Flora Tristán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Flora Tristán

Flora Célestine Thérèse Tristán, nada en París en 1803 e finada en Bordeos o 12 de outubro, foi unha pensadora feminista e socialista francesa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Filla dun coronel español natural do Perú e nai pertencente á burguesía parisina refuxiada en España por mor da Revolución francesa, o pai de Flora, agregado militar en París morre en 1807 sen poder regularizar o seu matrimonio polas pexas que tiñan os militares españois para casar con estranxeiras. A confiscación dos bens dos españois residentes en Francia ordenada por Napoleón supuxo a confiscación da residencia familiar, Le Petit Chateau e a ruína da familia, Flora ten que poñerse a traballar aos 16 anos nun obradoiro de cerámica propiedade de André Chazal, con quen casa aos 18 anos logo de quedar preñada del, non foi un matrimonio feliz e aos poucos anos sepáranse de común acordo con dous fillos e un terceiro en camiño. En 1826 Flora iniciou un novo proxecto vital en Inglaterra, traballando como gobernanta, cos cartos reunidos emprendeu en 1833 unha viaxe ao Perú para reclamar a herdanza de seu pai. Tras tan só conseguir o pago dunha pensión mensual, regresou a Francia ao seguinte ano.

Xa en Francia comezou a súa actividade pública, primeiro dirixindo peticións ao parlamento francés para abolir a pena de morte, para o restablecemento do divorcio e escribindo folletos sobre a necesidade de acoller ben ás mulleres estranxeiras.

En 1837 publicou Pérégrinations d'une paria, impresións sobre a súa viaxe ao Perú e o poder da oligarquía crioula, Perú (1837), que foi un éxito editorial. O home que estivera casado con ela férea a causa do preito que mantiña pola custodia da súa filla Ana, futura nai de Paul Gauguin, que gañara Flora. Para repoñerse vai a Inglaterra a pasar unha temporada entrando en contacto coas ideas de Robert Owen e o movemento chartista que complementou co coñecemento das de Henri de Saint Simon e Charles Fourier e, de volta a Francia, percorreu as cidades francesas para promover as ideas da solidariedade obreira e anticipouse ás ideas de Karl Marx ao propoñer a creación dunha Internacional Obreira na súa obra L'Union ouvrière (1843). En 1843 emprendeu unha campaña itinerante por toda Francia, esgotada e enferma morreu en Bordeos o 12 de outubro.

Obras[editar | editar a fonte]

  • 1835, Nécessité de faire un bon accueil aux femmes étrangères (Necesidade de acoller ben as mulleres extranxeiras).
  • 1837 Les pérégrinations d'une paria (Peregrinacións dunha paria), narra o fracaso en ser aceptada pola súa familia peruana.
  • 1840, Promenades dans Londres (Paseos en Londres), observacións sobre da vida laboral británica.
  • 1843, L'Union ouvrière (A Unión obreira). Manifesto a prol do estabelecemento dunha organización internacional obreira; Flora percorreu a Francia para difundir a idea, que se adiantaba a AIT (1864).
  • Le Tour de France. Journal 1843-44 (A volta á Francia. Diario 1843-44), publicación póstuma, na que relata os seus encontros con obreiros e xentes comúns de toda a Francia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Flora Tristán

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]