Acusacións de plaxio[editar | editar a fonte]

Bryce Echenique protagonizou, na primeira década do presente século, un escándalo relacionado co plaxio de artigos xornalísticos, e o 9 de xaneiro de 2009, un tribunal administrativo peruano condenouno a pagar unha multa de 177.500 soles (uns 53.000 dólares), polo plaxio de 16 textos pertencentes a 15 autores, varios dos cales apareceron orixinalmente en medios españois, entre eles, un de Sergi Pàmies publicado en La Vangardia e outro en El Periódico de Estremadura.[4][5] Ante a irrefutabilidade dos cargos, Bryce Echenique tratou infrutuosamente de probar que os artigos foran publicados sen a súa autorización e negou ser o autor deles. Posteriormente declarou á prensa especializada —despois de declarado gañador do Premio FIL— que lle retornaron o importe da sanción pecuniaria e que os seus asuntos camiñaban por boa ruta.

Anos 2010[editar | editar a fonte]

O 2 de xullo, no Hotel Country Club de Lima, presentou Dándole pena a la tristeza, baseada na vida do seu avó o banqueiro Francisco Echenique Bryce. Esta novela podería ser a última que escribe: "Non teño proxectada outra novela. Nunca pode saberse con certeza, pero o que segue é o terceiro volume das miñas antimemorias. O título vén de Quevedo: Arrabal de senectude", declarara respecto diso en 2011, cando estaba á escribir, "afastado de todo, nunha casa de praia chamada Totoritas".[6]

En setembro do 2012, gañou o Premio FIL de Literatura en Linguas Romances, provocando unha gran polémica: coñecidos escritores, como os mexicanos Fernando do Paso (1935-2018) ou Juan Villoro (n. 1956) por citar só a dous, criticaron o xurado argumentando que non se lle debía dar o galardón a un autor que fora condenado polo plaxio de artigos, mentres que os que distinguiron a Bryce Echenique, entre os que se atopa Jorge Volpi (n. 1968), así como outros novelistas, xustificárono aducindo que "Bryce foi recoñecido polas súas novelas e contos: o xornalismo non se enumera". Volpi, a quen pertence esta frase, agregaba: "Pregúntome se a nosa inquisición literaria tamén solicitará firmas para que se lle desposúa do Premio Nobel a Günter Grass por mentir e negar que de mozo se enrolou nun batallón das SS?, ou o Cervantes a Álvaro Mutis, condenado por malversación de fondos?" De todos os xeitos, o balbordo foi tal, que, nunha decisión sen precedentes, optouse por non entregar o premio durante a Feira Internacional do Libro de Guadalaxara, senón darllo caladamente no Perú.[7]

Bryce Echenique estivo casado tres veces (con Maggie Revilla, Pilar de Veiga Martínez e Ana Chávez Montoya), ademais dun último "mediomatrimonio" coa modelo portorriqueña Tere Llenza, 32 anos máis nova ca el, que tamén fracasou.[8]

Obra[editar | editar a fonte]

Novela[editar | editar a fonte]

  • Un mundo para Julius (1970)
  • Tantas veces Pedro (1977)
  • La vida exagerada de Martín Romaña (1981)
  • El hombre que hablaba de Octavia de Cádiz (1985). Esta e a anterior forman o díptico que o autor bautizou como Cuaderno de navegación en un sillón Voltaire.
  • La última mudanza de Felipe Carrillo (1988)
  • Dos señoras conversan (1990)
  • No me esperen en abril (1995)
  • Reo de nocturnidad (1997)
  • La amigdalitis de Tarzán (1999)
  • El huerto de mi amada (2002)
  • Las obras infames de Pancho Marambio (2007)
  • Dándole pena a la tristeza (2012)

Relato[editar | editar a fonte]

  • Huerto cerrado (1968) Son 12 relatos:
    • Dos indios, Con Jimmy en Paracas, El camino es así, Su mejor negocio, Las notas que duerman en las cuerdas, Una mano en las cuerdas, Un amigo de cuarenta y cuatro años, Yo soy el rey, El descubrimiento de América, La madre, el hijo y el pintor, El hombre, el cinema y el tranvía y Extraña diversión
  • La felicidad ja ja (1974)
  • Todos los cuentos (1979). Mosca Azul, Lima.
  • Magdalena peruana y otros cuentos (1986)
  • Goig (1987). Relato infantil escrito en colaboración coa escritora salvadoreña Ana María Dueñas e debuxos de Sonia Bermúdez.
  • Cuentos completos (1995)
  • Guía triste de París (1999)
  • La esposa del rey de las curvas (2009)

Texto biográfico[editar | editar a fonte]

  • A vuelo de buen cubero (1977)
  • Crónicas personales (1987). Edición aumentada de A vuelo de buen cubero, Anagrama, Barcelona
  • Permiso para vivir ("Antimemorias" I)[9] (1993)
  • Doce cartas a dos amigos (2003)
  • Permiso para sentir ("Antimemorias" II) (2005)
  • Permiso para retirarme ("Antimemorias" III)[10] (2021)

Ensaios e artigos[editar | editar a fonte]

  • 1996 - A trancas y barrancas (1996)
  • 2000 - La historia personal de mis libros (2000). Fondo Editorial Cultura Peruana, Lima
  • 2002 - Crónicas perdidas (2002). Artigos, estudos, conferencias e cartas públicas publicadas en diferentes medios entre 1972 e 1997, Anagrama, Barcelona[11]
  • 2004 - Entrevistas escogidas (2004). Selección, prólogo e notas de Jorge Coaguila; Fondo Editorial Cultura Peruana, Lima
  • 2005 - Entre la soledad y el amor (2005). Libro dividido en 4 partes, precedidas dunhas Palabras preliminares, contén os seguintes 10 textos:
    • I LA SOLEDAD: El otro y nostros, La señora X, Soledades contemporáneas e La vejez no se cura
    • II LA DEPRESIÓN: Del humor, del dolor y de la risa (crónica de una depresión)
    • III LA FELICIDAD: La felicidad nuestra de cada día
    • IV EL AMOR: El amor absolutamente melancólico, Cuatro estaciones del amor (y su melancolía), El amor juvenil e Los amores tardíos

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

  • Mención no Premio Casa das Américas 1968, por Huerto cerrado
  • Premio Nacional de Literatura 1972, por Un mundo para Julius
  • Orden El Sol del Perú, rexeitada por Bryce Echenique ao goberno de Fujimori alegando as súas conviccións democráticas
  • Premio Nacional de Narrativa de España 1998, por Reo de nocturnidad
  • Premio Planeta en 2002 por El huerto de mi amada
  • Premio Grinzane Cavour 2002, (Italia) por La amigdalitis de Tarzán
  • Recoñecemento do Banco Financeiro en 2004 polas exposicións e La escritura de mis libros y humor e Personajes en mi obra narrativa[12]
  • Premio FIL de Literatura en Linguas Romances 2012

Notas[editar | editar a fonte]

  1. PERÚ, Empresa Peruana de Servicios Editoriales S. A. EDITORA (2013-02-19). "Un 19 de febrero nació Alfredo Bryce Echenique". andina.pe (en castelán). Consultado o 2023-10-26. 
  2. Smith, Verity (1997). "Alfredo Bryce Echenique 1939-". Encyclopedia of Latin American literature (en inglés). Londres: Fitzroy Dearborn. pp. 278–281. ISBN 1-884964-18-4. OCLC 36480338. e-ISBN 0-203-30436-5. Consultado o 2022-11-27. 
  3. Alfredo Bryce Echenique. Palabras preliminares de Entre la soledad y el amor, De Bolsillo, 2008, p. 12
  4. "Dossier Bryce Echenique: todo sobre los plagios del autor de Un mundo para Julius". 2007. Arquivado dende o orixinal o 2007-12-14. Consultado o 2022-05-12. 
  5. "Indecopi - Noticias". web.archive.org. 2009-01-18. Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2009. Consultado o 2023-10-26. 
  6. Bryce: dándole pena a la tristeza, Bisagra Editores, 01.04.2011; acceso 03.07.2012
  7. "La vida exagerada de Alfredo Bryce". Arquivado dende o orixinal o 2013-03-17. Consultado o 2022-11-12. 
  8. PERÚ, NOTICIAS EL COMERCIO (2023-10-26). "ESPECTACULOS EL COMERCIO PERÚ". El Comercio Perú (en castelán). Consultado o 2023-10-26. 
  9. RedacciónRPP; GrupoRPP (2023-10-26). "RPP - Noticias del Perú y el Mundo Radio Podcast RPP Noticias". rpp.pe (en castelán). Consultado o 2023-10-26. 
  10. "20190516 LaRepublica". braunvega.com. Consultado o 2023-10-26. 
  11. "El Cultural - Revista de cultura y artes referente en España - Elcultural.com en El Español". El Español (en castelán). Consultado o 2023-10-26. 
  12. "Bryce Echenique recibió reconocimiento". 2004-08-03. Arquivado dende o orixinal o 2004-08-04. Consultado o 2022-04-15.